Receita para facer filloas de sangue de porco seguindo a tradición en Trasar de Carballo

1.- Recoller o sangue.

Ao sangrar o porco déixase caer o primeiro chorro e recóllese o resto directamente a unha ola ancha. Xa no momento hai que empezar a remexelo cunha batedeira,  batelo en quente, seguido e sempre na mesma dirección para que non calle ou se corte, porque o sangue callado non serviría. Antes batíase ata arrefriar, agora bótaselle unha pouca auga fría. Xa se lle bota un pouco sal gordo que axuda a conservar. Pode coarse quedando un sangue limpo sen callar nin cortarse. De vez en cando pódese remexer por se acaso.
E xa está listo para facer as filloas. O sangue sobrante pode meterse en bolsas de facer cubos de xeo e metelas no conxelador. Así poderemos facer filloas durante todo o ano.

2.- Preparar o amoado para as filloas.

Se dispoñemos dunha Thermomix botamos os ingredientes e 45 segundos, velocidade 4.
A man, batemos ben os ovos. Engadimos o leite, a auga e o sal. Cando todo estea ben mesturado imos engadindo a fariña mesturando ben para que non queden gromos. En caso contrario pasaremos o amoado por un coador e cunha culler desfaremos ben, para que quede líquido. Tamén se pode usar un batedor eléctrico. Rematamos botando o sangue e deixamos repousar polo menos 1 h.

3.- Facer as filloas.

Cómpren unha/s tixola/s antiadherente/s -mellor das que teñen o borde baixo para traballar máis a xeito- ben quente/s. Primeiro temos que engraxar o fondo da tixola, podemos facelo con

Para cada filloa hai que engraxar o fondo. Debemos estar moi atentos á tixola porque se fan axiña, e coidar que non se queimen. Bótase o amoado de xeito que quede fino, un dos segredos da filloa, e que cubra todo o fondo da tixola. Cando os bordes se comezan a dourar e xa está pasada por un lado dámoslle a volta.
Sácanse a un prato e vanse poñendo unha enriba da outra para que conserven mellor a calor e estean máis suaves.
Finalmente dóbranse botándolles azucre ou mel (tamén se  poden tomar sen nada).

Filloas de sangue brancas

1.-Recoller o sangue.

Nun cacharro ancho ou longo, non nunha ola, cóllese o sangue e non se remexe polo que queda duro, callado axiña. Despois córtase cun coitelo en cadrados. Polos cortes vai ir saíndo o soro ou zume que se lle botará ao amoado. Só se lle bota o soro, non os cadrados. Estas filloas teñen outro gusto. Como os cadradiños botan pouco soro precísase moito máis sangue. Vaise collendo o soro segundo o botan, polo que se poden facer en varias quendas.
En Trasar xa hai anos que non se fan as filloas brancas de sangue porque son máis traballosas.

2.-Preparación.

Fanse como as outras pero hai que lles botar máis soro do que lle botabamos sangue ás negras para que collan un bo sabor.

Fonte das explicacións Pilar Guerra Otero, a Pilar de Baixo. Canto ás cantidades ela sempre fai o amoado a ollo segundo lle vai cumprindo. E sempre lle saen ben, claro.

filloa1
filloa2
filloa3
filloa4

Se vostede coñece outra receita ou xeito de facelas, díganolo (parentes@osparentes.eu) e compartímolo