O licor café de sempre
O licor café Branco
A crema de augardente
Maqueta do alambique para a augardente

****O licor café de sempre****

A Mamacarmen facía tres clases de licor café: nenos, mulleres, homes. O de nenos non tiña alcol, o de mulleres era moi suaviño e o dos homes o máis forte. Logo poñía en cada botella un papel atado cun cordel: hombres, mujeres, niños. A calidade da augardente da ribeira de Oleiros era parte importante no produto final. En todas as celebracións da familia esta bebida era a raíña da mesa xunto cos postres, os cafés de pota e as tertulias.

Propoñemoslles a receita que a Mamacarmen nos deixou do licor café para homes -para mulleres e nenos, iso era un segredo dela-:

 

  • -50 gramos de café por litro de augardente (troceado, mestura)
  • - 1/4 quilo de azucre por litro
  • - unha casca de limón

Nun garrafón ou nunha pota, xúntanse augardente, café e as cascas de limón que se mesturarán durante un mes dándolle voltas ao recipiente de cando en vez.

Para facer o licor pásase todo o líquido por un coador e logo férvese a escoria en auga (como un litro para 8 de licor). Nesta auga, despois de coada por un trapo, disólvese o azucre coa auga case fervendo.

Mestúrase todo e logo próbase engadindo azucre se se quere máis suave e augardente máis forte.

Se se deixa uns meses repousando no garrafón mellorará de sabor.

A Mamacarmen cos seus fillos Juan e José no colo a comezos da década de 1930

Curioso anuncio de licor café en Portugal en febreiro de 2008

 

*****************O licor café branco*****************

O Xosé Manuel, como bo neto da Mamacarmen, tamén elabora un excelente licor café branco. Velaquí a receita:

Nun pote de facer augardente, unha vez cargado (como para facer augardente), na cima bótase o café, a razón de 8 kg para 16 litros de licor resultante -café natural e troceado-.O licor déixase a uns 18º dos que mide o aparato da augardente. Logo de terminada a destilación engádese azucre derretido nunha pouca auga. Unha vez todo mesturado déixase repousar uns meses e logo tómase a pouquiños (se pode ser en boa compañia e sempre que non se teña que conducir).
Nesta receita é importante saber aproximadamente canta augardente dá unha potada para calcular o café necesario, pois os potes non teñen todos a mesma capacidade.
Este licor encarécese moito pola cantidade de café que hai que utilizar.

*****************A crema de augardente*****************

Necesitamos:

1 Litro de augardente
1 Litro de leite condensada
2 culleradas sopeiras de cacao
2 culleradas sopeiras de descafeinado
1 Flanin Royal
Bátese todo e sérvese FRÍO
(recomendase que a augardente non teña moita graduación e mellor que sexa de hai un par de anos para que suavice un pouco o sabor a augardente; ah, se a augardente é caseira e non de sepermecado seica se nota) RECEITA FACILITADA POR CRIS.

 

 

 

volver a Os Parentes