VerA Sociedade
VerOs Parentes
VerDevanceiros
VerNovas ata o 2010
VerPéndulo
VerReciclaxe

Os Parentes SCG
Información sobre as mulas e os machos

Agora a xente nova xa non sabe que é unha besta, unha mula, un macho, un burro. É normal que un mozo non saiba se é o mesmo unha mula ca unha besta. Os devanceiros dos Parentes foron arrieiros –os que andaban cunha reata: bestas atadas en ringleira- levando cousas dun sitio a outro.
Nas nosas casas había unha besta (o mesmo ca egua, aínda que besta tamén é calquera animal de carga) ou un cabalo para ir á ribeira, ao muíño, ás festas. Outros vecinos tiñan un burro ou asno (femia: burra/asna) para axudar na casa.

Seica en Castela os burros eran máis grandes que os galegos, por iso cando alguén vía un burro grande, dicía: un burro castelán. Na zona de Palas de Rei hai cabalo/egua e macho/besta. Estes dous últimos nomes designaban inequivocamente ao mulo e á mula. O termo besta non se utilizaba para a egua. Burros case non había na zona.

Aclaremos, o macho e a mula (a femia do macho) son cruzamento entre unha besta (egua) e un burro. O macho é estéril e a mula semi-estéril (di na Wikipedia que moi raramente pode ter un burriño (pai burro) ou un poldro (pai cabalo). O macho e a mula son moi duros e xeitosos para traballar aínda que teñen sona de seren algo teimudos. Sempre valeron máis as femias, as mulas. O Manolo do Tío Bernardo sendo novo levou unha besta da Casa de Baixo a Chantada (levouna tres veces porque o celo era de 9/10 días) ao burro pero non empreñou e perdéronse os cartos da parada. Seica cando o burro collía a besta, dicía o Mestre ferrador: que sea mula (porque valían máis).
Na posguerra do século XX as mulas valían moitísimo, case tanto coma unha propiedade. O Grande da Corveira chegou a vender unha en 40.000 pts. E o Paco do Penete outra en 23.000 e tivo que lle dar ás agachadas 1.000 ao chalán (un intermediario do país do que se fiaban os tratantes casteláns). Da feira de Santos de Monterroso marchaban camións de mulas. Aquí mercábanse en outubro con 5/6 meses e vendíanse ao ano seguinte en outubro/novembro, eran as mulas quincenas. Dicía o tratante castelán: la mula es quincena?
Desde logo, a sobrevaloración das mulas en Castilla na postguerra foi espectacular. Un profesor da facultade de Veterinaria de León contaba que para comprar unha parella de mulas precisaría íntegro o seu soldo de catedrático de 16 meses. Case nada. Os mulos ou machos, eran tamén moi valorados de adultos (non cremos que menos que as mulas) pero a súa crianza era moi complicada, sobre todo ata despois de estaren castrados (con 3 anos, polo menos), porque tiñan moi mal carácter.
Ás mulas medíaselles a cuartixa que é desde o calcañar ao xeonllo e se tiñan máis de 38 cm de cuartixa botaban sete cuartas ou máis de alto. E se tiñan menos quedábanse máis pequenas. E pagábase por iso no trato, viñan os tratantes casteláns e pagaban moito máis as grandes. (Nos nenos tamén se miraba a cuartixa desde o calcañar ata o xeonllo, e o que tiña a cuartixa grande logo medraba máis. Non se medía en cm, xa se vía se era grande ou pequena).

Cando o cruzamento é entre unha burra e un cabalo o híbrido chámase mula burreña ou besta burreña. Como é máis difícil conseguir o cruzamento e son menos resistentes e forzudos cós machos e mulas, os burreños sempre foron escasos. Tamén son estériles. Tiñan menos valor, cando se vía unha mula ruín dicíase: esta é unha mula burreña.
Os machos ou mulas burreños eran de moito menos tamaño, aínda que con formas máis harmónicas (nos cruces, o tamaño sempre se parece ao da nai, e a cabeza ao pai).
Na nosa zona utilizouse moito o termo "burreño" para definir o carácter das persoas semellante ao das mulas. Dise que un pai en Ourense, cando veu de Cuba, dixo da súa filla que xa estaba en idade de merecer: "es guapa la muy puta, pero es algo burreña".
Cando empezaron a chegar os tractores a Castilla de repente as mulas deixaron de valer. Seica un ano mercou o Grande da Corveira dúas muliñas aínda mamando na besta por 22.500 pts. e cando as vendeu ao ano seguinte perdeu 7.500 pts. Acabara o negocio das mulas.
E tamén os calotes… que daquela unha vez chegou un tratante castelán e contratou a un da terra de axudante a xornal para tratar mulas. Por onde ía mercábaas todas polo prezo que lle pedisen. Menos o tío Manuel de Trasar de Sabugueiro que algo lle cheirou e só lle dicía: váiaseme de aí. O día en que quedaran en sacalas todas á Barrela, ao pasar polo Piñeiro o castelán díxolle ao paisano axudante que tiña que ir facer unha necesidade… e aínda hoxe non volveu. Quedaron as mulas sen vender, o paisano non cobrou, nin o do bar da Barrela que o aloxara, nin… sempre houbo xente con moito conto.

Mula (wikipedia)

mula

Mula burreña (Wikipedia)

mula burreña

Que a un albardeiro lle chamasen amata bestas era un insulto porque se podía pensar que non facía ben os aparellos para as bestas, mulas, burros... A amata era unha chaga ou mancadela que producía polo roce a albarda, aparello ou sela no animal. Na Casa de Baixo houbo, hai anos cando valían moito e se criaban para vendelas despois, unha mula. E a mula fíxose falsa, tiraba coa carga. E resulta que era porque tiña amata, a pobre. Conta a Pilar que unha vez ían varias persoas e a mula botaba ao chan as mulleres que montaban. E dixeron que había que probar cun home, e montou o Señor José do Canolas e a el non o tirou. Co que dixeron aquilo de que "un home é un home", ou se cadra era porque pesaba menos que xa tiña os seus anos!

Conta o Manolo do Tío Bernardo que sendo un rapazolo un día foron xogar ao fútbol á Corveira de Baixo e xogaron contra os de Vilamarín que viñan xa todos con traxe de deporte. Pero tiveron pouco que facer, ao Manolo puxérono de defensa mais estivo descansado que non chegou o balón onda el. Pegáronlles unha boa malleira alí, e os de de Lugo xa levaran canda eles un feixe de bombas. O Manolo aproveitou para lle devolver 500 pesetas ao Rico da Corveira que llas emprestara para devolver na venda dunha mula en Lalín, que o comprador só levaba billetes de 1000. Isto sería alá polos anos corenta e pico do século pasado. Xa choveu!

A MamaCarmen usaba moito a frase espantar a mula (marchar axiña dun sitio). Na fraseoloxía de Pilar Guerra recóllese:  Á muller e á mula, cada día súa tunda ref. COL. PEX. Dito denigrante para as mulleres [segundo o cal as mulas e as mulleres son moi teimudas e só se educan baténdolles].

A maioría da información foi obra do Manolo do Tío Bernardo, complementada polo Gumersindo González e a Pilar Guerra.