A Sociedade
Ligazóns
Parentes
Novas
Reciclamos
Péndulo

MICROTOPONIMIA das terras nas que traballan Os Parentes (email)


1.- As diferentes clases de terreos agrícolas e gandeiros.

Aquí na nosa terra os terreos chámanse eidos. Hai varios tipos de eidos:

-Leira. Eido que aínda dá ben froito: millo, centeo. Normalmente non ten rega.

-Nabeira. Eido mellor cá leira: dá ben millo e patacas, nabos, fabas, cabazos. Normalmente ten rega. Nesta zona botábase moito nabo para alimentación da xente e dos porcos.

-Agro. Sitio máis seco e ruín: era onde se botaba a maioría do centeo.

-Prado. Eido dedicado a herba para o gando.

-Lama e apastadeiro: prado moi húmido con auga e non sempre de calidade polos xuncos e as presas.

-Monte. Eido non dedicado a prado nin labrado. O monte alto ten piñeiros e toxos, o monte baixo só toxos, silvas. Antes o monte baixo era moi valorado porque o toxo se usaba para estrar as cortes do gando e moi tenro tamén para lle dar ás bestas e cabalos.

-Bouza. É un monte baixo cavado para botar centeo dous anos.

-Devesa. Eido con moitas árbores, onda nós case sempre carballos. Non ten porque estar pechado. Se todas as árbores son castiñeiros chamámoslle souto.

-Cerrada. Eido cerrado cun bo valado. Pode ser devesa, monte ou labrado. Cando o mesmo propietario tiña un terreo a carón da cerrada, este denominábase “de fóra”. Así a Casa de Baixo tiña Paramios (a cerrada) e Paramios de Fóra (o sen cerrar).

-Xesteira. Eido ruín con pedras, inzado de xestas e piornos que se usaban para quentar o forno e varrer como vasoira.

-Uceira. Eido de mellor calidade cá xesteira. Coas uces facíase carbón e os mañizos das cubas.

-Murteiro. Terra de moi boa calidade e con rega onde se poñen as coles, os tomates, os pementos, as leitugas, as cenoiras...

Imaxe dos murteiros de Lobelle de Arriba


2. Microtoponimia, nomes dos eidos de Trasar de Carballo -concello de Carballedo-e posible explicación do significado. Con indicación do polígono e parcela (Sixpac)

-A Bubaíña. Polo nome do regato Bubaíña. Pol. 6 - Par. 554, 557, 558

-A Costa. Terreo en costa, inclinado. Pol. 6 - Par. 562

-A Devesa. Terreo con árbores, normalmente carballos. Pol. 22 - Par. 546

-A Devesa Vella. Eido con moitas árbores xa desde sempre. Pol. 22 - Par. 512

-A Fonte Dominga. Terra na que hai unha fonte e nome da propietaria. Pol. 6 - Par. 309

-A Forca. É un monte dicíase que alí era onde aforcaban os condenados por orde dos señores. Pol. 6 - Par. 144

-A Horta de Riba. Parte alta da zona de hortas. Pol. 22 - Par. 684

-A Lama da Pireira. A lama é terra húmida con pasto. As Pireiras son un grupo de eidos nos que houbo pereiras. Pol. 22 - Par. 611

-A Lama do Zorro. Terreo húmido e fondo onde había raposos. Pol. 22 - Par. 551

-A Lamela. Lugar onde acostuma estancarse a lama ou pequeno prado con herba verde. Pol. 22 - Par. 726

-A Leira da Cruz. Pode ter ese nome por haber alí un cruce camiños. Pol. 22 - Par. 716

-A Nabeira Nova. Eido que se dedicou a nabeira non hai moito. Pol. 22 Par. 602

-A Paradela. Pequeno descanso, pequena parada, é unha zona algo cha. Pol. 6 - Par. 292

-A Purreira. Lugar onde abundaban os porros (da familia dos allos). Pol. 6 - Par. 283

-A Rebouza. A rebouza era o segundo ano de bouza (monte cavado). Pol. 23 - Par. 243

-A Regaña. Val estreito coma unha regaña. Pol. 6 - Par. 240

-A Revolta. É un camiño curvo, con volta. Pol. 22 - Par. 651, 652, 654

-A Villerma. Un lugar que estivo ermo. Pol. 22 - Par. 670

-A Voutureira (ou ventureira ou veitureira, que así lle din tamén). Poderá ser lugar de voitres ou de ventos, non sabemos. Por alí tamén hai moito raposo.

-A Zanca. Finca grande e cerrada. Pol. 6 - Par. 721, 189

-As Batocas. Terreos húmidos e encharcados. Pol. 6 - Par. 297

-As Bouzas. Montes que se cavaban. O cavar na bouza parece ser un dos traballos máis fortes e duros dos de antes. Pol. 6 - Par. 369 e Pol. 22 - Par. 520

-As Cubelas. Terreo fondo, onde encharca a auga. Pol. 6 - Par. 371

-As Hortas. Terreos dedicados a horta e murteiro (morteiro). O mellor terreo da contorna. Pol. 22 - Par. 727

-As Lamas. Pol. 7 - Par. 481

-As Pistelas. Pequens pistas ou camiños? Pol. 23 - Par. 21

-As Rigueiras. Lugar por onde corre a auga, regueiro. Pol. 22 - Par. 660, 665

-Augaboa. Terra con boa auga. Pol. 23 - Par. 201

-Casouril. Debeu haber algunha construción. Pol. 22 - Par. 490

-Cerrada do Pataqueiro. Eido pechado da casa do Pataqueiro. Pol. 6 - Par. 579

-Cazabois. E el terá que ver con bois? Pol. 6 - Par. 222

-Coiras. Pelicas ou peles de animais. Pol. 22 - Par. 29

-Cortiñas. Finca cercada con pedras, silvas, leña. Pol. 22 - Par. 530, 531, 527

-Debaixo da Uceira. Parte do eido de Portacales ao lado da Devesa. Pol. 22 - Par. 545

-Ferradás. Leva o nome por seren eidos moi pequenos de a ferrado. Pol. 22 - Par. 627

-Lama Cova. Terreo fondo e húmido. Pol. 22 - Par. 552

-Lama Redonda. Terreo fondo e húmido de forma redonda. Pol. 22 - Par. 550

-Lama Travesa. Lama atravesada por un o rego ou presa de auga. Pol. 22 - Par. 537

-Libureiras. Terra de lebres (latín leporaria). Pol. 23 - Par. 19

-O Areal. Eido con area traída pola arroiada. Pol. 22 - Par. 566

-O Arransallo. Eido ruin. Pol. 6 - Par. 380, 382, 383

-O Cazarrete. Pode aludir a unha rede de caza para paxaros, etc. Pol. 23 - Par. 287

-O Chao do Carballo. Terra cha, plana, chaira de carballos. Pol. 6 - Par. 352

-O Coto. Lomba redonda, cume ou cima dun monte. Pol. 22 - Par. 546

-O Fondo do Agro. A parte máis baixa e mellor dun agro. Pol. 22 - Par. 452

-O Lameiro. Terreo moi húmido ou con bo regadío onde se dá ben a herba verde para o gando. Tamén servía para estender a roupa cando se facía a colada na puza das Hortas. Pol. 22 - Par. 701

-O Lavadoiro. Prado que tiña unha puza (poza) adaptada para lavar a roupa. Pol. 22 - Par. 625

-O Monte Arrieiro. Monte que foi da Casa do Arrieiro. Pol. 6 Par. 270

-O Monte Calvo. Monte baixo e de mala calidade. Pol. 6 - Par. 247

-O Muíño. Pola existencia dun muíño no eido. Pol. 22 - Par. 502, 505

-O Outeiro. Pequena elevación do terreo, en costa. Pol. 22 - Par. 606

-O Pradiño. Prado pequeno. Pol. 22 - Par. 710

-O Prado de Riba. O prado máis alto. Pol. 22 - Par. 634

-O Prado de Baixo. O prado máis baixo. Pol. 22 - Par. 537

-O Rexidor. Pode deberse o nome a algún dos seus posuidores. Pol. 6 - Par. 383

-O Rolleiro/rulleiro. Remoíño de auga producido por correntes. Pol. 22 - Par. 643, 638

-O Val. Terreo fondo entre costas. Pol. 22 - Par. 663

-Os Buratos do Zorro. Terreo cheo de covas feitas polos raposos. Pol. 22 - Par. 507

-Os Chaos. Terras planas. Pol. 22 - Par. 558

-Os Chousos. Eidos pechados. Pol. 23 - Par. 238

-Os Currás. Alí sempre debeu haber pendellos ou cortes nalgún prado. Pol. 6 - Par. 317

-Os Lobos. Debían andar moito por alí os lobos. Pol. 6 - Par. 244

-Os Regos. Monte no que hai regatos. Pol. 6 - Par. 127

-Os Salgueiriños. Eidos nos que hai salgueiros. Pol. 6 - Par. 320

-Os zorros. Lugar con moitos raposos. Pol. 22 - Par. 539

-Paramios. O paramial ou páramo é unha extensión grande de terreo ou lugar alto e pedroso. Pol. 6 - Par. 359

-Portacales. Comezo dos regatos, das cales. Pol. 22 - Par. 547

-Suashortas. Debaixo das hortas. Pol. 22 - Par. 700

-Tras das Airas. Eidos que están detrás das airas do lugar. Pol. 22 - Par. 601, 592

-Valderredes. Un val onde houbo redes. Pol. 22 - Par. 315

No Catastro do Marqués de La Ensenada de 1753 xa figuran nomes de eidos en Trasar de Carballo: Lodeiro, Outeiro, Ferradás, Portacales, Palleiro, Lama, Lamela, Agro, Currás, Rollo, Rolleiro, Pereira, Pereiras, Campo, Val, Verea/Berea, Coto, Chan/Chau, Baixo, Porra, Porreira, Branca/Banca (ou Carvallo, nunha finca), Revolta, Frea, Salgueiriños, Villerma, Carvallo, Soanabeira.

(Reyno de Galicia, Provina. De Lugo, Sn. Hestevan de Cartelos, Coto delmismo nm. Libro de Vecindario quecomprehende todoslos Individuos Seglares de ambos Sexos conDistencion dehedades, Estado, Oficio, Arte e Industria y deloquecadauno Utiliza poreStaRazon).

Fiigura como Hidalgo: Dn. Benito de Temes, casado suhedad 60 años, tiene un hermanomayor, una sobrina, un capellán, un criado menor, una Dueña... E logo vén a lista de Labradores ganan dos reales por dia laborable. Son 17 homes e tamén 4 Muyeres Viudas e 1 Arrendatario en Cartelos. En Trasar: Francisco López, Isidoro García, José Fernández, José González, Jacobo da Costa, Manuel de Simón, Manuel Varela, Pedro González.



3.- Microtoponimia. Nomes dos eidos de Lobelle de Arriba -Carballedo- e posible explicación do significado.

-A Cerrada. Eido pechado.

-A Costa. Eido en terreo inclinado.

-A Devesa. Eido dedicado a árbores.

-A Pena. Eido con pedras grandes.

-A Petada. Eido en terreo inclinado.

-A Pireira. Eido que tivo pereiras.

-As Lamas. Eido húmido e con auga.

-O Apastadeiro. Eido húmido con moito pasto.

-O Coteiro. Eido situado nun lugar alto.

-O Muíño Vello. Eido onde houbo un muíño.

-O Pacento. Terreo bo para pacer o gando, case unha lama.

-O Portelo do Carro. Terreo polo que entraba o carro.

-O Prado da Pepa. Fai referencia á que foi a súa dona.

-O Rigueiro de Navás. Polo regato Navás entre Quintá e Lobelle.

-O Río. Hai un regato alí.

-O Salcedo. Terreo de salgueiros.

-Os Cortiños. Houbo cortes para o gando.

-Os Freos. Nese sitio abundan as freas, herbas longas e duras.

-Vales. Terreos fondos.


4.- Microtoponimia. Nomes dos eidos do Barrio de Puga -Carballedo- e posible explicación do significado.

-A Cabada. Monte que nalgún tempo se cavou.

-A Calexa. A calexa era o rego polo que baixaba a auga para a rega.

-A Corredoira. Fai referencia a un camiño fondo. Foi nabeira, hoxe monte.

-A Costa da Ermida. Terreo inclinado cerca da Hermida.

-A Felga. Monte de uces onde se facía o carbón. Polo nome debía haber motas felgas ou gramas.

-A Lama. Terreo húmido e de pasto.

-A Leira da Deves. Non sabemos o significado de Deves ou Debes.

-A Leira de Fondós. Eido que leva o nome do regato de Fondós.

-A Nabeira da Cambota. Eido, nabeira que foi de alguén chamado a Cambota, facilmente por vir de Camba.

-A Nabeira de Lobelle. Nabeira situada neste lugar.

-A Nabeira. Eido de boa calidade.

-A Rigueira. Terreo polo que pasa un rego de auga.

-A Serra Pequena. Pequeno monte.

-A Subodega de Dentro e a Subodega de fóra. Eidos situados debaixo da bodega, o cerrado e o exterior.

-A Xesteira. Eido poboado de xestas.

-As Lamas. Monte situado nun lugar con humidade.

-Cas Vicente. Eido da casa de Vicente.

-Cornelle. Eido en forma alongada.

-Gatón de Fóra e Gatón de Dentro. Terreo en costa, unha parte cerrado con valado (dentro) e outra sen cerrar (fóra).

-O Agro de Pedras. Eido grande con moitas pedras, onde se sementaba o centeo.

-O Carredal. Carril ou portelo para entrar e saír.

-O Carril. Eido que tiña un carril ou portelo para entrar e saír.

-O Monte do Salcedo. Eido no que houbo salgueiros.

-O Prado da carretera. Prado situado a carón da estrada Ourense-Lugo.

-O Prado de Lobelle. Prado situado neste lugar.

-Os Montes do Coto. Montes situados nun lugar alto.

-Os Ramos. Monte situado no alto de Ramos.

-Sabariz. Non sabemos que quererá dicir o nome.

Peneda no eido do Paco do Guerra Os Ramos


5. Microtoponimia. Nomes dos eidos de Vilaguillulfe -Carballedo- e posible explicación do significado.

-A Campaza. Pode ser prado de secano ou campo grande e chan.

-A Costaneira. Eido en costa, inclinado.

-A Devesa do Rei. Carballeira grande que facilmente fose real.

-A Fonte. O nome débese á existencia dun manancial.

-A Gandareira. Monte baixo e algo chan.

-A Lama da Viña. Terreo húmido no que houbo viña.

-A Lamela. Pequeno prado para verde.

-A Leira da Fariña. Non sabemos o por que do nome.

-A Leira das Pedras. Leira con pedras.

-A Presa. Terreo polo que pasa unha presa de auga.

-A Regatiña. Sitio pequeno cun regato ou tamén pequeno regato.

-A Seara. Terra cultivada, labrada.

-As Cegoñas. Este nome parece indicar que nestes lugares houbo cegoñas xa hai tempo.

-As Lamas. Terras húmidas e con pasto.

-As Regas. Terras con rega.

-As Senras. Terreos cultivados.

-As Travesas. Eidos que atravesan ou eidos estreitos.

-Carral. Sitio para ter carros ou apropiado para carros.

-Castiñeiras. Terros con castiñeiros.

-Fontes. Denota existencia de mananciais.

-O agro do Regueiro. Agro a carón do Regueiro.

-O Blanquiño. Non sabemos.

-O Coto de Moscoiros. Non sabemos.

-O Couto. Sitio alto ou porque pertencía ao Señor.

-O Regueiro. Fai referencia a un regato de auga.

-O Reguengo. Terra que pertenceu á coroa ou tivo un imposto por iso.

-O Rulleiro. Remoíño de auga producido por correntes.

-O Trasvalado. Detrás do eido O Valado.

-O Valado. Eido pechado cun muro ou valado.

-Os agros de Burgás. Agros situados no lugar de Burgás.

-Os Calvóns. Non sabemos e chócanos que acabe en -ons e non en -os.

-Os Chousos. Eidos pechados con valados.

-Os Peagos. Debeu haber un pequeno encoro ou poza de auga.

-Os Prados do Muíño. Prados arredor do muíño.

-Os Seixos. Debeu haber pedras nestes eidos.

-Os Síos. Pode ser por abundar a planta Apium nodiflorum.

-Porral. Alí debeu haber porros (da familia dos allos).

-Portapena. Lugar para cruzar o río Asma polas pedras.

-Redonde. Eido de forma redonda.

-Sobrelamas. Por enriba das Lamas.

-Surredonde. Debaixo de Redonde.

-Traloouteiro. Detrás do Outeiro.

-Tras Vilapedre. Detrás de Vilapedre.

-Vilapedre. Eido que foi de Pedro ou eido con moitas pedras.


Superficie, polígono e parcela dalgúns dos eidos citados

A Sociedade
Ligazóns
Parentes
Novas
Reciclamos
Péndulo