English

 

Limiar

A Sociedade

Os Parentes

Ligazóns

Devanceiros

Semblanzas

Reciclaxe

Péndulo

 

NOVIDADES De outubro de 2005 a setembro de 2006

NOVIDADES De maio de 2005 a outubro de 2005

NOVIDADES De outubro de 2006 a marzo de 2007

NOVIDADES De abril de 2007 a marzo 2008

NOVIDADES De abril do 2008 a marzo do 2009

   

23 de decembro: Os Parentes desexamoslles aos nosos visitantes web unhas boas festas. Esquezan os problemas e boten man do humor e da retranca, coma os desta revista pontevedresa

28 de decembro de 2009: bailaron os Parentes o día das peghotas... e deron paso ao blog

22 de decembro: o caso é ter saúde... porque a calotería non tocou outra vez... e sobre o traballo xa se ve o que di o Carrabouxo
20 de decembro: un amigo mándanos esta foto. Igual tamén os gandeiros debiamos facer campañas destas e regalar 1 litro de leite con outros produtos de primeira necesidade
19 de decembro: a nosa Helena foi patinar á Coruña
18 de decembro: Seguimos a loitar pola defensa do sector, desta vez en Santiago
14 de decembro: Estes fermosos kiwis son colleitados nas terras dos Parentes, a colleiteira quixo facer a inicial do seu nome con eles.
12 de decembro: Labores de mantemento de praderías, despois de tanta choiva temos que limpar os regos
9 de decembro: curiosa pataca do ano pasado. Quedou encima dunha pedra no pataqueiro en Vilaguillulfe e púxose dese xeito. Di a Tita que en Vilaguillulfe as patacas danse inda que sexa encima das pedras
6 de decembro de 2009Nesta ponte moitos fixemos a matanza, os Parentes tamén probamos algo, a freba moi boa, o pan  de Cea do forno do Eliseo, riquísimo tamén.
3 de decembro: a campaña de saneamento saíu BEN, agora andamos coa revisión de maquinaria.
30 de novembro: Estamos coa Campaña de Saneamento, este ano é a primeira vez que se fai na nova nave, agora xa chea de gando

25 de novembro: Equivalencias da nosa avoa Mamacarmen, que aínda pensaba en cuartillos (equivalencias das medidas e pesos no noso concello de Carballedo)

VIÑO

         UN NETO = UN CUARTILLO = ½ Litro
         UNHA OLA = 18 litros por Oleiros (por Chantada 22, por Raíces 16)
         UN CANADO = 2 Olas = 36 Litros
         UN MOIO= 2 Canados = 72 Litros
         UNHA PINTA=0,56 Litros

  TERRAS

         UN FERRADO = 629 Metros = 30 Cuartillos         
         UN CUARTILLO = 21 Metros
         UNHA HECTÁREA= 16 Ferrados = 10.000 Metros

VARIOS

         Un ferrado PAN = 14 Kilos
         Un Ferrado MILLO = 18 Kilos
         Un Ferrado FABAS = 20 Kilos
         Unha LEGUA = 5 quilómetros
         Unha LIBRA = 16 ONZAS = 0.45359 Kg
         1 Kg = 2.2046 Libras
         Unha ARROBA =    25 Libras

22 de novembro: Fomos a Madrid, non sacamos moito en limpo pero alá fomos.

21 de novembro: E el saberán que paxaro é este que canta? (escoitar)

(solución)

20 de novembro: Mobilizacións , o venres en Lugo, o sábado en Madrid, queremos cambiar a política agraria. Non é fácil.
Mentres imos preparando as matanzas (figadeiras), a máquina de encher os chourizos agarda polo labor

16 de novembro: Estes días chove despois de chover. Di o Manolo do Tío Bernardo (felizmente recuperado da súa operación) que cando el era rapaz tamén chovía moito, botaba igual dous meses chovendo; o río de Viana botaba por fóra e cando ían á escola vían os prados cheos de auga. Ata unha vez o Cándido do Pelcho e o noso Curmán Maior non puideron cruzar o río cara Vilaguillufe e tiveron que quedar en Esmoriz. Tempos aqueles...!

15 de novembro: Este Sr. Oca deunos moitos e sabios consellos cando andabamos a pensar en montar Os Parentes. Hoxe vimos na internet un artigo seu moi interesante para defender as nosas explotacións gandeiras
14 de novembro: Sindo
12 de novembro: Moitas grazas a todos os que viron o erro do outro día. Non era a Amanita faloides, era a Muscaria. Como moi ben nos di Angel Castro, a faloides é mortal e a muscariatóxica. Grazas tamén ao veterinario Jaime a ao Curmán Maior. Nótase que non somos especialistas no asunto. Perdoen polo erro.
8 de novembro: Así de fresca estaba hoxe esta rosa na Mariña. A roseira foi criada no Incio polo noso tío empadescanse. El mandou un gromo para a Beiramar e alá medrou esta flor. Tan fresca como a flor está a nosa memoria del.
6 de novembro: Andamos a coller reservas de leña para o inverno, este ano parece que non imos pasar frío. Parte de culpa ten a Autovía que vai ocupar 1/3 da finca do Tío Manolo na que medraba a leña.
1 de novembro: Hoxe día dos magostos, tempo propio da castañeira, choiva e vento, só se fai levadeiro se esáas con castañas e viño novo a carón da lareira
30 de outubro: obras na Casa de Baixo
27 de outubro: no Outono dá gusto andar polos eidos, castañas, noces, mazás, zarrotes... claro que temos que ter coidado, bonitos si que son, pero non é recomendable recollelos e menos consumilos sen coñecelos: Amanita Faloides
25 de outubro: Nós non participamos, pero como non podía ser doutro xeito, pasamos presenciar as poxas e ver a exposición de maquinaria, así como a interesarnos polo xeito de presentar os distintos produtos do campo que alí se expoñían, (queixo, castañas, mel, setas, noces, etc.). Inda que o principal era o Gando, podíaste informar de moitos temas relacionados co sector, mesmo de novos xeitos de aproveitamento de enerxías

20 de outubro: o noso irmán/curmán Sindo premiado!!! Ben que o merece!!! Pódese ver a noticia completa

19 de outubro: un remolque cheo de cabazas ... como se vai poñer a ceba deste ano! Co que lles gustan e as sementes non deixan unha!
18 de outubro: Día de San Lucas e grande, grandísima manifestación en Santiago. Outra vez a manifestarse por algo noso, uns días polo leite, outras pola lingua que falamos. Os Parentes tamén estaban representados...
17 de outubro: Alá vai a maioría da ensina, agora a botar un sorriso co Carrabouxo
15 de outubro: Andamos a ensilar no millo, esta vez podemos dicir que é a forza da ensila, a tandada máis grande de millo que entra este ano. Por outro lado os Técnicos fan unha cata para analizar o millo ensilado hai cerca dun mes.
13 de outubro: Que leite do mercado é o mellor? Vaia pregunta máis difiícil. Desde logo que polo menos o que nós lles mandamos a leite Celta é do mellorciño .
12 de outubro: Día do Pilar. Felicidades!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!
9 de outubro:  O facultativo está a operar, e o que ten na man é o unto, ben podía chamárselle saca-untos

7 de outubro:  Lido en El Correo Gallego de onte: DOCTORANDA. A veterana Universidade de Santiago de Compostela segue demostrando que o seu zume novo está máis que á altura. Olalla Vázquez é bo exemplo diso. Un dos tres VII Premios de Investigación Lilly para doctorandos de España foi para esta moza, que se forma no Departamento de Química Orgánica, baixo a dirección de José Luis Mascareñas. Olalla estuda versións artificiais en miniatura das proteínas que recoñecen a ADN. Ademais da súa utilidade como modelos simplificados dos sistema naturais, explica a investigadora, as súas moléculas poderían ter tamén potencial terapéutico. Parte dos resultados dos seus traballos xa se publicaron en revistas de prestixio e deron lugar a varias solicitudes de patentes. Que se sumen os nosos parabéns.

É por que aparece isto nos Parentes? Pois porque Olalla é a filla da nosa amiga Ólida (daquí ó lado, da Espai) e do Manolo e sempre nos alegramos dos éxitos dos fillos dos nosos amigos.

A que se lle imita ben á súa nai?

4 de outubro:  Gran exposición en Ourense de Buciños e alá fomos... Que mellor xeito de anunciar a exposición que pór unha escultura fóra, dentro moito máis. Non puidemos falar co Artista, saíra, moita xente, moitos coñecidos comúns; as esculturas, cada vez máis logradas, Manolo un bon amigo! Un abrazo dos Parentes!
2 de outubro:  en rigorosa exclusiva, se pinchan aquí poden escoitar o viño fervendo na Adega do Xosé
39 de setembro:  Teñen que gustar os figos para empolingrarse deste xeito para collelos. Estes eran para regalar, case todos foron para Trasar de Carballo. A Figueira plantouna a Veneranda hai moitos anos, contaba que a trouxera de bastón desde Levices e ao chegar á casa espetouna, prendeu, e bos figos que dá!
29 de setembro:  San Miguel das uvas, tarde vés e pouco duras. Nós xa temos a vendima feita. Polo día de hoxe cantas veces o Xan de Baixo ía cedo para Buciños reservar a carne ao caldeiro no Cazolo. Logo surtiámoslle o resto da familia e comiamos de campo todos. Que tempos! Pois aproveitamos para saudar a todos os amigos e seguidores da páxina de Buciños que hoxe están de festa. Que lles aproveite!
27 de setembro:  Outra colleita máis. Arestora na Adega do Xan de Baixo e na Adega do Xosé xa están empezando a ferver as uvas que onte vendimamos en Carcacía-Oleiros. Boa colleita, só falta ver o que di a analítica. A nova xeración de mocidade comportouse no traballo, pero despois foron polos Parentes e hai que ver o estragadiños que estaban.
24 de setembro:  2ª parte da ensila de millo, as altas temperaturas apuran a recolleita. É curioso, pero tanto sol fastidia un pouco a primeira hora da mañá e a ultima da tarde a visión dos operarios que andan con maquinaria.
19 de setembro:  Xa temos o primeiro enxeñeiro na historia da familia, o Rubén, desde onte xa é enxeñeiro químico especialista en taboleiros.... felicitacións...
Falando de enxeñeiros contaba o Cesteiro, empadescanse, que unha vez había un rapaz que era ingheniero e estaba un día metido no seu cuarto mira que te mira para o armario e para a porta. Entrou o pai e preguntoulle por que miraba tanto. El dixo que non entendía como un armario tan grande entrara por unha porta tan pequena. Pero home, díxolle o pai, entraría desmontado. Cousas do pavero do Ucha.
16 de setembro:  Este ano moitas e boas patacas, recollémolas antes de chover, limpiñas, agora que se conserven.
14 de setembro:  Despois dunha morea de meses tomando o café do mediodía co Ben Falado, hoxe xa quedamos sen escoitar o abur do noso amigo Xesús Ferro. Moito aprendemos nese programa! Foto da visita con nosos padriños
13 de setembro:  As altas temperaturas fixeron que se adiante a ensila de millo, polo de agora só fixemos 3 hectáreas. Mentres as maquinas traballan, técnicos de ICOS e de OS PARENTES, planifican e cambian impresións, e ata discuten do futuro do leite e da folga programada para dentro duns días. Claro que todo isto fano á sombra
9 de setembro:  San Peguerto... como agora os mozos non van ao servicio igual hai menos devotos... o santo non ten culpa...
O Carrabouxo coma sempre...
8 de setembro:  no Faro: moita xente, moita calor e moita devoción á Virxe

7 de setembro:  Onte houbo no Incio a Feira do Pan e, claro, quen foi non puido menos que facerlle unha visita ao santo protector dos Parentes

E falando de santos avogosos, seguro que as Virxes de Fátima, Lourdes, Guadalupe... son todas especialistas en milagres difíciles pero aquí entre nós non hai como a Virxe do Faro, especialista en todo tipo de achaques e necesidades das xentes da contorna, é unha Virxe de confianza. Mañá é o día do Faro, festivo en Chantada. Por iso o noso presidente anda por aí dando unha volta coa señora... que lles aproveiten as vacacións...

5 de setembro:  arte nas nosas paredes... Interesad@s en saberen o significado manden email...
2 de setembro:  a familia do Rodrigo visitando a Vitoria en Bueu
28 de agosto: Para rematar a campaña da herba deste ano, só outra foto de algo que atopamos na nosa andaina por fincas e leiras da redondeza. Esta foi feita en Lobelle de Abaixo, a carón da reitoral
27 de agosto:  becerro alimentándose

23 de agosto: Outra cousa que atopamos na nosa andaina de recolleita de herba seca foi esta plantación de xirasoles, nas Casas, camiño de Sillán

Por encargo de Medio Rural, a productora Con 5 Sentidos pasou por Os Parentes  a gravar o ordeño e recollida de leite da explotación. Ao Final tamén quixemos que quedara constancia da súa visita e amablemente se deixaron retratar, vemos o cámara, o axudante Adrián, e a Directora de producción. 

22 de agosto: seica o can é o mellor amigo do home, tamén din que é o mellor animal de compañía: o noso Lucas é un bo amigo
19 de agosto: Contaba o domingo no diario o escritor Luís González Tosar dun vello que estaba arando cunha xugada de bois e di: "o petrucio mandou parar a xugada de bois, xoooo!". Pois será na súa terra, que eiquí para que pare a xugada diciamos "oouuuáaah", para as caballerías si se dicía xooo!
17 de agosto: Comen todas con apetito. Grazas o carro saiu ben a foto.
Escaleira de caracol que atopamos debaixo dun carballo cando andabamos a segar na herba.
16 de agosto: xa andamos na primeira tanda das minivacacións

13 de agosto: Na parroquia da Cervela, concello do Incio (Lugo) no que chaman o cabildo (adro) da igrexa está colgado este aparello. Chámase escano e servía para levar os cadáveres da parroquia ata a igrexa e cemiterio. Ten unhas bisagras para abrir de lado as baldeiras, colocar o morto e logo subilas, e uns pés para pousar. Collían dous homes por diante e dous por detrás e levaban con comodidade o cadáver polas congostras da parroquia. Tamén servía para levar doentes. A señora Mercedes da Eirexe contou todo isto pero ela nos seus oitenta anos xa non lembra que o utilizasen nunca. É o que lle contaban. Tamén di que pasou moita xente por alí e moitos arquitectos e todos dixeron que nunca viran tal nunha igrexa. Este cabildo ou adro cuberto está diante da igrexa separado por uns poucos metros. A Sra. Mercedes dixo que hai anos estaba unido á igrexa pero un cura decidiu tirar uns poucos metros para que se puidese ver a fronte da igrexa e non se estragase tanto.

E xa por aquí vexan o millo entre lusco e fusco....

7 de agosto: hoxe volve saír o nome de Cartelos en varios diarios pola custión esa da festa da JUVENTÜ.

2 de agosto: Como o tempo esta revolto aproveitamos para facer unha pequena excursión, fomos a Vilar De Monte, parroquia da Aguada. De camiño visitamos as fincas de millo que temos na Corveira, e despois acercámonos a Vilar do Monte onde vimos o pé dun cabaceiro, tipo de hórreo pouco común pola nosa zona, fixámonos no detalle do furado que ten a pedra ovalado, e entendemos que poida ser pa que non xire o pao que forma a estructura do cabaceiro.

3 metros xustos e o que mide o millo no Recobio, está barbando, está guapo de verdade, claro que temos que esperar a recolleita pa saber o resultado, pero por agora PROMETE

30 de xullo. Hoxe anda a nosa parroquia de Cartelos na televisión e mesmo sae o noso presidente honorario Manolo do Tío Bernardo. Poden velo na TVG, minuto 36:40

29 de xullo: Non paramos, case se pode decir que metemos a herba "aos escampados". O tempo non axuda pero nos insistimos
24 de xullo. Inda faltan algunhos detalles para rematar a obra, pero o Tanque de Lobelle xa está cheo. Utilizámolo nós para cargar auga para beberen as vacas que pacen  cando non teñen auga na finca, tamén o utilizan as brigadas de incendios e moitos veciños cando lles cómpresitan. Recolle auga de varios mananciais, un deles o da famosa Fonte do Recobio que está a poucos metros antes do tanque.
20 de xullo. Andamos na seca, apurando  a recoller a segada antes de que chova outra vez.
19 de xullo. Parece que algo está a moverse no tema do leite, por agora seguimos á espera de resultados, fomos á  Coruña, Madrid, Santiago, Chantada, antonte a Lugo, e seguiremos loitando para saír a diante facendo o que sabemos, nos gusta, e que tanto levamos traballado e invertido. Temos que botar man da vocación, dos aforros, e da gana de superarse para aguantar no sector. Veremos que noticias temos para a seguinte semana, mentres a seguir loitando, á nosa maneira, producindo con sentido e calidade

17 de xullo: Parece que despois de moito tempo chega unha noticia que non vai en contra do leite. Seica hai acordo para poñer un prezo de referencia no leite, os 31 céntimos. Non é moito, nin se parece ao nos cumpría para traballar con garantías. Pero é máis do que temos.

Onte volveron Os Parentes protagonizar o programa Ben falado (repetición). O luns saíu a Pilar de Baixo...

Tamén onte foi o día do Carmen que os mariñeiros celebran con tanto cariño. Os Parentes saudamos pola patroa a todos os mariñeiros que visiten a páxina. E que lles paguen o peixe mellor ca a nós o leite!

14 de xullo de 2009. Estamos a reformar o tanque de Lobelle xa que ultimamente tiña perdas de auga. Anulamos o famoso "caneiro mandadeiro" caneiro que no seu día foi algo case que misterioso pois tiña un mecanismo interno que facía que ao estar cheo se abrira automaticamente e logo se cerraba ata que se enchía outra vez. Agora foi cambiado por unha simple chave de paso
9 de xullo de 2009. Empeza a entrar herba seca, polo de agora con pouca intensidade xa que o tempo non axuda. Esta primeira traémola "solta" para facilitarlle o traballo ao carro mesturador á hora de facer a ración

7 de xullo de 2009. As viaxeiras de Fátima seguen mandándonos instantáneas da viaxe.

Cada día miramos o tempo na galega, a ver se podemos segar a herba. E despois vén o noso amigo Xesús Ferro, que programa máis bonito o de onte coa carta da señora aquela!!!

4 de xullo de 2009. A mamá/ tía Pilar e a Mª Carmen foron a Fátima. Seica tamén lle pediron á Virxe que arranxase o problema do leite, que os nosos políticos e empresarios non conseguen nada. Que ben nos viña ese milagre!!!!!
29 de xuño de 2009. Con estes días de choiva o millo empeza a pórse guapo, os dous regos do medio son Valarta, os dos lados Euroestar, pouco se diferencian por agora, temos que esperar a recolleita para ver cal deles dá mellor resultado. Tendo en conta sempre outros datos como abonado, data de sementar, preparación da terra para semente, influencia da climatoloxía durante o crecemento, etc. Polo de agora imos a facer un seguimento de como evolucionan, logo despois da recolleita unhas análises, e con estes datos chegar a unha conclusión.
26de xuño de 2009. A ver se saben cal é o animal que berra (que nos visita ás veces, o moi pícaro e ata unha vez caeu no puzo)

24 de xuño de 2009. A ver se averiguan para que fixemos o aparello que loce a vaca, é de fabricación caseira pero efectivo.

En Castro fan sinxelos espantallos para poder probar as cereixas, as merlas non nos deixan nin a proba

23 de xuño de 2009. Cando mañá saia o sol seica vai bailar. Haberá que velo. O que non sabemos é se o captará a nosa cámara de fotos especialista en vacas. Se sae a foto xa llela poñeremos aos amigos da páxina.

Como andamos a gozar duns días de descanso a semana pasada tocoulle ao Presidente que ... vendo mundo quedou encantado co bonita que está a igrexa de Chouzán. Só lle sobrarn eses carteliños da obra, non cren vostedes que o que hai que ver é a igrexa e non o cartel?

22 de xuño de 2009. Carril-tractor: o tractor ocupa un anaco de pista pero ao mesmo tempo cerra parte do carril e dá de beber ás vacas, está fóra porque a finca non é grande e tasáronlles pouco ás vacas de xeito que dentro ocuparía moito.
15 de xuño de 2009. Tractorada en Chantada, saímos da Barrela e en Chantada xuntámonos co resto da comarca. Como inda non solucionamos nada quedamos citados para a próxima mobilización.
12 de xuño de 2009. Curiosa foto da fonte da cerrada da Regaña, esa que seica tiña algo de medicinal, seica a nosa bistía Vicente facía o recado de botar algo de xofre? por alí para que se vira. Se queredes saber máis preguntar ao Tío Manuel. A foto é curiosa polo efecto que fixo o flas sobre os fentos que recibían algo de sol cerca da noite.
11 de xuño de 2009. Con tanta choiva as patacas medran pouco, pero como dicimos nós, teñen bos principios
5 de xuño de 2009. Pois o curmán maior andou a traballar para a xuntanza deste ano e parece ser que é mellor que sexa o 15 de agosto
4 de xuño de 2009. Rematada a ensila e sementado o millo estamos a programar uns días de vacacións para repoñer forzas e logo empezar a campaña de herba seca. Sempre deixamos servizos mínimos para atender alimentación, munguir e partos como o da foto
31 de maio de 2009. Estamos a cerrar o silo, o Presidente está tan contento por ver chegar un agasallo tan importante como difícil de conseguir nestes tempos. O Eloi vén traernos un tractor de toxos para estrar as becerriñas. Gracias
28 de maio de 2009. Circula cada cousa pola internet!!! Miren senón como se pode aprender economía contando vacas
27 de maio de 2009. Non deixa de entrar herba, o tempo axuda e a colleita que parecía pouca, agora está a ser normal.
25 de maio de 2009. Empezamos a ensilar herba
20 de maio de 2009. Xa fai tempo que quería agradecervos o regalo que nos fixestes, pero paréceme que unha imaxe vale máis que mil palabras: fotos sacadas hoxe do preciosa que temos a horta gracias ó voso esterco e ó noso traballo. O dito, quen ten un amigo ten un tesouro. Moitos saúdos e moitos ánimos nestes tempos de crise do sector (enviado por Pilar)
16 de maio de 2009. Os Parentes tamén estamos nas manifestacións todas, aquí o noso presidente e señora na da Lingua Galega. Logo xantaron o presidente e o Curmán Maior e xa puxeron data para a comida dos curmáns: o 8 de agosto

16 de maio de 2009. Nestes tempos de crise hai que lle pór ganas cada día para botarse ao traballo tal e como anda o asunto do leite. O noso curmán maior Benigno recoméndanos que empecemos o día cunhas sopas secas como as que facía a diario o seu avó do Pelcho (o señor Ánxel facíaas el mesmo): enchía unha cunca con  pan centeo cortado coa navalla en rebadas moi delgadas. Chimpáballe auga quente para humedecelo. Unha vez retirada a auga, botáballe enriba dous ovos fritidos así como a  graxa de porco na que se fritían. Cando as acababa, deitaba na cunca un vaso de viño. E engade o Benigno: sempre me daba a probar (antes de botarlles o viño) e eu devecía por elas.

Andamos a mirar a herba para ensilar e encontramos o toco dun raposo na caracocha dun castiñeiro

10 de maio de 2009. O Guerra do Barrio de Puga cumpriu a ilusión de seu pai empadescanse: faguerse cunha ribeira.
8 de maio de 2009. Novamente mobilización, hoxe en Chantada, todo o comercio local nos apoiou, estaba cerrada ata a Iglesia. Quedamos citados para o día 26 para facer tractorada se antes non se soluciona nada. Na última foto pódese ver a algún Parente ao remate da manifestación.
6 de maio de 2009. Hoxe tocou botar as patacas, din que se quedan co grilo para riba que nacen antes pero nós non fomos tan detallistas e quedaron como caeron
4 de maio de 2009. Despois de moito traballo, hoxe entrou gando na nave nova, por agora solo acupamos a zona Sur, despois duns días cando as que entraron hoxe estean adaptadas iremos enchendo o resto da nave. Esta semana empezamos con mobilizacións para defender o sector, a manifestación de Madrid non resolveu nada e o prazo rematou, iremos informando

30 de abril de 2009: http://galicianosolecer.blogspot.com/2008/06/no-paseo-de-ourense-os-libros-segen.html. Aquí pode verse unha reportaxe sobre o carballo de Cartelos.

Tamén andaba eu sachando cando me chamaron....

28 de abril de 2009. Carrabouxo
24 de abril de 2009. Despois de abonar andamos a arar, o labor da terra por excelencia, nos crucigramas aparece sempre "labrar la tierra" "arar". A finca é na Corveira e nós chamámoslle á parcela "a do rego". Despois da arada queda sementar o millo, inda non temos decidido cal sementaremos este ano, depende un pouco do tempo, se chove e temos que sementar máis tarde iremos a un ciclo curto, se o tempo está seco podemos decidirnos por un ciclo máis longo,... sobre a marcha tomaremos decisións ...

21 de abril de 2009. Ben que mellorou a páxina web do noso Concello

Andamos a abonar nas fincas da Corveira, e ocorréuseme preguntar como se chama o penedo, seica se chama " O penedo dos corvos"

18 de abril de 2009. Para aqueles que lles guste a pintura e naceran coma nós no campo, no medio da ntaureza... recomendamos que pinchen aquí para descargar unha preciosa presentación de diapositivas
17 de abril de 2009. Fomos moitos, chegamos en autobús á Porta de Alcalá, logo fomos diante do Ministerio de Agricultura, entre outros falou o Presidente de ICOS, e logo foron recibidos os nosos representantes por quen representaba a Sr. Ministra pois Ela estaba reunida. En resume, que temos que agardar unhos días para ver se a protesta valeu de algo, e do contrario seguir a loitar . Foto1, foto 2, foto 3. Foto 4
15 de abril de 2009. Como non podía ser doutro xeito, un propio dende Os Parentes marcha para Madrid manifestarse ante o Ministerio, saída ás 12.30 da noite de Chantada e regreso previsto un día despois. Esperamos que se arranxe algo.
13 de abril de 2009. Andamos a pór as portas, con eso quedará a nave lista para meter o gando

12 de abril de 2009. Páscoas enxoitas nin poucas nin moitas.

Pensamos que esta planta é un érbedo (madroño nas Castillas), que o temos visto na ribeira. Un dos visitantes da web dinos que cerca de aquí hai un Erbedeiro, que debe ser sitio con érbedos; en Ourense tamén hai un Erbedelo

8 de abril de 2009. Mándannos esta foto que non precisa comentario

6 de abril de 2009. Ganadería. Leche Celta da una semana para pagar multas de hasta 7.000 euros por la supertasa de la campaña 95-96.Varios productores lácteos gallegos recibieron comunicaciones de la empresa Leche Celta en las que les reclama el pago de multas por supertasa de la campaña 95-96 y les da siete días de plazo para abonar las cantidades.(ver completo...)

Todas veñen contgra nós, aínda imos ter que cambiar de gando e dedicarnos a producir cecina ou andar de procesións (foto Plasencia)

5 de abril de 2009. Hoxe o Curmán Maior Benigno e o Curmán Anxo mándannos saúdos desde Salamanca. Din que por alí tamén hai moito gando dunha tal lidia, pero que non lles parecen de leite.

Tamén nos din que temos qaue lle botar mota ilusión e ter moitos ánimos nestes tempos tan desastrosos para os gandeiros, que o noso gando ben nolo merece. Que bean guiados polo Presidente desta aínda habemos saír.

Ah, e tamén pon no correo que de parte da Vitoria e da María moitas felicidades para a Carmen de Baixo polo aniversario e pola futura estadía en Italia

3 de abril de 2009. Vén aí a Semana Santa. Seica había unha señora en Trasar de Carballo que lle chamaba a semana vellaca, a ver se é certo e temos un tempo ruín, que algo de auga xa non sobraba.

2 de abril de 2009. A NOSA TERRA, 2-3-2009

PROTESTA CONTRA SUPERMERCADOS DÍA
Os gandeiros do leite cortan o acceso a Mercagalicia

Manuel Vilas .  Varios centos de gandeiros cortaron esta mañá cunha cadea o acceso á cancela de MercaGalicia, onde está o centro de distribución dos supermercados Día en Santiago de Compostela. Os produtores protestan así contra as marxes comerciais das grandes superficies, un dos factores que está a derrubar os prezos que cobran os gandeiros polo leite.

A acción, no medio dunha importante presencia policial, conta co respaldo dos tres sindicatos principais do agro –Sindicato Labrego Galego (próximo ao nacionalismo), Unións Agrarias (próximo ao PSdeG) e Xóvenes Agricultores (próximo ao PPdeG)– e das cooperativas de AGACA. 

Os gandeiros, que levaban unha pancarta co lema 'Esiximos garantía de recollida e prezo', tamén encheron de carteis a contorna do centro de distribución de Día en Mercagalicia, no Polígono do Tambre. Prosigue así a unidade de acción no agro contra as industrias e as cadeas de distribución.

Os gandeiros denuncian que cadeas como Día se aproveitan das importancións masivas de leite foráneo, sobre todo francés. Os sindicatos argumentan que son importacións “ilegais”, pois as industrias mercan o produto por debaixo do prezo mínimo fixado polo sector en Francia.

Ao mediodía eran xa unha ducia os camións retidos na entrada de Mercagalicia. Os xestores do recinto solicitaron aos manifestantes que o deixaran pasar, pero estes negáronse. A policía, con dúas grilleiras de axentes antidisturbios, advertiu que comezará a identificar e deter gandeiros nos próximos minutos no caso de non deixar franco o paso.

Os representante de SLG, Unións Agrarias e Xóvenes tiñan previsto encadearse á cancela de acceso a Mercagalicia. Todos eles pediron aos consumidores que non merquen marcas brancas e aposten polo leite do país.

1 de abril 2009. Comezaremos unha nova tempada leiteira , 2009-2010. Que a sorte nos acompañe e as vacas dean moito leite e bo... e nolo paguen a xeito... que a cousa cada vez anda pior...

Rematamos o exercicio cuns datos de produción bos, por encima da media da media, nunca antes se producira tanto leite e tan bo, certificado en orixe e con todas as garantías. Tamén nunca tan baixo o prezo, agora ademais temos a inseguridade da recollida, algo está a funcionar mal, nós traballamos con sentido pero os nosos esforzos non son compensados nen  economica nen moralmente. Tomamos exemplo da natureza e miramos o piñeiro caído e tratamos de facer o mesmo, inda que caído con vida... e tratando de saír adiante