English
Mándanos o teu comentario
26 de setembro: andamos coa ensila do millo, o de Lamatravesa dá xenio velo. Temos que investigar cal é mellor terra, Lamatravesa ou os Currás.
24 de setembro: o que perde unha vaca e encontra un corno, xa non perdeu todo ( hai que pensar que podía ser peor a desgraza, ser positivo)
23 de setembro. Hoxe toca axudarlle á vendima ao Xan en Oleiros, na ribeira do Búbal. A Marta e o Xosé xa trouxeron as uvas da ribeira do Miño, en Coles. Tamén cómpre algo de viño e augardente para o autoconsumo. A ver se o tempo nos axuda. A Sra. Pilar coceu unha locoeira, que lle saen moi ricas.
20 de setembro. Alerta, temporal: pode facernos moito mal, poden arroiar as terras que andamos sementando de herba, pode "deitar o millo" que aínda non ensilamos. Onte ás 9.30 da noite aínda estabamos no muíño do Pataqueiro botando na herba ...
17 de Setembro. Hoxe é feira en Castro. O señor José da Ribeiriña (quempacestea) sempre ía á feira de Castro. O señor José chamáballes ás patacas: mariñas. Nós acabamos de apañar a colleita deste ano para autoconsumo do patacas ou mariñas.
E el por que lles chamaría mariñas?
9 de setembro. Volvemos activar o contador de visitas, a ver se agora non mete páxinas raras, se o volve facer castigámolo de vez: á papeleira de reciclaxe.

3 de setembro. Xa acabaron as quendas de vacacións, alá van, foron ben aproveitadas. Agora cumpría que chovese algo

Rematadas as vacacións, empezamos a preparar a terra para sementar herba en algunha finca que se renova nestas datas debido a que en noutras non se podían traballar pola humidade, por exemplo. Agora aramos e estercamos, despois cando chova sementamos. Tamén imos ensilar un pouco millo nalgún eido moi seco, despois tocaralle recoller as patacas de autoconsumo.........

28 de agosto. Andamos nas festas de Chantada. Carmen, a filla do presi, participou no desfile de carrozas
25 de agosto: parte dos Parentes foron comer un rodicio brasileiro moi farto

19 de agosto:
Cando pasaron os de Ciudad Real preguntaron polo touro, agora xa o temos, chámase Osborne por aquelo de estar no alto, así controla todas as "femias".
Ten un burato na barriga, ten fame.
Ten un só corno, é mouco, se non tivera ningún sería mono.
Ten o que ten que ter, é colludo, senón estaría capado.
Seica coa pelica dun becerro facíase un pelexo de 5 olas  (64 litros).
Os tratantes sempre se preocupaban de mirar se AMOLECÍA, a proba consistía en tirarlle do rabo e ver que ao facelo non se movese a bola do cadril.

Autor da escultura e do texto: Xosé Manuel

15 de agosto. NUNCA MAIS AO LUME!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!

Unha morea de pirómanos queimaron media Galiza estes días, menos mal que mañá vai chover e por uns días igual hai un descanso.

5 de xullo. Hoxe honráronnos coa súa visita
-Jesús e María (nada menos que desde Ciudad Real)
- Sara e Lucía (desde Pontevedra)
-Humberto (o xeógrafo) e Charo (a nosa tradutora)

Visitaron detidamentes as nosas instalacións do Arransallo e acabaron practicando a arte do péndulo na cantina do Xosé.

Graciñas pola súa amabilidade

3 de xullo. Un fungo descoñecido na ribeira de Oleiros ataca as cepas do Sr. Presidente de Os Parentes. Seica fai secar a uva. Haberá que lle botar funxicida.

La Voz de Galicia (Ourense): Las altas temperaturas han traído a O Ribeiro una plaga de black rot , también de mildiu y algo de oÍdio. La voz de alarma saltó a finales de la semana pasada y ayer la preocupación era ya patente en la comarca. Una de las zonas más afectadas está siendo Arnoia. Xosé Manuel Vilas, responsable en la comarca del Sindicato Labrego Galego, estuvo recorriendo la comarca para calibrar los daños y tener preparada una evaluación a mediados de esta semana.

«O problema atópase en Arnoia pero está extendido a boa parte de O Ribeiro, hai máis sitos afectados. Estamos detectando un ataque forte de mildeu, black rot e algo de oídio derivados destes calores e a alta humedade que se rexistra na zona polas treboadas», explicaba Vilas desde una de las áreas contaminadas.

Este problema fue comentado de igual forma por cosecheros de Chantada. En O Ribeiro se ha detectado, además, en Castrelo o en Cenlle aunque de un modo irregular. Se han apreciado casos en los que se ha perdido el cien por cien de la producción.

«Nos últimos anos non houbo un ataque tan forte como este, con tanta virulencia», señala el responsable del SLG. También añade que se está a tiempo de frenar esta enfermedad. «Hai que estar atentos ó ataque, retirar os racimos enfermos e aplicar un tratamento penetrante ante as próximas choivas».

26 de XUÑO: xa estamos na lista desta revista onde aparece unha vaca nosa.

25 de XUÑO. Antes tiñamos un vocabulario especial para lles afalar ás vacas do país:
Ghou, para tornar a vaca
Ghouá, para que pare a vaca
Toma, para chamar a vaca
Vaca be, vaca to, para mandala para algures
Volve, para que dea a volta cando andas arando
Chica to, para tornar as becerras
Ponte, para pórse ao carro ou ao rego e para xunguir
Atrás, para pórse ao carro
Arrima, para que se acerquen aos valados cando andas arando
Agüíche, agüíche to, cando se levan a beber para animalas a que beban. Se é unha besta, asúbíaselle e reméxeselle a auga

Temos que mirar se tamén as entenden as holandesas, as suízas, as canadianas, as francesas...

24 de XUÑO: FELICIDADES PRESIDENTE !!! (e tamén a HELENA)
17 de xuño. O dos Parentes coas vacas xa empeza a ser preocupante
9 de xuño. Alguén cre que aínda non chegou a modernidade á nosa terra?, que se dea unha volta por aquí e verá como se fan as cousas á man
31 de Maio. Xa rematamos de botar o millo, e como tamén fixemos a malla do millo de espiga colleitado o ano pasado, agora vacacións, a semana por cabeza. Velaquí unha unha arca case chea de millo, semente INRA
30 de Maio. Como o leite vale pouco fomos á feira do libro de Ourense vender un e topamos co Carrabouxo
25 de Maio. Grazas ao Sr. Bardelás por nos comunicar que a faba do pan é o altramuz en castelán e lupinus en latín. Na enciclopedia di que en galego tamén se chama chícharo bravo ou chícharo de raposo. E engade que se pode plantar antes do cereal nas rotacións de cultivo para fixar o nitróxeno no chan
19 de Maio. Rematamos a ensila, aínda que non prometía moito recollemos algo máis que o ano anterior, tamén nos axudou que collemos algunhas terras máis en aluguer. Agora temos que preparar a terra para sementar o millo que falta. Polo momento xa imos descansar esta fin de semana da forma acostumada. Se cadra, rematada a bota do millo igual a cousa dá para coller algo de vacacións ..., xa veremos o que alá chegue
14 de Maio. Andamos de ensila, quedaron suspendidos os descansos. Na semana pasada botamos parte do millo, este ano incorporamos unha nova marca TRERMO, ademais do AUROESTAR e o CAROLUS.
9 de MAIO. Nós chamámoslle faba do pan. Alguén lle coñece outro nome?
8 de MAIO. Natureza, ai a natureza!
6 de MAIO. Xente dos Parentes no enterro do seu amigo Orestes en Castro (xunto ao nº 2 do PSOE, Xosé Blanco)
5 de MAIO. Unha sebe tres anos, un can tres sebes, un cabalo tres cans, un home tres cabalos, un corvo tres homes!!! Iso dicía o Xan de Baixo para que os fillos aprenderan as idades dos animais.
Os vellos din que o corvo morre de vello porque se lle desfai o pico, e entón morre desdentado de fame, senón aínda viviría mais. Non sabemos que opinaran disto os da Corveira, alí nós sementamos parte do millo para ensilar, pero fai mais derramo o xabaril que o corvo. Tamén andamos en Nodar, que seica é máis húmido que a Corveira.
A Corveira e Nodar son lugares da Aguada, concello de Carballedo.
27 de ABRIL. Fermosa paisaxe a da Ferrería do Incio. Aquí remataba os seus paseos o noso Tío.
26 de ABRIL. Con estes días de primavera andamos a preparar a terra para sementar as patacas e mais o millo. As xovencas que andan a pacer parece non preocuparlles moito todos estes labores

19 de ABRIL: + Anxo González González, Presidente Honorario.

Querido tío: sempre vivirás connosco porque non te esqueceremos nunca.
Sen ti Os Parentes non existirían.

Noticia en La Voz de Galicia
+ Esquela da familia
+Esquela das parroquias
17 de ABRIL. Pariu a porca e "trouxo pa si"
16 de ABRIL. O licor café da Mamacarmen
13 de ABRIL. O taller do artista
6 de ABRIL. Ai, o prezo do leite, ai o prezo do leite...!
5 de ABRIL. Feliz aniversario, Carme.
1 de ABRIL Estatísticas da produción
30 de MARZO. O Sr. Delegado Provincial da Consellaría de Medio Rural visitou Os Parentes. La Voz de Galicia: Además, visitó una sociedad anónima de transformación en Cartelos, cuyos propietarios le transmitieron las dificultades con las que se encuentran los ganaderos jóvenes.

23 de MARZO. As filloas de costro. A Marta sempre se encarga de recoller o costro e a Pilar da Casa de Baixo aprovéitao e fai unhas filloas riquísimas.

O costro é a primeira secreción das glándulas mamarias que se produce durante os días posteriores ao parto. Ten unha composición intermedia entre o leite e o soro sanguíneo. Caracterízase por ser moi denso, viscoso, amarelento, rico en proteínas... (tirado da excelente Enciclopedia Galega Universal Ir Indo)

22 de MARZO. Hoxe naceu unha nova becerriña. É moi feita e a Marta cóidaa moi ben
20 de MARZO. Chove sobre mollado
14 de MARZO. O noso presidente honorario xa está na casa, pode estar tranquila a xente do Incio.

12 de MARZO. A boa: algo debeu chover que en Penaxubeira (no Incio) xa deita unha fonte que levaba 5 anos seca.
A mala: o Xan plantou con moito agarimo unhas cepas seleccionadas na ribeira de Oleiros e veu o xabaril e arrincoullas. Demo de bicho!!

1 de MARZO. Por fin o noso presidente puido visitar Chinchón
23 de FEBREIRO. Chega o entroido, tempo de fartura.
18 de FEBREIRO. Por fin chove, e chove ben. Unha riqueza para os nosos eidos
14 de FEBREIRO. Andamos abonando con XURRO, nas fincas que terÍan que dar herba para ensilar, abonamos a razón de 40.000 litros por ha
10 de FEBREIRO. Moitas grazas, Rosario Sánchez-Gabriel, polo teu traballo!
5 de FEBREIRO. A que é bonito o gato da Marta? Estes carrabouxos son dunha carballiza dos Salgueiriños.
3 de FEBREIRO. Polo san Brais unha páxina máis. Hoxe comezamos coa versión en inglés desa páxina
2 de FEBREIRO. 25 anos de feliz matrimonio levan a Marta e o Xosé. Parabéns moitos.
1 de FEBREIRO. Isto lemos en Vieiros: A INTERLOCUCIÓN DE MEDIO RURAL E A PRESIÓN SINDICAL DESBLOQUEAN DE MOMENTO A SITUACIÓN DO SECTOR LÁCTEO GALEGO: As industrias manteñen o prezo do leite e negociarán cos sindicatos
31 de XANEIRO. Onte tivemos novo récord de visitas na web, son 34. Para as nosas esixencias xa é bastante. Axudaranlles ás vacas a daren máis leite?

28 de XANEIRO. Hoxe neva e que ben neva. Chámanlle o "esterco dos pobres", será por que chega a todos por igual, e como mata algúns vermes da terra, deixan de comer e eles mesmos fan esterco. No Arransallo houbo moita conxelación, mais fomos arreglando; á tarde foi o camión do leite, e a mesutra fíxose por que ao durmir alí o carro, así non ten problema de desprazamento.

Cando neva trabállase na casa

25 de XANEIRO. El que será un rillote?
21 de XANEIRO. Feira en Chantada e véspera do San Vicente. Ademais do de todos os días hai outras tarefas nos Parentes. Andamos a cortar leña para o inverno que vén, tamén empezamos a facer "limpeza" de prados, uns pácense, outros danse a pacer; a finalidade é que estean en marcha para estercar, para logo recoller unha boa colleita na primavera de silo de herba
16 de XANEIRO. Entrando co tractor en Trasar de Carballo vimos isto . Que será o que se vende? O eido só? Eses restos de aparellos? O eido cos restos incluídos? E se chamamos?
10 de XANEIRO. Sen comentarios
9 de XANEIRO. Os Reis non nos trouxeron a suba do leite. Haberá que tomalo con filosofía e ir picando un chourizo (preparado pola Marta asado nunha verza, que o papel de aluminio deixa residuos) e botarlle un grolo de viño ... na adega do Xosé .
2 de XANEIRO. Rematou o ano pero a nosa campaña, a do leite, acaba o 31 de marzo. Aínda así, andamos a facer contas e vemos que tivemos un mes de vacacións, se non traballásemos en cooperativa isto non sería posible.
30 de DECEMBRO. Tamén o noso presidente de honor se decidiu a navegar pola rede. Mais a modernidade tarda en chegar a esta terra, no Incio as compañias non lle ofertan aínda o ADSL
28 de DECEMBRO. Unha vaca trouxo 5 crías, un é macho e xa fai cría, quen os criará? A Marta non terá costre para tantos
22 de DECEMBRO. Pois non somos millonarios e iso que confiabamos na lotería, mais o importante é ter salú.
8 de DECEMBRO. Pois si, os da Marta xa caeron, dous marraos e unha porca . Este ano introducimos unha nova técnica para lavar as tripas que teriamos que patentar . Que dirían diosperdone aos nosos devanceiros?, eles que pasaron tanto frío e mollaron os pés no rigueiro. A vostede que lle parece o invento. Déanos a súa opinión.
4 de DECEMBRO. Empezamos as faenas das matanzas. Primeiro será a Marta, logo a Tita, despois o Pepe e rematará o Xan. Como traballamos en sociedade poderemos tomarnos cada un unha semaniña de vacacións polas festas.
Anxel Fole:
Xa se sabe coma son ises xantares da mata. Empezan ás doce, poño por caso, e rematan ás cinco. O fígado asado con aceite e pimento, os roxós i o raxo. Viño, nunca falta. Tempo de fartura.

29 de NOVEMBRO. As cousas xa podían ir mellor. Non hai máis que ver a prensa de hoxe el litro de leche se sitúa ahora en 0,29 euros, el más bajo de los últimos 16 años. E por se non chegaba La industria bajará de nuevo el precio de la leche en origen en el 2006... Los gallegos son los que venden la marteria prima más barata...(La voz de Galicia). Xa se ve que para nós os grandes problemas non son o Estatuto de Cataluña, a LOE ou os matrimonios gays.
Aínda que non gañemos nada seguiremos coas nosa vacas. Xa dicían os nosos pais que o labrador é sempre a última merda ...
Velaí unha recreación artística do asunto

24 de NOVEMBRO. Ao tratarmos con vacas temos que ser un pouco filósofos . Menos mal que o Carrabouxo nos fai sorrir cada día un pouco. Graciñas Xosé Lois.
22 de NOVEMBRO. Hoxe viñeron as "controladoras", son unhas mozas (moi feitas e agradables, por certo) de AFRICOR (o noso presidente Xan é Vocal de dita entidade). Veñen unha vez ao mes e fan o control de produción (litros de leite por vaca), celulas sómaticas (mamite), salificación (danlle unha puntuación), etc. Parte dos resultados do seu traballo pódense ver despois de 3 ou 4 días na páxina de CONTROL LEITEIRO (www.Xunta.es/coleite/consultas.htm). Hai que meter un código para entrar pois son datos confidenciais, para nós importantes pois se temos algunha mamite que non sabiamos xa empezamoss a tratala no momento grazas aos resultados das análises que aparecen nesta paxina.
Ah, o Sr. presidente tamén anda a facer un cursiño.
20 de NOVEMBRO. Xa probamos o viño do Xan. Di o José Manuel que arde nun candil, este ano está moi bo o viño de Carcacía. E reza moi ben (boa escuma que desaparece pronto) como ben dixo o Sr. Cura do Incio.
Á Marta tamén lle saíu ben o branco segundo as receitas tradicionais da casa do Gil. Alá pola Inmaculada convida a probalo acompañado dun anaco de paxarela ou de freba.
17 de NOVEMBRO. Amigos: xa nos poden mandar arquivos ben pesados, desde hoxe temos ADSL, xa estamos no mundo mundial. Por certo, os que foron ao cursiño a Chantada seica aprobaron, son moi aplicados.

16 de NOVEMBRO. Hoxe o José Manuel foi a Lugo, asistiu a unhas cantas ponencias sobre o día mundial do SIX na escola Politécnica Superior, sobre todo tratábase do SITGA.
O Luns fixemos o saneamento (iso de mirar as vacas de tuberculose, etc.). Temos dereito e obriga dun control anual. Mañá veñen comprobar os resultados ...

15 de NOVEMBRO. Xa nos fai falta cabeciña para gobernarmos tantos eidos
11 de NOVEMBRO: San Martiño. A partir de hoxe xa podemos matar o noso porquiño e probar o noso viño
27 de OUTUBRO. Non hai máis remedio que poñerse ao día, O Secretario e o Informático están a facer un curso de "Aplicador de produtos fitosanitarios" con clases teóricas e prácticas en Chantada e exame en Monforte. Xa aprenderon que seica hai 100 clases de pestes nas cepas
27 de OUTUBRO. A ESFOLLA. Aquelas esfollas de antes: rapaces buscando espigas raíñas, contos, chistes, alegría!!! Empezamos a esfollar o millo que recollemos antes de que chovese e agora toca esfolla, menos mal que nos axudan o socios de honra de Trasar, teñen moito xeito e experiencia. Velaquí andamos
24 de OUTUBRO. Andamos a recoller no millo para o hórreo, tamen rematamos de sementar a herba, hoxe o tempo deunos algo de tregua; de todos os xeitos a auga "fai moito millo e fabas". DEIXALA CAER!!!
21 de OUTUBRO (feira en Chantada). Segue chovendo e vaille moi ben a esta herba do ano que botamos nos eidos que despois da ensila de maio levarán millo. Tamén nos serve para aprender algo de éuscaro (por exemplo, eta=e)

18 de OUTUBRO (San Lucas) .O hórreo do Xan está agardando polo millo do país. Seica os hórreos están orientados como as igrexas, coa cruz cara a Roma (mais estará ben orientado o de Trasar?). Poñíaselles unha cruz porque eran como un sagrario onde se gardaba o máis importante, a vida para a familia. O aguillón sería para espantar (ou que se cravasen) as bruxas e as maldades.
Tamén pode ser que esa orientación este-oeste sexa para que lles entre mellor o aire norte (e sur) e seque ben o millo

15 de OUTUBRO. Temos unha nova veciña, a Sara. Parabéns para a familia Viorteiro.
11 de OUTUBRO. Hoxe chove. Estaba todo seco como a isca por iso estamos de noraboa. Xa rematamos de recoller os froitos do ano, só faltan algunhas castañas para consumo propio. Os silos están cheos e chove. Podemos dar por retamatada a tempada e comezamos o longo? inverno.