English
Limiar
Péndulo
Mándanos o teu comentario

31 de marzo de 2007: Rematamos a campaña leiteira 2006-2007, a cousa anda revolta no sector, un día denuncian os matadoiros, outro baixan o prezo do leite, despois aparece unha norma para fosas de xurro e para a aplicación cerca de vivendas e acuíferos, nas empresas leiteiras algunha desmárcase das baixadas, os sindicatos anuncian mobilizacións. Tempo revolto no campo, xa falaremos na nova campaña.

Así que pronto inauguraremos unha nova páxina de novidades

25 de marzo de 2007: Esta mañá escoitamos cantar o cuco, sinal de que estamos en  primavera, tivemos sorte de que non estabamos en xaxún, senón cagábanos na boca.
Está moi adiantado o curso de catadores de viño, mesmo probaron o do Xan da Ribeiriña.
No tema do fertilizado con xurro imos sobre o previsto, ao mellor retrasámonos un pouco co tema dos morteiros, pero de seguir o tempo firme nun par de días somos capaces de adiantar o traballo e pórnos á altura de outros anos. É curioso pero os labores do campo, aínda que pareza raro, non soen variar máis dunha semana dun ano a outro, cando as variacións son notables xustificámolas coa LÚA polo de agora, pero xa estamos pensando a botarlle a culpa ao cambio climático.
Vendo unha especie de memoria ou apunte informático que levamos na explotación, chegamos á conclusión xustamente de que só varía unha semana calquera dos labores fundamentais e imprescindibles para procurar a alimentación do gando. Este dato é fundamental para programarmos algo tan importante como o estercado, sementeira, vixilancia de pestes e malas herbas, programación de recolleita, preparación de resementeira, etc; así como tamén algo tan importante como os produtos da horta (que tan ben saben) e morteiros e que nos axudan a lembrar que estamos vivindo e traballando en contacto coa natureza.
A nosa teima é facer rendable (estamos a intentalo sendo gandeiros) o pracer de vivir no campo gozando de cousas tan simples como sabermos que chegou a primavera porque escoitamos cucar o cuco.
23 de marzo de 2007: Por fin lemos algo bo en Vieiros: O consello rector da cooperativa Feiraco, que ten 7.000 gandeiros asociados, decidiu que non hai ningunha razón de mercado que xustifique unha baixada do prezo do leite en orixe e incluso fala de que está a haber lixeiras subas en Francia e nos Países Baixos. A postura da empresa galega é especialmente simbólica xa que algunhas multinacionais están decididas a baixar un 4% o importe que lle pagan aos gandeiros polo leite.
Pola súa parte as organizacións agrarias xa anunciaron que tomarían medidas en caso de que se fixese efectiva a baixada de prezos. A Consellería de Medio Rural tamén asegurou que non hai razóns para que as empresas tomen de xeito unilateral a decisión de reducirlle os pagos aos gandeiros.
21 de marzo de 2007: Hoxe son as témperas ás doce da noite, ben ...á unha pola hora oficial, quen sabe moito do tema é o Pepe, sempre as mira. Tratase de ver xusto ás doce (unha) da noite de onde queda o aire, para ver como vai ser a primavera. Di a Lina que seguramente veña unha primavera fría e seca, se non cambia o aire.
Temos o Presidente e o Secretario facendo un curso de "cata de viños" en Castro.
As obras progresan adecuadamente, xa remataron os albaneis, agora falta pór portas e xanelas, esperemos que quen as fai non se demore. Velaí a foto.

Onte nevou un pouco, iso retrásanos un anaco os labores de estercado con xurro para a ensila da herba
19 de marzo de 2007: hoxe é o día de san José. Temos moita familia á que felicitar: En Trasar, o José, a María José, o José Manuel; en Lobelle o José Manuel, en Vilaguillulfe o José Javier, en Torrejón de Ardoz o tío José.. e tamén todos os que son pais ... felicidades para tod@s
18 de marzo de 2007: estes días estamos tatos de traballo, andamos con obras no Arransallo, hai que tirar o esterco para os morteiros, xa contaremos cando haxa algo máis de tempo ...
13 de marzo de 2007: martes e trece. Seica non é día de bo agoiro e non son bos agoiros o que parecen virnos aos produtores de leite, todo parece ser que volverán baixar os prezos. Ten que gustar isto das vacas para non tirar a toalla...
12 de marzo de 2007: Una vaca contamina más que un coche (La Voz, 11-3-07). Pois seica unha persoa produce ao ano 300 kg de dióxido de carbono, unha ovella 400, un porco 450, unha vaca 4000 e un coche 5500. Pois vaia, igual ata son culpables as pobres do cambio climático, e co mansiñas que son. Se sumanos, vemos que nós os 6 parentes cunha ovella cada un contaminamos tanto como unha vaca... cousas veredes ... aínda as imos ter que acostumar a que respiren por quendas...
11 de marzo de 2007: Dinos a nosa Maricarmen desde a Coruña que bateu cun apelido Trasar. Non sabiamos que existise apelido orixinario do noso lugar. Fomos mirar á Cartografía dos apelidos de Galicia e vemos que só hai 19 persoas que se apeliden Trasar. Pois xa se poden sentir fachendosos do seu apelido.
10 de marzo de 2007: Feira do viño en Chantada. A ver se entre munguir e munguir temos un anaco para irmos ver as atraccións da feira do viño e tamén probalo, que seica houbo boa colleita. Iso si, o que beba xa sabe que non pode conducir, que nós precisamos ter o carné con moitos puntos para podermos andar cos tractores... non vaia ser que...
8 de marzo de 2007: Día da muller traballadora. As mulleres dos Parentes hoxe están de festa...
5 de marzo de 2007: cando eramos rapaces ao botarmos as vacas dábannos unha rebanda de pan e dicíannos que a levaramos connosco aínda que non tiveramos fame, logo despois "viña o meleiro e comiámola". O meleiro nunca viña pero o pan nunca voltaba para casa, comíase. Aos Parentes veulles o meleiro o outro día e trouxo mel para agasallarnos, tróuxonolo das súas colmeas de Trasar de Carballo. Tamén en Trasar hai mel, mel de calidade, e xente que se preocupa de facer as cousas ben, de sacar produtos de calidade. Ao mellor algún día Os Parentes tamén facemos queixo e despois poderemos probar o famoso queixo con mel que seica sabe a beixos. Polo agora non temos medios para mandar virtualmente a proba do leite e do mel .... todo se andará. Mentres vexan o que nos trouxeron
4 de marzo de 2007: onte pitou o Sevilla-Barça o galego Bernardino González Vázquez. E alguén entrou nesta páxina buscando ese nome.
Porque, claro, na 2ª xeración dos nosos devanceiros houbo un González Vázquez, pero era Francisco. Hai que esperar ata a 9ª na casa do Tío Bernardo pora termos un
Bernardino González (Lamas) (+1938). Foi crego. Foi o cura de Visuña (Courel), e tamén debía levar o fermoso lugar de Ferramoulín (a peor parroquia da diócese de Lugo, segundo o cura do Incio). Enfermou e foino buscar seu irmán José, a quen lle cobraron dous pesos desde a Estación de San Clodio polo axudar; nestas montañas cando lle facían ovos, untábanllos con graxa por enriba.
E aínda hai outro Bernardino González (Guerra) da 11ª que leva xa uns cantos anos exercendo de mestre alá por Boiro.
3 de marzo de 2007: marzo iguarzo (tan grande o día como a noite) Marzo ventoso e abril chuvioso: pero con isto do cambio climático quen sabe en que dá a cousa. A verdade é que ventoso si que empezou ... E a Mamacarmen tamén dicía marzo espigarzo, porque debía botar a espiga o centeo.
Tamén logo terá que vir o cuco porque se en marzo ou abril o cuco non vén, quere vir a fin (ou iso di o noso amigo Xesús Ferro no seu refraneiro galego). E xa sabemos que é perigoso saír sen almorzar da casa e escoitar cucar o cuco, vaia se é...
28 de febreiro de 2007: Como non podía ser doutra maneira, 28 feira en Castro; as feiras son o 17 e 29, pero este febreiro que remata non deu chegado a 29 días. Deus vaia con el, trouxo tempo revolto de todo, chuvia día si e día non, aire para aventoar como se fose a castañeira e as temperaturas de primavera, case non vimos a xeada, non foi demasiado bo para o campo, medran os pastos antes de tempo, agroman as árbores con moita présa, adiántanse as agromadas dos frutais e teñen máis risco de sufrir problemas a causa de pestes e xeadas tardías. Ao mellor teñen razón os que falan de cambio climatico........
26 de febreiro de 2007: estes días o Xan for arxoar na súa ribeira de Oleiros. E iso que vén sendo? Pois é soster unha planta cun arxón, que vén sendo a estaca que se espeta na terra xunto a unha planta para que medre suxeita a ela. Tamén se di rodrigar por arxoar e rodriga por arxón
25 de febreiro de 2007: Febreiriño corzo cos seus 28, se duraras dous máis non deixarías cornas ó carneiro nin orellas ó pegureiro. Febreiro quente leva o diaño no ventre. O febreiriño acaba ,cal destes dous refráns lle podemos aplicar?
21 de febreiro de 2007: Alá vai o santo entroido: a cachucha do porco, as uñas, os grelos... as torradas. Agora coresma... xexún?? abstinencia?? de que??
18 de febreiro de 2007: segue a mellorar a cantina do Xosé
17 de febreiro de 2007 : Historia do forno comunitario de Trasar contada por Manuel González. Cando el era rapaz só había dous fornos en Trasar, o da Casa de Baixo e a do Viorteiro. Os veciños tiñan que pedir permiso para usalos. Por iso se xuntaron os veciños e decidiron facer un forno común. Deu os terreos xunto ao camiño real o Ferreiro. Fíxose a escavación (na que xa traballou o seu irmán Xan), pero o Ferreiro puxo de condición que el quería ter a chave na casa todos os días ás nove da noite. Falaron os veciños que iso era complicado, podía coller a un co pan enfornado e tería que deixalo dentro. Entón o tío Domingos do Noxilde (daquela os patróns non eran señor, eran tío) ofreceu outro terreo máis cerca e dixo: collede que chegue ben. E así se fixo o forno comunitario. Cada veciño turnábase para quentalo e logo íalle dando a vez a outro para que cocese aproveitando a calor que quedaba do anterior; cando un enfornaba xa o outro amasaba. Hoxe estase a restaurar este forno na cima do lugar de Trasar.

13 de febreiro de 2007: Para usar con éxito o Ciprianillo había que buscar a "herba cabreira", levándoa oculta conséguense atopar os tesouros que os encantos dos castros teñen gardados. Onde atopala? Xosé Miranda di: a herba cabreira nace, pasados sete anos, do bafo que botan pola ventá esquerda do nariz os cabalos, e abre tódalas portas. Don Eladio Rodríguez di: é unha herba fabulosa que traen as andoriñas para chocar os ovos nos niños cando os recolle algún pillabán e os coce na auga para volvelos colocar no niño. Outra virtude desta herba é a de nadar contra corrente se se bota ao río.
A ver se o Xosé a topa con péndulo ... xa contaremos...

10 de febreiro de 2007: Xa temos os últimos datos do control leiteiro e podemos estar contentos, a Trilla xa chegou aos 60 litros día, e a Cabana non lle anda lonxe. Para velos
9 de febreiro de 2007: Aos Parentes xa se nos queda pequeno o Galego, o Castelán, o Inglés, e agora imos poñerlle nome Chinés a unha vaca, Chamarase yeile que en chinés é
3 de febreiro: polo san Brais, dúas horas máis
2 de febreiro: día da Candeloria. Din os vellos que hoxe é o día no que namoran os paxariños
1 de febreiro de 2007: O sistema de cotas lácteas está condenado e os agricultores non deben facerse ilusións sobre o valor dos seus dereitos de produción. Ésa é a tese que manexa a Comisión Europea, cuxa comisaria de Agricultura, a danesa Marianne Fischer Boel, advirte de que «os mecanismos de apoio ao mercado veranse considerablemente reducidos nos próximos anos». (La Voz de Galicia, hoxe)
31 de xaneiro de 2007: este ano Os Parentes teremos que facer un oco para ir algún día a Vigo, non nos podemos perder a máis importante manifestación artística protagonizada por vacas, non nolo perdoarían as nosas, a ver como pinta CowParade 2007 .
27 de xaneiro de 2007: La Voz de Galicia: o comercio de leite fóra de cota é unha consecuencia da asfixia das granxas galegas. O endebedamento pola compra do cupo, os baixos prezos en orixe e os elevados custos de produción deixan fóra de xogo a un sector caracterizado pola atomización das explotacións e as escasas marxes para a súa rendabilidade.........
26 de xaneiro de 2007: andan hoxe no diario con iso de que hai uns cantos detidos por mor do leite negro, non é de estrañar que o leite sempre foi branco. Pase o de botarlle auga (antes de se inventar o desnatado) por se se lles facía moi forte aos nenos... pero poñelo negro... iso xa é demais... A ver se o Carrabouxo fala do asunto...
23 de xaneiro de 2007: pois si que chegou e así viron as nosas vacas a neve, e quen máis disfrutou foi a Helena... .
22 de xaneiro de 2007: Non imos negar o do cambio climático pero o Paco do Barrio sempre mataba polo san Vicente e case sempre nevaba ou había moita xiada e hoxe é o san Vicente...
20 de xaneiro de 2007: din que mañá vai nevar, xa veremos en que dá a cousa...
17 de xaneiro. Andan en Madrid facendo os cociñeiros comidas de moita fusión, onde se poña un prato de cachelos con iscos, que se retire o resto!
15 de xaneiro. Antes era normal en moitas casas botarlle un tizón ao café, pois a avoa Servanda aínda o segue facendo no Barrio de Pradeda, velaí.
14 de xaneiro: nós tamén somos de ICOS e pensamos seguir na cooperativa que nos beneficia a todos
laVvoz de Galicia 7-1-07
PPÁXINA LABREGA

A norma de pneumáticos usados custaralle aos gandeiros 2,5 millóns

As tarifas de recollida oscilan entre 1,98 e 40,14 euros, segundo o tamaño da cuberta

A nova regra prohibe almacenar este tipo de residuos en instalacións non autorizadas

( Firma: X.?R. Alvite |  Lugar: correspondente | mazaricos)

O sector agrogandeiro galego deberá desembolsar máis de 2,5 millóns de euros para adaptarse á nova regulación sobre almacenamento de pneumáticos usados. Éste é, polo menos, o custo aproximado da retirada e destrución do millón e medio de cubertas de roda que se calcula que existen nas explotacións e que se utilizan como contrapeso nos silos de forraxe.

O real decreto sobre a xestión de pneumáticos fóra de uso, publicado no principio do ano, establece a prohibición expresa de almacenar este tipo de residuos en instalacións que non cumpran cunhas determinadas condicións de seguridade e hixiene. A norma, que complementa á lei 10/1988 sobre desechos, obriga igualmente a entregar a un xestor autorizado todos aqueles pneumáticos dos que xa se dispuxese antes da entrada en vigor da normativa. Neste sentido, e a pesar de que ata o momento as autoridades non realizaron un seguimento exhaustivo do cumprimento destas obrigacións, todo parece indicar que a inconfundible estampa do campo galego salpicado de multitude de plásticos de ensilado cubertos por centos de rodas usadas ten os días contados.

Entre os motivos que aconsellan a retirada deste tipo de residuos atópanse, ao parecer, a elevada toxicidade que producen unha vez que comeza a súa degradación química parcial acelerada polas inclemencias meteorolóxicas e as altas temperaturas. A proliferación de roedores e insectos no seu interior tamén se sinala como outra das causas que xustifican a prohibición de almacenar rodas.

Actualmente son os talleres e distribuidores de rodas os que se encargan do seu almacenamento e posterior entrega aos distintos xestores autorizados. Para iso aplican ao prezo final do pneumático novo unha cantidade fixa, en función do seu tamaño, en concepto de contribución á retirada e posterior reciclaxe da cuberta antiga. As tarifas que se manexan oscilan entre os 1,98 euros por cada cuberta dunha roda de automóbil ata os 40,14 euros, impostos aparte, que custa desfacerse de pneumáticos agrícolas de grandes dimensións.

6 de xaneiro: hoxe viñeron os reis e seica deixaron moitas cousas, a nosa lotaría máis ben foi calotaría. Menos mal que nos queda o Carrabouxo.
5 de xaneiro 2: Triste día o de hoxe. O Rufo, pasou a mellor vida, non deu apartado á pesada roda do tractor, moitas veces apartou, pero hoxe NON. Era coma da casa, coñecíanos a todos, sempre daba sinal, pero dende hoxe queda a caseta baldeira
5 de xaneiro. E que lle pedimos aos Reis...? Se nos trouxeran ... porque miren como se pon a cousa cando chove
2 de xaneiro de 2007. Desde que cae a folla vense moi ben os niños: cando non fan falta as cousas e as condicións son axeitadas aparecen facil mente (foto e texto de JM)
31 de decembro. Este ano alá vai...
Tita, Marta, Alfonso, Pepe, José Manuel e Juan Luís desexamoslles un bo ano 2007 a todos os visitantes da páxina, amigos nosos virtuais
29 de decembro. Pois si, as peghotas son as mentiras típicas do día dos inocentes.

28 de decembro. Algún día tiña que pasar... Os Parentes disólvense... a primeiros de ano..
O Pepe marcha á Pastoriza como xerente dunha nova vaquería da Xunta.
O Xan marcha a Santiago coller unha franquicia de zapatos e atender a filla estudante.
A Tita e o Alfonso montan a casa rural Casa Pelcho, e terán que atendela.
O Xosé e a Marta van poñer unha churrasqueira na Lobagueira...

Mañá máis información....

26 de decembro. Por aquilo de que é Santo Estevo, patrón de Cartelos e como hai quen di que pariu a igrexa fomos dar unha volta e mirar. E tamén vimos a placa que a xente do Incio lle puxo ao que foi o noso querido presidente honorario.
25 de decembro: Bo Nadal!

22 de decembro. Non nos tocou a lotaría, hai que ter saúde.
Pero estamos contentos co resultado das análise do control. A nosa veterinaria Dª. Rosana di que están de exposición, que se saen.
Velaí están

17 de decembro. Xa se poden ven os novos datos das análises de silos e carro meturador (en sociedade)

E onte matou o Xan os porcos. Se quere ver como foi a cousa clique aquí

10 de decembro: por fin xa está o tempo moi frío, de verdade, é mellor para curar a carne de porco ao coidado da Lina, a Marta e a Tita.
5 de decembro: e mañá tócalle á Marta e á Tita.

2 de decembro. Hoxe empeza a sesión de figadeiras, que é como aquí lle chamamos á matanza do porco. Este ano abre o Pepe a tempada coa Sr. Lina ao mando dos fogóns. Xa nada máis matar hai que papar as carnes mortas e as paxarelas feitas na prancha acompañando o viño novo. O nome de figadeiras vén de que o prato máis querido o primeiro día era o fígado guisado con patacas cocidas... mais ás novas xeracións xa non lles fai moita graza. E á noite as filloas de sangue... e... e...
Pobres colesterol, ácido úrico, tensión... etc, que ben o van pasar!

24 de novembro.
Monotonía de lluvia en los cristales (Antonio Machado)
Que significa monotonía de lluvia, preguntou o mestre. Que chove despois de chover... (Manuel Rivas)

E niso andamos...

19 de novembro: a cota do leite. A Comisaria europea dixo o outro día que quería sacar as cotas no 2008, non no 2015 como se pensaba; de ser así pecharían outro 30% das explotacións e o resto perdería todo o que veu investindo en cota durante os últimos 10 anos. Saltou a noticia o luns pasado pero non se soubo máis nada por agora. Nós estamos a traballar para entregar "leite certificado", trátase de facer unhas pequenas reformas e de levar un control máis severo en cuestión de manexo de produtos de limpeza e desinfección, así como control de tratamentos, limpeza, etc. Queremos ser dos primeiros en cumprir os requisitos esixidos pola certificación. En principio dos socios de ICOS, soamente 30 estamos no tema.
12 de novembro. Polo S. Martiño mata o teu porquiño. Pois vai ser mellor agardar que o tempo está moi quente e logo a carne non colle o sal e cría vermes. Polo san Martiño proba o teu viño. Iso xa é outro cantar, o viño do Xosé e o do Xan xa servne para probar, seica están ben bos.

9 de novembro. Polo S. Martiño o sol dura mentres o zorro salta o camiño (di o Xosé Manuel). Onte estaba un día de primavera, talmente.

Por certo,o viño de Oleiros do Xan si que "arde nun candil" as análises definitivas perfectas, un dos mellores anos dende que se analiza ..., imos ter que madrugar para bebelo ( por ser moito e bon)

8 de novembro. A nós pasaríanos o mesmo que á Balbina se non estiveramos asociados nos Parentes, e aínda así non dá para estirarse moito.
O mes de novembro, ditoso mes, que entras con todos os Santos e despides con San Andrés (ou algo así di o noso socio de honor Manuel González). A ver logo que tal nos vai a nós este mes.
5 de novembro. A cámara de Xosé Manuel retratou no Salcedo (Lobelle) estes zarrotes. Este parécese a "paxillus involutos". E este? Miren que boa cama teñen...
4 de novembro. Estamos no tempo dos zarrotes (así lle chamamos en Carballedo aos cogomelos). Seguen a vir os limpa-lacenas. O problema é que algúns non saben distinguir os bos dos maos e logo pasa o que pasa, que se intoxican..., non hai máis que ver a prensa de hoxe
31 do outubro: Onte recollemos o millo de espiga, só falta esfollalo e metelo no hórreo. Con esta recolleita case que damos por terminada a campaña de recolección. Agora estamos a prepararnos para un novo reto......, non podemos abandonarnos, temos que ser punteiros no sector no que traballamos.
29 de outubro. Tampouco no das axudas imos mellor. Vexan a páxina labrega de La Voz de Galicia. Mais queixámonos de vicio, non hai máis que ver a foto do día 16. Se realmente é azafrán xa estamos salvados porque o quilo seica se paga a 6.000 €, o problema é que fan falta polo menos 200.000 plantas para conseguir o quilo.
24 de outubro: mal nos vai co prezo do leite. Vexan La Voz de Galicia de hoxe
22 de outubro. Estes son os resultados dos test de reprodución. Dª Luísa, a nosa excelente veterinaria, di que estamos por enriba da media. As estatísticas son de reprodución e veñen a dicir que os inseminadores (Xan e Pepe) son efectivos, aparte da mellora xenética e de que pouco a pouco imos mellorando en calidade de animais, de feito baixamos en cabezas e aumentamos en produción de leite. Melloramos tamén en alimentación, as forraxes que producimos son de mellor calidade, traballiño nos custa renovar as praderías e colleitar millo de calidade..., total que imos TIRANDO e tratamos de mellorar. O gráfico reflexa o nº de inseminacións por vaca, o numero de días entre partos, a cantidade de problemas que xorden, como abortos, etc.
20 de outubro: estamos moi agradecidos a bandeiragalega.com pola defercencia que tiveron connosco, iso de colocarnos despois do Presidente de Galicia e da 1º Selección de fútbol é demasiado honor para nós que non somos máis que unha pequena cooperativa galega. Graciñas e que sigades promocionando o uso da bandeira.
18 de outubro: limpa-lacenas, chamámoslle así aos de Ourense que veñen a apañar castañas e cogomelos as fins de semana nos nosos eidos, din que cando marchan as luces do coche aluman para o ceo de cargados que van ..., iso din...,
Por certo hoxe é o día das San Lucas e como ten que ser, chove ben. Tamén din que canto máis chove máis viño se bebe na festa preto de Cahantada (e do novo)... porque a xente non sae dos chigres e vaso vai, vaso vén... a tarde vai pasando. Saúde!
10 de outubro: acaba de chegar unha mensaxe dicindo que é o azafrán
6 de outubro: chama a atención pola cor e porque só estaba ela no medio da terra arada, alguén sabe como se chama esta flor?

3 de OUTUBRO. Alá vai outra tempada. Comezamos nova páxina de novidades e ímoslles contar o que andamos a facer.

Pois agora andamos a estercar as terras das que recollemos o millo para sementar herba, herba que logo se ensilará no mes de Maio. Aínda non recollemos o millo de espiga para autoconsumo, e agora nos ratos libres podemos dedicarnos a apañar castañas que xa empezan a caer, e de paso na cima do caldeiro podemos traer unhos "zarrotes" que xa saen, aínda que estes días coa choiva está a nosa actividade de fóra das instalacións un pouco parada. Se vén algún visitante podemos conviddalo a probar o viño que nestas data está co "doce"...