English
Limiar
Semblanzas
Péndulo
Mándanos o teu comentario
31 de marzo 2008 : remata a campaña leiteira, de Abril a Abril, chega o tempo de facer contas. Este ano foi atípico, subiu o prezo do leite, agora volve a baixar, está no aire o mantemento e incremento de cotas, fálase de que ao mellor non penalizan aos que se pasan na cota; resumindo, coma o tempo, non se sabe o que vai pasar mañá, pero esta inseguridade segue a xerar peches de explotacións e perdas no sector. Incluso perdas de confianza nos que nos mantemos traballando por saír adiante no tema gandeiro
30 de marzo: nós sempre utilizamos as gadañas para o que son pero lemos no Faro que hai xente para todo
28 de marzo: Os Parentes non é que sexamos vellos pero xa imos tendo anos. De nenos tiñamos que rezar o rosario todos os días... e falabamos do porla... que viña sendo unha abreviatura desta oración que vemos... Que longos se facían aqueles rosarios...?? Quen non lembra aquel catecismo que tivemos que estudar para facermos a primiera comunión??
26 de marzo: a cerdeira foi enxertada, agora toca esperar para ver o resultado, o enxerto foi feito polo Sr. Xosé, e utilizouse a cera por non ter pez, a cinta aillante non queda bonita pero e cómoda para traballar
25 de marzo: nabo, nabiza e grelo... tres persoas distintas e un só ... verdadeiro. Porque todo é o mesmo aínda que en moitas tendas as nabizas se vendan como grelos e mesmo o nabicol.. Así de bonita está esta nabiña do Barrio de Puga

24 de marzo: conta o tío Manuel que en 1938 (parece ser que o 25 de xaneiro) toda a xente de Trasar de Carballo papou un susto que nunca lle esquecería ... cando todo o ceo se tinguiu de vermello. A xente empezou a saír das casas e xuntarse na Cima do lugar, onda o Peto. Uns dicían que se trataba seguramente da fin do mundo (había un señor en Buciños moi velliño a quen un cura lle dixera que el acordaría a fin do mundo, e igual tocaba xa). Outros aseguraban que os exércitos franquistas entraran en Zaragoza e queimaran a cidade. O medo era ben grande...

E entón chegou o sr. José do Piñeirés, o Ferreiro, e díxolles que se trataba dunha aurora boreal, que pronto pasaría e ao día seguinte case nin quedarían restos. Parece ser que o Ferreiro tiña un anaco dunha galena e na Purreira escoitaba as novas da guerra antes de que chegasen no diario que traía o José do Tío Bernado (Hoxe en Torrejón de Ardoz) da Barrela.

Miren como chegou a primavera á Lobagueira, e el que será esa planta de flor morada? A marela é a chorima, a flor do toxo. Hai un dito: flor do toxo, cariño puto (será polos pinchos)

22 de marzo: o muíño de Ceides (Carballedo)
Conta o noso padriño/pai Manuel que sendo neno moitas veces foron el e o seu irmán Ángelito ao muíño de Ceides. Algún día lles contaremos as historias desas viaxes coa besta cargada.
O que é a vida, hoxe non fai falta a besta para a comunicación. Resulta que unha moza da casa dos muiñeiros de Ceides é unha das nosas mellores amigas nesta páxina. Saúdos, Ana, ti e o teu irmán sodes a nova xeración que recollerá e modernizará o legado dos vosos devanceiros muiñeiros...

20 de marzo: festivo, pero as vacas comen e dan leite coma nos días de labor...
O outro día fomos a unha casa e quixemos chamar... o timbre estaba moi ben sinalizado pero non o topamos... nada... e iso que non probaramos o licor café branco nin negro... e flando de licores

xa temos a receita da crema de augardente (crema de orujo en castelán). Necesitamos:

1 litro de augardente
1 litro de leite condensada
2 culleradas sopeiras de cacao
2 culleradas sopeiras de descafeinado
1 Flanin Royal
Bátese todo e sérvese FRÍO

( recomendase que a augardente non teña moita graduación e mellor que sexa de hai un par de anos para que suavice un pouco o sabor a augardente). Dita receita pódese probar a día de hoxe na Cantina do Xosé, grazas a Cris que lle mandou a proba e a receita (ah, se a augardente é caseira e non de supermecado seica se nota)

Maqueta do alambique para a augardente

19 de marzo: Hoxe é o día de San Xosé
A Carmen de Baixo (Trasar), a Segunda do Pelcho (Vilaguillulfe), a Veneranda do Gil (Lobelle) -empadescansen as tres- non celebraban nas súas casas os cumpreanos, celebraban os santos. Pois seguindo esa tradición temos que felicitar hoxe nos Parentes o Pepe, o Xosé Manuel e a María José. E tamén o noso tío José en Torrejón. E os curmáns José Javier Glez. e José Manuel García.
E sempre temos asociadas a estas datas as mimosas cando iamos ao Barrio de Puga ao cruzarmos por Lobelle. Hoxe parece que están inzando en todo o país, mesmo nesta foto do alto da Peneda-Xurés na raia seca con Portugal.
16 de marzo: se saímos co coche hai que ter coidado onde se aparca, menos mal que a xente é educada e pon un cartel de aviso... que senón... (instantánea de María Álvarez)
14 de marzo: dous profesores e algúns alunnos da Facultade de Veterinaria de Lugo, pasaron por Os Parentes a facer unha toma de mostras de sangue que logo serán analizadas polo Laboratorio Rof Codina. Encantadores todos eles, así como tamén os veterinarios de ADSL-Vacasan, Maria e Ana que os acompañaron pero non saen na foto.

13 de marzo: Onte o Xan foi facer a ata na ribeira de Oleiros e escoitou algún refrán moi interesante:
-Cando o zorro anda aos grilos, mal para os pais e peor para os fillos (se ten que perder o tempo buscando grilos -cantan moito pero nada deben alimentar- pouco ten para comer el e para darlle aos fillos)
-Di o zorro: das cereixas aos nabos ben o pasamos, dos nabos ás cereixas veñen as queixas (a época de fartura é de cereixas -maio- a nabos -novembro- e fame todo o inverno, ata que volven as cereixas  máis ou menos)
E xa, en rigorosa exclusiva, o Xosé Manuel aporta a receita do Licor Café branco

12 de marzo: Por segunda vez en pouco tempo xente da nosa contorna protagoniza unha páxina de El País. Eles tamén demostran que aquí no fondo da provincia de Lugo se poden facer cousas e traballar dignamente: aposta con nós por unha produción social, saudable e responsable e sairemos gañando todos e todas. Din os de Daviega na súa páxina con moita razón. O certo é que as súas galletas mariñeiras son ben ricas. Proben a merendar unha cunca de leite (de calidade coma o noso) e unhas galletiñas de Daveiga e verán como melloran de case todos os achaques!!!
11 de marzo: Cando podemos imos ao cine ou a pasear pola rúa do Paseo a Ourense... o noso hospital de referencia é o de Monforte... como o mundo é redondo tanto ten ir por un lado coma polo outro, sempre se chega
10 de marzo: Os Barrios
O mellor grupo de gaitas que nós coñecemos, que outra vez tocou na pasada Feira do Viño de Chantada. E alí estaba o noso parente Pegerto, sempre co seu sorriso alegre....
8 de marzo: curmán maior: Pódese ver que o noso curmán maior cumpriu o prometido e colocou o seu título e obrigas en lugar destacado do seu despacho
6 de marzo: o licor café
A páxina máis interesante desta web é a receita do licor café que facía a Mamacarmen. Nesta pizarra portuguesa podemos ver que o licor café é xa bebida internacional na comunidade galego-luso-brasileira: licor café, vinho verde e caipirinha, tres bebidas distintas e unha soa lingua verdadeira... e con "caja" polo medio unha verdadeira lingua franca galportunhol das bebidas... saúde!!!

5 de marzo: Estas eleccións só nos trouxeron unhas obras, que son as do cartel. Por certo algo melloramos o servicio para 5 fincas co arreglo que vemos na foto,  "do lobo un pelo"

Andamos en obras: soterrar o cableado de telefónica que é un encordio un pouco á hora de ensilar, prevención...

2 de marzo: Obsérvese nesta imaxe da autoría de María Álvarez como a interacción das sinerxías das concellerías de Medio Ambiente e Cultura do concello do Saviñao consegue a perfecta sinalización dunha das xoias do noso románico: a igrexa de Santo Estevo de Ribas de  Miño, santo querido.
1 de marzo: Feira do viño en Chantada: o Sabatelios arde nun candil, o "calexote" deixase beber
29 de febreiro: alá vai o febreiriño que non foi curto nin tivo neve febreiriña, pero ben que florece a eira do noso presidente
27 de febreiro: Esta pouca choiva axuda un algo ao crecemento da herba, e tamén á nacencia da que faltaba por saír debido á falta de auga e ao frío deste inverno atípico
24 de febreiro : velaquí a foto que nos envía o Curmán Maior dunha pataca que deixou durante o inverno alá na ría de Noia e vaia se grelou!!! Non sabemos que é o que vai botar á pota, a pataca ou o longuísimo grelo?

O noso zahorí recomenda que nun enxerto o GROMO ten que collerse ao momento e espetalo nunha pataca para que manteña a humidade e no caso de non enxertar xa, mantelo nun sitio fresco, seco e escuro. As cerdeiras enxértanse por Semana Santa, un día claro e tendo en conta tamén a fase luar. Antes utilizaban FEZ, el o ano pasado fíxoo con cera (dunha vela) e pegaron ben. velaquí outra utilidade para a pataca do Benigno
22 de febreiro : temos un silo de herba a punto de rematar. Non sabemos como será a campaña deste ano, polo de agora aínda esta detrás de moitas lúas. Arestora non temos problema, temos outro silo sen empezar que pode dar para 5 ou case 6 meses
19 de febreiro : con que pouca cousa se pode cortar un camiño e evitar que pasen as vacas, e funciona...
16 de febreiro : febreiro quente leva o diaño no ventre e un día de sol no febreiro come por cantos cabalos hai no reino son refráns de Pilar Guerra. E xa levamos unhas cantas xornadas destas de primavera polo día ... a ver en que dá a cousa... que nós dependemos do campo
14 de febreiro : Grazas a Tatiana polas agarimosas palabras que nos enviou e tamén por esta foto na que vemos as dúas irmás acompañando á Directora Icíar Bollaín na entrega dos Goia. Va que están ben guapiñas...?

13 de febreiro : san Benigno. Os Parentes tivemos un tío crego que chegou aos 105 (+1976). Nós sempre o lembramos xubilado e dicindo misa na galería da súa casa grazas a un privilexio concedido por Roma. Pois o caso é que este don Benino celebraba o seu santo cunha festa e din que hai xa ben anos se comía lamprea que lle traían do Miño.
Agora o noso curmán maior tamén se chama Benigno e supoñemos celebrará o santo na súa galería da ría de Noia. Felicidades!

E o Curmán Maior agasállanos hoxe cunha nova semblanza

10 de febreiro : Dentro de pouco empezaremos as obras , polo momento xa veu O Topógrafo dar cotas para facer os movementos de terra, obras que forman parte do plan de mellora que temos aprobado
9de febreiro : hai unha semana que estabamos nerviosos por se dúas parentas dos Parentes (o noso avó do Guerra do Barrio e o seu avó Gilberto eran primos irmáns) podían levar o maior premio do cine español. Poucas veces na historias dúas persoas da Barrela protagonizan unha páxina de El País (sábado pasado). Os Parentes tiñamos moi claro que debían gañar María e Tatiana. Non foi así pero nós seguimos fachendosos de tan ilustre parentela. Agora seguiremos a mirar cada semana o Padre Casares na Galega. De todos os xeitos parabéns para elas e a súa nai nosa parenta.
8 de febreiro : Vaia coa última versión do Google Earth... viaxen ata o noso Arransallo (42º33´09.54"N - 7º49´57.67"O - elev.673 m) e verán a "ermita de Cartelos", "fuente de S. Cristo" (Recobio), e incluso en Lobelle de Baixo teñen "sorpresa", procuren non pisala se é que a dan pillado
2 de febreiro : Estamos en tempo de entroido... de disfraces ... de comer a cachucha e as torradas e tamén dos mecos que era como lle chamabamos en Trasar ás máscaras ... e de descansar... ata o xoves non actualizaremos a páxina
30 de xaneiro: Na casa do Guerra mátase polo San Vicente e fanse os chourizos polo método tradicional. (e o hoxe acaba de se bater o récord diario de visitas nesta páxina: 119)
25 de xaneiro: outra historia dos Arrieros en semblanzas
25 de xaneiro: pero para fotos artísticas as que fai alá en Boiro o noso irmán/curmán Bernardino
24 de xaneiro: hoxe xa non está connosco o pai da Esperanza. Nós estamos todos con ela e co Pepe
20 de xaneiro:Andamos a investigar por que pasou tanto traballo este carballo para medrar, traballo custaríalle pero bonito si que quedou. Cando saibamos cal foi o motivo desta deformación xa o comunicaremos
19 de xaneiro: hai un mes que andabamos a salgar a carne do porco
16 de xaneiro: nova semblanza dun devanceiro arrieiro
15 de xaneiro:Que lastima dunhas fabas para aventoar, hoxe fai moito aire, hai que aventoar cando fai aire. Agora fabas bótanse poucas, pero a verdade é que o caldo sen fabas parece que non é caldo, e xa sabes, se queres ter o teu home gordiño despois de caldo unha cunca de viño...
11 de xaneiro: xa temos pote, e temos bullo, só falta a explicación de como se fai o licor café branco........ todo se andará

9 de xaneiro: tivemos visita. Hoxe ofrecemos outras dúas instantáneas da visita de antonte .

7 de xaneiro: tivemos visita: Hoxe estiveron aquí dúas mozas e tres mozos moi agradables e encantadores da produtora Pórtico (por iso lle imos chamar a unha vaca Pórtica). Viñeron gravar para un novo programa da TVG, o Ben Falado. tiveron moita paciencia e mesmo parecía que algunhas vacas (as máis novas máis ben) sabían que as estaban a gravar porque tamén adoptaban posturas curiosas...

E quedamos agradecidos para sempre co noso amigo e seguidor web, o profesor Xesús Ferro Ruibal polo agarimoso e animoso que foi con todos nós... e polo moito que conversou e animou e dixo que aprendera dos nosos tres padriños da xeración anterior. Graciñas.

4 de xaneiro : Comida anual, Os Parentes e consortes, fixo de fotógrafo o noso amigo Moisés.
De pequenos todos os autobuses se chamaban Directas... e o revisor da Directa era unha das máximas autoridades que coñeciamos (como aquel Pancho) ... e din que alá vai La Directa... tamén caeu nas mans de Monbús... cantas viaxiñas para Lugo, Ourense, Chantada... cantas boas lembranzas!!!!!

3 de xaneiro : como chove e o Xosé non tiña moito que facer, cun anaco de enredadeira que atopou subindo por un carballo fixo esta artistada, pero agora non sabe onde póla,  seguiremos pensando..........    acéptanse suxestións.  Tamén se aceptan xuízos críticos..... Contamos co permiso do Curmán Maior para pór o C de curmáns na base?
2 de xaneiro 2008 : parece que o ano entra con bo pé, mirando no 7 días de máis abaixo dá auga para todos estes primeiros, boa falta fai que está todo seco e xa hai moitos pozos que non deitan e o péndulo cando busca non está moi optimista...

31 de decembro 2007 : Os Parentes desexamos a todos os visitantes da páxina un marabilloso ano 2008 como marabillosa é esta paisaxe nosa

E lles traia o correo o mellorciño... vexan que caixa de correos máis enxebre:

30 de decembro: as nosas leiterias están moi ben documentadas, velaquí o carné de identidade de Miña no que constan: nome, sexo, pai, nai, criador, data de nacemento, establo, códigos, código de barras, número xenealóxico, raza, cores... O control e a seguridade favorecen a todos: produtores e consumidores

29 de decembro: pois claro que o de onte era unha pegota (nome que aquí lle damos ás inocentadas do 28). No noso dicionario non vén esta palabra, e el terá que ver con algo que se pega nas costas para facer a burla? Alguén o sabe?

Estes dous seareiros da Selección Galega envíannos foto e saúdos desde Vigo

28 de decembro: estamos que non damos feito, hoxe non temos tempo nin para unha foto...

resulta que o virus que nos atacou en días pasados debéuselles contaxiar ás vacas e andan todas feitas uns trapos, con descomposición e vómitos... ICOS mandounos todos os veterinarios dos que dispuña e fomos cortando o pior... temos un tanque cheo de auga con arroz e outro de soro fixiolóxico (que as becerras se negan a tomar, faltaría máis)... dixéronnos que en 48 horas xa poderían ir volvendo ao silo... Outro problema é que á maioría se lles sacou o leite e o pouco que temos non se pode vender polo aquel do contaxio... a nosa veterirnaria dona R. di que algunha xa non recuperará o leite ata o próximo parto (e moitas aínda non andaron ao boi)...

Non falta quen nos console... pior é que tiverades vós un accidente... que vos entrase a grupe aviar nas cortes... non o fan por mal...

Mañá xa lles contaremos como vai evolucionando o asunto....

27 de decembro: as carnes mortas (as máis claras)e a paxarela (as máis escuras)
Así lles chamamos por aquí a estas partes do porco, que segundo un curmán noso moi entendido se trata do páncreas e o bazo. O caso é que cando se mata o porco, ábrese, sácanselle as tripas e demais vísceras e xa no momento bótanse na prancha da cociña económica as carnes mortas e as paxarelas e con pan de Cea e viño de Oleiros podemos asegurarlles que non hai percebes que se lles comparen, ou polo menos así nolo parece a nós. Bo proveito a todos nestes días de festas!

25 de decembro:Esta a rematar o ano e aínda non terminamos as colleitas, para tanto froito non paga a pena meter unha endeita (traballo feito chamando a varias persoas para axudar)

Aa lotaría non tocou, o que nos tocou foi un virus que nos atacou a case toda a familia, ata o informático caeu, nin o péndulo o salvou (vómitos, malestar...), onte estaba ben a comentar que xiada na lama, auga na cama (e hoxe chove)

Este mar de vacas son as nosas na sala de munxir, antes de entrar nos postos individuais

21 de decembro: Os Parentes queremos desexarlle a toda a xente que visita a nosa páxina unhas felices festas de Nadal e un ventureiro ano 2008... e que pillen algo na lotería de mañá ou na do Neno... Nós seguiremos aquí coidando da facenda... que esas non teñen vacacións...
18 de decembro: Mentres repartiamos vacacións de inverno estaba a chover, alegría polas vacacións e encantados de ver chover
16 de decembro: Moita xeada, case non se poden afiar os coitelos para a matanza, saen candeós en vez de auga. De todos os xeitos terminamos comendo unha freba...
15 de decembro: pois hoxe está de aniversario un dos Parentes... leva tan ben os anos que a xente nin llos bota... así que se fai falta seica convida a un licorciño...
14 de decembro: con isto das novas leis das matanzas do porco andan buscadísimas as pistolas, están esgotadas en todas partes... E velaquí teñen a ... don 8793
9 de decembro: O Hadrián vén as ser o sobriñoi-neto da Marta, ou sexa, o bisobriño
8 de decembro: pasou o sacauntos e fixo das súas
4 de decembro: Tarde de outono, as vacas perecen gozar da temperatura agradable que temos hoxe. Nós temos que aproveitar a paisaxe pois dentro de pouco teremos a autovía ao fondo, por certo, as vacas son do Demetrio de Lobelle
3 de decembro: como choveu agroman os zarrotes
30 de novembro: pronto empezaremos os Parentes coas sesións de matanza dos porcos. O primeiro día a figadeira, o segundo as frebas, o terceiro descanso, o cuarto a zorza e os chourizos. Hai sitios (como en Vilachaá, cerca de Monforte) que tamén aproveitan o terceiro día dedicado aos roxós. Que aproveite a todos!
27 de novembro: velaquí as declaracións en Metro de hoxe do Miguel de Noia, fillo do Curmán Maior dos Parentes ......
25 de novembro: en chegando ao Arransallo e se te fixas e a sorte é boa, antes de chegar á man dereita podes ver algo como isto......
21 de novembro: onte o péndulo foi cara Guntín buscar auga. Atopamos unha peneda que chama a atención, despois a señora da casa invitounos a café, o cunqueiro ten que ver.....

19 de novembro: chove!!!!!!!!!!!

17 de novembro: esfolla Este ano decidimos escanar o millo na leira e logo esfollar o recollido.
U-las esfollas de cando Os Parentes eramos nenos? Os contos, as rexoubas, as raíñas, as marquesas... era unha festa. Cando o señor Camilo da Eirexe facía a esfolla axudado polos veciños e a el cumpríalle o tempo para encabezar os contos e repartir bebida entre todos... Agora todo anda rápido, con présa... di un amigo noso que é cousa da alimentación que afecta ao cerebro e leva a esta vida louca. Igual ten razón... no diario todo llo achacan ao cambio climático...

15 de novembro:  Para evitar a porquería, un pequeno contenedor. Todo isto no RECOBIO en Lobelle

11 de novembro: hoxe día de San Martiño queremos saudar os criadores de vacas de raza galegas: Limiaga, Caldega, Vianega, Freirega, Cachega .En Boaga (Federación de Bovino Autóctono de Galicia) hai moita información

E tamén aos criadores do porco celta (non sabemos se para eles tamén vale o de polo sanmartiño mata o teu porquiño)
Vexan os cornos da cachega:

8 de novembro: Estes días andamos na busca de auga, pero en vez de auga atopamos un fungo en Buratas. Non se ve claro, pero para ser fungo é grande

7 de novembro: están as becerras mirando, parece que queren saudar coma no Luar... e aproveitamos logo para saudar:
-O Miguel que está lonxe en Liverpool aprendendo o inglés. Ánimo, rapaz!
- Unha páxina web amiga dunha gasolineira pontevedresa que coma nós se decidiu a poñerse na rede. Parabéns!, aínda que eles vendan o mesmo combustible con e sen páxina, coma nós o mesmo leite... xa verán como serve para ter máis amigos polo mundo. Polo menos nós cando vaiamos á praia botaremos gasolina na Costa Giráldez

5 de novembro: Hai algúns amig@s que nos preguntan se isto da páxina web custa moito e como se fai. Nós non somos entendidos, que o noso son as vacas. Pero podemos contarlles como fixemos e facemos.

Fomos á paxina do proveedor de internet (no noso caso o R Empresas do noso presidente) que ofrece gratis aloxamento web. Demos de alta un login e contrasinal e así obtivemos o www.empresas.mundo-r.com/op para aloxar a nosa páxina. Logo fixémonos con un dos moitos programas que xestionan e editan páxinas web (no noso caso Macromedia Dreamweaver). Con este programa preparamos todos os contidos, fotos, sons... e ímolos poñendo na rede para que todos os poidan ver. Non nos custa un can pero enreda moito tempo... e como o tempo o dá Deus de balde... así seguimos... porque sabemos que hai moita xente que nos visita.

Outra posibilidade sería facer un blog, que agora están de moda, non custan nada e só hai que ir a unha das moitas páxinas que os ofertan (blogger.com,...) e seguir as intrucións. Non fai falta saber utilizar nin ter ningún programa, chega con internet... e ademais os visitantes poden deixar instantaneamente os seus comentarios. Pero como nós temos moito que contar sobre os devanceiros, a explotación, o péndulo... preferimos o formato de páxina web e non só as entradas ordenadas cronoloxicamente. Se alguén quere colgar comentarios que utilice o email.

Non sabemos se lles chegará con esta información... pero está a punto un parto... e temos que ir atendelo

3 de novembro: Seguimos a traballar en preparar as terras para a seguinte campaña, andamos a encalar, mantemento de cerres, sementando herba e mellorando no posible as nosa leiras; é o caso de LAMATRAVESA e PORTACALES, na que seguimos a mellorar. O tempo seco axuda a esta clase de traballos
1 de novembro: seica polo día de hoxe hai máis de mil anos os nosos devanceiros celtas celebraban a fin do ano e a noite na que se abría a ventá entre o mundo dos vivos e o dos mortos e que logo estes costumes pasaron aos Estados Unidos co nome de Halloween. Nos Parentes xuntamos a modernidade (vexan as castañas que a nosa Carme apañou coas amigas para ese pedazo de festival de Chantada, o Castañazo Rock) e a tradición celebrando o magosto en familia (vexan que feliz está a avoa Pilar rodeada de todos os seus netos)
30 de outubro: Este ano por falta de choiva temos poucos nabos, seica na praza tamén teñen moita escaseza, estes teñen boa pinta pero son poucos e pequenos ... e xa se ve como a Alba herdou o amor polos animais da súa nai
25 de outubro: Seguimos a ensilar, o tempo axuda, e agora xa falta pouca. Onte caeron unhas pingas, pouca cousa pero interesante segundo os técnicos pois así non se levanta poeira  (polvo) durante a recolleita e non entra no silo pegado ás follas
24 de outubro: Este ano poucas e pequenas, a castaña quere en agosto quecer e en setembro beber e este ano sáelle o tempo ao revés. Aí vai a proba

22 de outubro: O outro día falabamos de canabuchos. Estas canas teñen unha espiga e un canabucho
E este ano temos axuda na esfolla: os paxaros

21 de outubro: feira en Chantada. Os comerciantes din que non fan un euro poque non chove e non venden as cousas da tempada...
Un dos curmáns manda saúdos desde Sevilla

19 de outubro: Aparece hoxe a foto dos nosos curmáns no Progreso, nun suplemento que chaman Ribeira Sacra. A pena é que non apareza na edición dixital para que a poidan ver os nosos visitantes da páxina.

Hoxe inauguramos outo apartado da web, en Semblanzas de por aquí queremos render homenaxe á xente dos nosos lugares que significou algo no seu tempo

16 de outubro: Unha pena, despois de 5 anos connosco deixou de funcionar. Non sabemos se chegou á vida media dunha cafeteira, pero a verdade é que as vacas de leite non duran moito máis do que durou a cafeteira
13 de outubro: ensila do millo!
12 de outubro: nun día tan sinalado como e o da Pilarica imos empezar a ensila do millo. Este ano retrasouse por iso que chaman o cambio climático. Empezamos a ensilar pero trataremos de facer só a metade da superficie pois a outra metade esperaremos a que termine de madurar, é importante para conseguir calidade de silo
Máis de 30 anos separa esta foto actual dos 13 curmáns da feita coa súa avoa Mamacarmen. Canto medrou Pepe G. Simon que foi o que nos colocou cando eliximos o Curmán Maior en agosto!
9 de outubro: o Xan xa enviñou e o Xosé tamén. O viño sabe ben, pero dá o seu traballo. Dicía o señor José da Ribeiriña: perdóolle o mal que me fai polo ben que me sabe. Algo así lle pasa ao noso presidente na foto da súa adega
7 de outubro: Feitas un pouco lonxe, pero aínda así se nota o interese e a présa que teñen as becerras en chegaren a algún sitio. Danse conta que algo de alimento extra apareceu. Neste mes de Outono seco pola nosa zona aínda escasean os pastos, temos que axudalas con silo de herba.
5 de outubro: é o tempo do San Froilan en Lugo, de pasear pola fermosa cidade, de comer o polbo con cachelos nas casetas. Os Parentes queremos mandarlle moitos saúdos aos nosos amigos o Sr. Pelúdez e a Sra. Filomena, Peludeciño e Vanessa, Jarrisonciño..... que teñan boas festas e moitos visitantes... a ver se algún de nós pode ir dar un paseíño...
4 de outubro: pois seica terá 11 graos o viño que sairá das uvas destas muras de Carcacía
3 de outubro: Esta preciosidade estaba o outro día en Carcacía, se non saben o que é poden preguntar
2 de outubro: Temos que ir pensando en ensilar, as reservas están esgotándose, de todos os xeitos temos silo en outra morica así como para un mes. O Bernardino deu un curso acelerado de fotografía despois da empanada de torriscos, aínda non foi posto en practica. E esta foto do silo foi feita á postura do sol pero sen as súas indicacións
1 de outubro: tamén estaba ben rica a empanada de torriscos que a Pilar de Baixo tan ben prepara e logo cocen no forno... unha delicia... cura todos os males...
Quen tamén é unha marabilla é a tal Rosalía que puxeron hoxe na TVG, a mellor vaca leiteira de España e ademais galega.. e de LUGO....

30 de setembro de 2007: que rica estaba a lacoeira na vendima, é o almorzo típico e dá forzas para o traballo do día... agora o Xan e o Xosé xa teñen as uvas na cuva... que fervan e dean un bo viño

Conta o Xan que antes seica había moita xente que botaba a cocer coas uvas un touciño para que lle dese corpo ao viño (ou para que criase unha capa de graxa que aillase como agora se fai co aceite). Cando na casa de Baixo se ía buscar o viño nun carro seica se enxaugaban as pipas coa auga de cocer a locoeira...

27 de setembro de 2007: parecen ter boa pinta, hai que alimentalas ben, tratalas con agarimo, que teñan sorte de non pillar algunha doenza vacuna e igual dan un bo leitiño....
23 de setembro de 2007: parece que hoxe entrou o outono ou iso dixeron na TV, fomos á Barrela tomar os callos pero ao saírmos e cruzar o paso de peóns tivemos que ter coidado de non nos esnafrar...
22 de setembro de 2007: velaquí o retrato que o Bernardino lles fixo aos nosos padriños do acto que celebramos en agosto... a que campan ben?
21 de setembro de 2007: así estaba Portacales hai mes e pico... hoxe xa medrou ben o millo ... e falando de millo... en México seica hai máis de cinco mil especies de millo clasificadas pola administración... nós a tanto non chegamos....
19 de setembro de 2007: Como baixaron as temperaturas estamos aprovisionando de leña para quentarse. Adiantamos un pouco a campaña da leña ao prepararmos un camiño para que pase sen atrancos a maquinaria de ensilar o millo. Deste xeito matamos dous paxaros dun tiro
16 de setembro de 2007: hoxe vén no diario un traballo que fala da influencia do gas radón en algún tipo de cancro, e que se debe ao granito das casas. Na sección de Péndulo desta páxina o noso zahorí pode axudar algo...
Tamén marchou onte para a Gran Bretaña o herdeiro do noso Curmán Maior. Seguro que se fai forte no inglés pero ha ter morriña dos chourizos e o xamón de Vilaguillulfe
14 de setembro de 2007: Reunión de Traballo, Os Parentes e S.A.T Sabadelle, foron convocados a unha reunión pola Técnica en nutrición Rosana. Despois de moito facer números e de compararmos resultados das dúas explotacións almorzamos de traballo como vemos na foto.
12 de setembro de 2007: O noso amigo don Xesús Ferro leu o conto do curmán maior e puxo nun correo: Ese voso curmán Benigno si que sabe escribir en galego. A min máis que a Cunqueiro lémbrame a Fole. ¡Que naturalidade e que marabilla!
Teremos que mandarlle unha REINA ao amigo Ferro, se non atopamos unha reina mandámoslle unha MARQUESA, e por ultimo se non houbera outro remedio unha ESCRIBINTA; primeiro ten que madurar o millo e despois poñerse a esfollar. A boa fe que don Xesús Ferro facía bon pé na esfolla, aínda que non lle fundira moito a esfollar seguro que contaba bos contos...

11 de setembro de 2007: Buscamos canabucho ou canavucho no dicionario e non o atopamos, preguntámoslle ao noso Curmán Maior, don Benigno, e velaquí a resposta:

En Vilaguillulfe -e en todas as veigas de Viana polo menos- chamábaselles canabuchos ou canavuchos ás espigas de millo que non ían ao hórreo, xa por seren moi pequenas ou por seren deformes. Como este millo non servía para fariña, os canavuchos xa non se esfollaban e gardábanse nun sitio seco para seren utilizados  todo o ano. Utilizábanse como complemento alimenticio para o gando e na miña casa dábanselles sobre todo aos bois cando tiñan moito traballo. Acordo que  meu pai, que andaba  cos petos cheos deles, dicíalle ao Heladio do Ermida -que tamén tiña bois e que tiraban pouco- que eran mellor medicina os canavuchos que o aguillón, do que el abusaba bastante. 

E tamén lembro que …. resulta que un tal Vanghelino do Coche, tiña un fillo no Seminario. Por certo, nunca souben que foi dun nin doutro, eu non os cheguei  a coñecer. E tindo un fillo no Seminario, cando o rapaz tería 14 ou 15 anos, namorouse dunha do Tacón, que eu non me acordo como se chamaba, e díxolle ao pai que quería plantar do Seminario e “roubarse” coa moza e embarcar para Buenos Aires. Ao Vanghelino non lle chistou moito o asunto porque pensaba que o fillo viviría mellor de cura que casado coa do Tacón. Para ver de lle quitar o vezo do corpo, o Vanghelino   acordou levar con el ao rapaz ás casas onde ía traballar. Chamábano moito para as casas do Pelcho e do Penete, que era home serio, e traballador... aínda que algo farrista. Parece ser que o Vanghelino cargaba ao fillo cuns feixes de herba verde grandísimos..... e á miña tía Estrella do Penete, que era coñecida en toda a redondeza por ser unha muller moi farta e moi boa cos criados aquelo dos feixes tan grandes non lle pareceu ben e así llo dixo ao Vanghelino. A resposta deste foi: “Fágolle esto, señora Estrella, porque coido que, aplicándolle distes canavuchos, non lle ha dar para andar tan pronto ao boi”

Este noso Curmán Maior parece don Álvaro Cunqueiro, fala coma un libro aberto.

.O noso zahorí di que canavucho tamén se aplica como sobrenome a persoas pequenas e mal feitas

10 de setembro de 2007: a que son ben bonitas estas becerriñas?
8 de setembro de 2007: Hoxe é a Virxe do Faro, que é avogosa para todo. Nesta paisaxe tan marabillosa, cantas veces fomos andando para gozar das súas vistas, tal parece nesta foto...
pero.... miren como a man humana estraga todo nestas fotos de hai un mes.
7 de setembro de 2007: Os Parentes arrancando as patacas nos Salgueiriños. Antes o día da arranca comíanse arregladas, agora calquera cousa vale
6 de stembro de 2007: se todo vai ben tócalles hoxe ás patacas dos Parentes. Di o refrán: cando as barbas do veciño.... esta estampa é da mañá de onte na curva do Chao do Carballo
5 de stembro de 2007: estes días de calor afogueirado igual veñen ben para o noso millo, para que lle medre a espiga, que é a substancia para as vacas, e logo darán un bo leite. Hai un mes xa estaba así de grande cando foi visitado por uns coruñeses...

4 de stembro de 2007: As nosas vacas non teñen xugueira.
Xugeuira: dureza que se lle forma ao animal onde se coloca o xugo.

Conta a señora María de Padrón que cando alguén mercaba un boi se xa tiña xugueira valía máis porque era sinal de que estaba amansado e afeito a traballar. Por iso había tratantes que aos bois novos lles daban cunha pedra ata que semellaban ter xugueira e podían vendelos ben... sempre houbo xente lista.

3 de stembro de 2007: no seu tempo (non hai tanto) foi un invento marabilloso que aforraba moitas horas de dura gadaña... hoxe vai quedando xa vello... se tiveramos que segar hoxe con ela toda a herba que collemos este ano... onde andariamos!
1 de stembro de 2007: hoxe empeza a traballar o Xosé Manuel, así que deixa de estar ocioso, de lle traballar a cabeza para facer o escudo da famila Pereira e ennobrecer as paredes da Casa do Gil
31 de agosto de 2007: último día do mes, hai que ir collendo algunhas patacas do cedo de colleita propia, a que locen ben?

27 de agosto de 2007: comeza a segunda quenda de vacacións, volven ao traballo o Xan, a Tita e o Alfonso.

narigón: anel metálico que se coloca ás reses nos fociños para telas ben suxeitas. Era o que se lles poñía antes. Agora nós temos en conta a modernidade e poñémoslles a algunhas becerras novas un Piercing para que campen ben, que xa se ve que este narigón de plástico non serve para telas sexeitas. Ou se cadra é para outro fin o piercing este? Se vostede ten interese ... pregunte

23 de agosto de 2007: Como este verán veu máis levadeiro pouco tivemos que usar este chintófano para refrescar o ambiente das nosas vacas, así mollando o tellado conseguimos baixar varios graos a temperatura
20 de agosto de 2007: A día de hoxe rematamos a campaña de herba seca, como non podía ser doutra maneira celebrámolo con unha semana de vacacións
19 de agosto de 2007: pois estamos todos contentos co noso título de Referencial
18 de agosto de 2007: Algunha herba xa fomos metendo, a foto non mente
16 de agosto de 2007: Día de san Roque: por dicir viva san Roque prenderon a meu irmán e agora que o soltaron viva san Roque e o can... Na Cervela, onde estivo moitos anos o noso tío José de cura, tiñan un san Roque moi bonito. Era nunha capeliña nun alto que só abría ese día. Poñían a imaxe do santo no fondo da capela e os devotos botábanlle o centeo de ofrenda por enriba da cabeza, logo collían un pouco que levaban para remedios. A procesión subía por un camiño ata unha poza de auga que se bendicía e a xente bebía daquela auga fresquiña... Velaquí unha foto con máis de 40 anos
12 de agosto de 2007: hoxe foi un día grande para Os Parentes. Xuntámonos os netos de José e Carmen González para elixirmos Curmán Maior. En total fomos 31 persoas e pasámolo de marabilla na Barrela. Velaquí teñen como eramos hai uns 30 anos e como somos agora tan ben acompañados
8 de agosto de 2007: Pois este domingo estamos convocados os 13 netos de Carmen e José González para nomearmos curmán maior... parece que o mellor situado é Benigno González...
6 de agosto de 2007: Que nos traerá esta cegoña? Un meniño parece que non, igual son os cartos que nos dá o Zapatero ou ese leite tan caro que a prensa destes días compara co petróleo. Pero igual a cegoña só veu ver como segamos na herba, quen sabe?
2 de agosto de 2007: nesta foto podemos ver como todos os prados están cheos de herba seca e tamén podemos ver a Paz...
Di o Pegertiño que estas herbas que se chaman cásimos, seica saen en sitios "pobres" e non se reproducen pola semente. En Portacales pola mañá, daba gusto velas de bonitas que estaban
30 de xullo de 2007: non canta na Chá ninguén por iso o meu carro canta.... así di a canción de Fuxan... acabamos de ler que nun lugar de Ourense fixeron un concurso para ver cal era o carro que mellor cantaba... aplaudimos a idea ... que aínda lembramos os carros a cantar e os carretos aquí por Carballedo. Estes días como axuda o Lourenzo andamos un pouco apurados coa herba seca... porque vaia se iamos escoitar os eixos a cantar...
20 de xullo de 2007: estase a preparar o nomeamento do curmán maior dos González. Fíxose un comida para tratar o asunto en Noia.

16 de xullo de 2007: hoxe pola tarde a vaca non buscaba sombra, estaba a resgardarse da choiva (foto)
Por outro lado, se un se fixa nótase a diferencia de semente de millo (altura e colorido), na foto non se aprecia, pero o máis grande (foto) tamén ten unha folla máis. De todos os xeitos aínda falta moito para a recolleita e será entón cando teremos que contar as filas de millo de cada espiga, calibrar o carolo, ver a textura do grao, e ao mellor tamén probar a acidez da cana...........  todo isto aínda esta detrás de moitas lúas

E aí vai outra frase que ten que ver coa vaca (dedicada ao noso amigo Xesús Ferro): ánimo tripas, que está un corno a cocer. Supoñemos que o de darlles ánimos ten que ver co "ruído" que fan cando hai fame, para tranquilizalas podemos anunciarlles o do corno.O corno a cocer sábese cando se pon pero nunca está cocido... así que a cousa non pinta ben...

13 de xullo de 2007: parece que volve a choiva, aínda que non é o mellor para a nosa herba seca.
Estes días andan en Pamplona a pelexaren cos cornos dos bois, xente ociosa, nós procuramos que as vacas non os teñan para que non se manquen entre elas, xa non digamos a nós...
10 de xullo de 2007: hoxe é o san Cristovo, o patrón de Lobelle, polo que a Marta e o Xosé convidan a un licor café na adega da casa. Este santo seica é o patrón dos condutores... a ver se nos axuda que andamos moito con tractores e hai moitos acidentes... santo bendito!
Na wikipedia poden saber máis sobre o santo.
7 de xullo de 2007: Esta mañá entrou a primeira "freba" de herba seca no almacén dos Parentes, queda moito que loitar para rematar pero aínda empezamos hoxe. Un membro dos Parentes atópase hoxe de visita na cooperativa Irmandiños, unha das pioneiras en Galicia, xa noutra ocasión visitamos dita cooperativa; pero agora queremos manter contacto e ver como evolucionan e as súas inquedanzas ante esta época incerta e de cambios que estamos a vivir. Por certo que aínda que se fala de subas no prezo do leite e recuperación do sector, polo de agora non son efectivas. Moito ofrecen pero o leite só subiu 1 céntimo
6 de xullo de 2007: xa pegamos coa herba SECA, agora que veña tempo pois temos para uns días, hai moita este ano, menos fincas que outros anos pero máis cantidade de herba
4 de xullo de 2007:e el parece que o tempo vai a mellor.... a ver se dura...
2 de xullo de 2007: xa estamos no mes de Santiago, camiñamos cara o Carmen e o tempo segue con cambio climático. Agora terá que se ir compoñendo que temos que segar a herba para seca...
30 de xuño de 2007: Nesta foto non é fácil saber polo momento se o rego da dereita ou o da esquerda son Mas 33A ou BO8, fixemos unha proba en Lamatravesa, polo de agora non se distiguen a simple vista, iremos facendo un seguimento ata a recolleita. Os visitantes da páxina en Burgos ao mellor teñen bo ollo e dannos unha pista para saber cal é cal (ou non amiga Maricarmen?)

27 de xuño de 2007: Nós chamámoslle estralote, seica ten moitos nomes en galego este digitalis purpurea. Tamén se lle chama estraloque, dedaleira, sanxoán. Parece ser que é planta medicinal que contén dixitalina, úsase contra a insuficiencia cardíaca, taquicardia e enfermidades coronarias; tamén ten poder diurético. Pero ollo, que en grandes cantidades é tóxico e pode producir a morte. É tan bonito e chamativa que alegra a vista nesta época. Cando nenos sempre andabamos a estalar neles.

E estoutra planta que non comen nin as vacas, que parece un pau de san Pedro, alguén sabe que é?

26 de xuño de 2007: saíu nos diarios que segundo uns estudos os fillos primoxénitos son máis intelixentes. Non facía falta estudo ningún, chega con ver os máis vellos das catro casas dos Parentes, todos eles ben agudos: a Concha do Gil, o Benigno do Penete, o Bernardino de Baixo, o Elías do Tío Bernardo. Pero ollo cos pechacancelas dos Parentes, haxa ou non estudos, que son ben espabilados: A Marta do Gil, A Inma do Tío Bernardo, O Sindo do Penete e o Xan de Baixo. E os do medio? Deses xa falaremos outro día, a ver se vai saíndo mentres algún estudo ...

e... poden ir vendo estes vellos castiñeiros que son o orgullo da Marta

23 de xuño de 2007: antes de nacer o sol vaise por auga á fonte e logo bótanse unhas flores de sabugueiro e lávase un con esa auga na mañanciña do día de san Xoán. En Trasar de Carballo sempre fixemos así. Seica o orballo de S. Xoán ten moitas propiedades curativas, sobre todo para enfermidades da pel. É curioso, din que se ves nacer o sol o 24, podes apreciar como baila, algo diso pode haber, se mesturas o efecto óptico con un pouco de viño da Ribeira Sacra e esperas sen durmir ata que naza o sol ... case seguro que "o ves bailar". Radiestesicamente ten un montón de propiedades, pasear descalzo polo orballo axuda a descargar o estrés e cárgate de enerxía, mesmo respiras mellor. Se non tes sabugueiro a man e che queda a desmán Trasar de Sabugueiro, velaquí unas flores frescas de hoxe pola mañá

e falando de san Xoán felicidades Presidente (e tamén Helena)

22 de xuño de 2007: A primavera empezou onte, as témporas seica quedaron suroeste, a ver en que dan. Pero sempre ha estar bo tempo para tomar unha copiña de licor café receita da Mamacarmen (que é o que máis buscan os internautas na nosa páxina)
20 de xuño de 2007: xa temos can, contento o can e orgullosa a coidadora...
18 de xuño de 2007: o tempo aínda dá auga. A auga quédalle ben ao caldo, o leite non a pode ver, e o viño non ten moita amizade con ela, xa teñen que pórlle copas "aparte". Seica despois do San Luís mellora o tempo, falta fai...
12 de xuño de 2007: e el que será este aparello?
17 de xuño de 2007: Din que pode subir o leite un pouco, seica xa andan as empresas recolledoras a ofrecer subas e a facer contratos de compromiso de entrega prometendo unha suba de un 10%. Parece que algo se move no sector, din que a suba se pode deber a que empeza a escasear o producto debido a unhas politicas anteriores que fixeron baleirar as despensas de reservas para manter o prezo. Nos estamos coa moral algo máis alta. Tamén empezamos a solicitar axudas para maquinaria, que parece que pode recuperarse o tema das axudas que estivo parado ultimamente
10 de xuño de 2007: Hoxe é un mal día para Os Parentes. O Camilo do Pereiro xa non está connosco. Era un bo home. Nos Parentes os que eramos familiares directos e os que non tiñámoslle cariño. A súa lembranza seguirá connosco.
9 de xuño de 2007: Hoxe tiñamos que levar un marrao desde Lobelle a Trasar, pero como había tormenta non puido ser, que os porcos son moi delicados do corazón e igual non o soportaba. Cando se leva un porco a unha corte nova o mellor é botar auga para mollar o chan e alí fará o animal logo as súas necesidades. E se se mete con xeito pódese deixar a porta aberta que non sairá. E un consello se quere mover porcos: coller por unha orella e polo rabo, senón faise complicado.
Non sempre vai ser a cousa de vacas, hoxe tocoulle aos marraos
2 de xuño de 2007:Onte foi a cea de ICOS, a nosa cooperativa. Xuntámonos en Chantada, comemos, conversamos e pasamos un rato agradable.
Fixeron o saneamento e saíu ben. Rematamos de sementar o millo. Esta semana tamén remata o "Becario"  Moisés. A Partir do martes empezamos as VACACIÓNS, repartimos o mes en quendas de a dous, mínimo unha semana por cabeza
30 de maio de 2007:Entre torbón e torbón andamos a botar no millo, aínda non imos pola metade, pero dámoslle ganas, queremos rematar neste mes. Xusto na entrada da explotación sementamos un pouco de espiga, ese que despois de esfollado metemos no hórreo e máis tarde mallamos para logo darllo a comer a porcos e pitas.
27 de maio de 2007: Con esta choiva aínda non se puido sementar o millo, temos a terra arada pero falta que enxoite un pouco. Polas datas a que estamos non podemos descoidarnos moito, xa dixo o Padriño (Manuel González) que cando a rula canta no seu ruladeiro, bota o millo, senón na terra, que sexa no bulleiro.
E agora imos votar.
26 de maio de 2007: Os Parentes escoitaron que nas rúas de Vigo hai vacas coloreadas que non precisan silos. Mandaron alá un propio e algo atopou
21 de maio de 2007:Despois de toda unha semana de ensila de herba, o domingo ás 9 da tarde entrou a ultima viaxe, fixemos dous silos, un pouco máis que o ano pasado e rematamos xusto a tempo antes de empezar a chover. Pillounos a choiva tapando o silo o luns (véxase o detalle).
Agora temos que sementar millo en moitas fincas que foron ensiladas, xa estamos a fertilizalas, despois de todo esto ao mellor collemos algo de vacacións.
Por certo quen conduce este tractor?
20 de maio de 2007: Levamos uns días de moito traballo coa ensila da herba, case non hai tempo nin para comer. Se fixeramos como este veciño de Sarreaus, teriamos menos traballo, non hai máis que mirar o coidada que ten a horta.
17 de maio de 2007 : Día das Letras Galegas
Para nós é un día calquera, un día solto, que a nosa facenda non entende de festivos. Ademais nós xa cumprimos co galego todos os días... e esta páxina pode dar fe
16 de maio de 2007 : Andamos a segar para a ensila, esta "gracia" non fixo ningún dano, só retrasou un pouco a data de recolleita, pero aumentou a cantidade e mesmo a calidade de ensilado, ao mellor para a fin de semana témola media vencida. Neste intermedio aproveitamos para sementar algo de millo, este ano empezamos sementando o Mas 33-A
13 de maio de 2007 : Temos a ensila parada por mor da choiva, agora temos que esperar a que escampe e logo un día ou dous paraa que enxoite e se levante a herba, e seque un pouco o terreo
11 de maio de 2007 : Velaquí a foto do Moisés, que ben nos veu que nos botase unha man...
10 de maio de 2007 : Hoxe damos por inaugurada oficialmente a ensila, como de costume suspéndense os descansos e centrámonos en recoller unha parte importante do alimento para o gando.Este ano contamos coa axuda do MOISÉS, un rapaz que anda no estudo e fai prácticas en "Os Parentes". Axuda nada desprezable nestes días de moito traballo. Se o tempo acompaña contamos cunha recolleita de herba para ensilar de boa calidade, froito do traballo de renovar periodicamente as praderías; en cantidade contamos con superar en moi pouco a colleita do ano pasado, pero de todos os xeitos sería suficiente.Tamén temos un novo CAN que inda non decidimos como chamarlle, como primeiro nome surxiu MEU, pero pode que non teña moita aceptación e ao final .. ao mellor na rede alguén ten ideas bonitas pa chamarlle a un can... 
6 de maio de 2007 : Hoxe ten un vaso... dise aquí onda nós de alguén cando está un chisco bebido pero sen chegar a borracho. Estes días andan nos xornais as declaración de Aznar sobre o viño e a condución. Nos Parentes xa sabemos aquilo que dicían hai moitos anos nas estradas portuguesas: se beber nao conduzir, se conduzir nao beber. Temos que aplicalo ao manexarmos as maquinarias e os coches ... e iso que temos un bo ribeira sacra.
4 de maio de 2007 : Parece que clarea un pouco o tempo, intentaremos botar as patacas o sábado, tamén parece que pode clarear un pouco o noso futuro económico, rumoréase que pode subir algo o prezo do leite, din que (3 pesetas), non ten moita tradución a euros pero se fose certo algo axudaría. Onte quedou unha noite clara, foi a Santa Cruz e pola Santa Cruz sempre xea. (ah, aquí preto de nós celébrase a Santa Cruz na parroquia do mesmo nome, onde se garda un corpo santo, o de Frei Miguel González)
1 de maio de 2007 : hoxe é o día dos traballadores e nós tamén somos traballores do campo, a nosa fábrica é a explotación, así que a seguir traballando, que esta fábrica non pecha nin un día, nin sequera unha tarde ou mañá, as vacas queren comer e hai que munguilas decote..!!
28 de abril de 2007 : onte aínda choveu ben, veu unha graciña moi xeitosa. Di o Xan que o mellor era que chovese antes durante o abril e logo viñese un maio máis quente, pero que se hai que conformar co que veña e non alporizarse por iso, aproveitar que agora xa chove... este noso presidente sempre moi xuicioso..!!
24 de abril de 2007 : Andamos a fertilizar para sementar millo, este ano queremos aumentar un pouco a superficie a sementar para tratar de gastar menos en penso xa que ultimamente se disparou o prezo do  penso composto. Achacan a subida á produción de cereais para facer biodiesel; como sempre estamos a ver como funciona o tema, pero o resultado para nós polo de agora é seguir producindo millo para alimentar as vacas, pois para producirmos combustible parece que non estamos en zona favorable co que non sería rendible... sorte para as vacas, que por certo no día do libro naceron dúas.
23 de abril de 2007 : A vaca non é de onde nace senón de onde pace, pensarán as pintas holandesas, que, malia ao estrés que lles crea o feito de non entender os berros dos seus novos propietarios, producen tanta riqueza para Galicia que ata a Unión Europea acaba por multalas. Porque se as nosas vaquiñas tiveran dereito a voto -serían máis dun millón contando as autóctonas e foráneas- de seguro que a súa sería unha existencia máis cómoda e mesmo en tempo de eleccións como o que agora vivimos ata terían o seu día de festa, animada por Superpiñeiro ou Gayoso. (Xoán C. Vidal, delunsavenres, 23-4-05)
21 de abril de 2007 : esta rosa naceu nunha roseira que o cura do Incio colleu xunto da fermosa igrexa da Cruz e foi plantada na costa galega, en Bueu. Así de vizosa está hoxe o mesmo que a nosa lembranza del.

15 de abril de 2007. Xa se vai cumprir o ano desde que nos deixou o noso benquerido tío cura do Incio. E hoxe lemos en A Nosa Terra isto:
Así foi como empezamos a adozarnos e regalarnos co mel do Incio que o señor Manuel chufaba de moi bo e que el mesmo tomaba ás deitadas e ás levantadas e nunca tiña un catarro. O sancristán sempre dicía que o mel era das colmeas do señor cura que levaba en parzaría con outro e que os cartos eran para melloras na igrexa.
Este ano non houbo mel do cura. O señor Manuel explicounos moi sentido que morrera. Parece que era ben querido e apreciado polos parroquianos. Nós sempre o lembraremos polo mel da súa colmea e polo ben coidada que tiña esta xoia do Hospital do Incio
(Xesús Torres Regueiro)

Di a Marta que as abellas soen marchar co seu amo, disque se morre o " que as coidaba" elas desaparecen tamén. O seu avó seica as tiña na finca chamada "os cortizos", queda xusto encima de Lobelle. Hoxe non as hai pero a situación é boa, vense os castros de Quintá, o de Morgade e máis mundo. O seu marido di que logo as abellas serán como o San Pegerto de Buciños. Ao bo do santo tamén lle medraba a barba ata que morreu o barbeiro

Un estudo da Universidade de Landau suxire que a misteriosa desaparición das abellas que está a afectar aos Estados Unidos e a Europa pódese deber á radiación da telefonía móbil. Segundo esa teoría, as ondas de radio interfiren nos sistemas de navegación dos insectos, o que fai que non poidan regresar ás súas colmeas.
O traballo descubriu que as abellas refusan volver á colonia cando se colocan teléfonos móbiles nas súas proximidades, o que podería dar unha pista sobre a posíbel causa do fenómeno.
A denominada desorde de colapso da colonia acontece cando os habitantes dunha colmea desaparecen de súpeto, ficando só raíñas, ovos e obreiras inmaduras. As abellas perdidas nunca se chegan a atopar, pero crese que morren lonxe dos seus fogares. O fenómeno comezou o pasado outono nos Estados Unidos e foise estendendo a Europa. O noso país tamén se está a ver afectado.
(Fonte Vieiros)

13 de abril de 2007: Hoxe estamos de loito, despois de moito sufrimento, o noso amigo Julio Moure deixounos (dos Caballeros de Viana), foi o noso amigo e compañeiro de traballo de Xan, veciño en Ourense en Dr. Marañon, coñecido de todos e sobre todo un grande home. Un bo profesional no seu traballo, un manitas no tempo libre, sobre todo un bo pai de familia. Dende Os Parentes queremos facer saber que perdemos un amigo.
Com bágoas nos ollos queremos darche as grazas polo que axudaches a que a nosa vida teña sentido. AMIGO!!!

Yo quiero ser llorando el hortelano de la tierra que ocupas y estercolas, compañero del alma, tan temprano. Van por ti, Julio, estes versos de Miguel Hernández ..........

12 de abril de 2007: Pois, sempre atarefados, en Semana Santa repartimos algo de vacacións, 2 días por cabeza, ben os mareciamos, deixamos estercadas as cento e pico hectáreas de pradería que administramos. Primeiro foi o Xurro. Logo onde non se puido chegar fixémolo con 22-8-6, e por ultimo co famoso NITRAMON. Agora entramos nunha especie de compás de espera entre fertilización e recolleita, que aproveitamos para pór en orde temas tan importantes como o de Axudas, Plans de melloras, planeamento, etc. Estamos centrados en mellorarmos accesos aos eidos para a ensila que se aveciña (mediados de Maio), andamos a programar un tema tan importante para a explotación como é a SEMENTEIRA DE MILLO, temos que arar, fertilizarar, ver a clase de semente que mellor se adapte  ao terreo, o clima, o abonado previo, a climatoloxía, a data prevista de recolección. Aademais, como pasa con todas as cousas, ultimamente temos moitas novidades relacionadas co tema do MILLO. Novas clases de sementes, novos tipos de pragas, certos tipos de fitosanitarios que deixan de ser autorizados por Medio Ambiente. Estamos a estudar concienzudamente o tema. Mentres tanto e para non aburrirnos miraremos as listas electorais que andan a saír á luz nestes días ..
Esta icona de Kiko da Silva non foi a que gañou o concurso en Pontevedra pero a nós é a que máis nos gusta (6-4-07)

5 de abril de 2007: Xa estamos na nova campaña leiteira, a ver como se porta, se os prezos non baixan e seguimos botándolle ilusión á cousa ...

Unha embaixada dos Parentes estivo polo País Vasco; máis que mirar o asunto das vacas seica se dedicaron a investigar o txacolí, os zuritos, o patxarann .