English

 

Limiar

A Sociedade

Os Parentes

Ligazóns

Devanceiros

Semblanzas

Reciclaxe

Péndulo

 

Mándanos o teu comentario

28 de marzo 2009 : na nosa familia estamos afeitos a saír na TVG, agora tocoulle ao sobriño Paulo

Agora toucoulle aos electricistas, un é familiar dos Parentes, tamén os albaneis andan a cerrar a fosa. Agora queda pouco para inaugurar a obra

23 de marzo: Tamén Os Parentes chegaron á Coruña para facer saber aos políticos pola crise que está a atravesar o sector debido á baixa do prezo do leite, a crise vai forzar ao peche de moitas explotacións, e xa quedan poucas.
22 de marzo: Non é fácil xuntar a 4 irmáns cado o máis neno ten 80 anos
19 de marzo: Hoxe é o día de San Xosé
A Carmen de Baixo (Trasar), a Segunda do Pelcho (Vilaguillulfe), a Veneranda do Gil (Lobelle) -empadescansen as tres- non celebraban nas súas casas os cumpreanos, celebraban os santos. Pois seguindo esa tradición temos que felicitar hoxe nos Parentes o Pepe, o Xosé Manuel e a María José. E tamén o noso tío José en Torrejón. E os curmáns José Javier Glez. e José Manuel García. (vamos, o mesmo que o ano pasado)
17 de marzo: vaia vídeo máis vacún, ímosllo pór ás nosas
13 de marzo: agora tócalle á fontanería
10: marzo. Abrimos unha páxina de vídeos

3 de marzo: Mentres preparamos o piso da obra nova, as xemelgas descansan tranquilas, dá gusto velas

Cando o Xan vai traballar á ribeira sempre trae refráns:

home luneiro non é bon cosecheiro
home luneiro nin boa meda nin bon palleiro
o caiño é o pai do viño
28 de febreiro: dun día para outro cambian as cousas, xa non parece a mesma
27 de febreiro: este furado é para montar unha balsa de recollida de xurro da nova nave.
26 de febreiro: aínda hai xente que pensa que os cambios de lúa non inflúen nada aquí na terra. Acaba de cambiar a lúa e hoxe unha vaca matou un rapaz aí en Paradela... e alá polo Ulla unha muller quedou ferida porque a atropelou un carro de vacas -onde se viu tal!- ... e varios endevidos comentaron que a noite pasada durmiran mal sen saber por que... vaites coa lúa... que converte a estes animais que parecen tan pacíficos en asasinos
24 de febreiro: martes de entroido, antes viñan os mecos polas casas e había quen falaba do santo entroido
20 de febreiro: estes días de sol as vacas que andan fóra disfutan como na primavera
16 de febreiro 2009 : algo cambia, pouco a pouco, estes días de sol axudan
13 de febreiro: A autovía empeza a deixar calvas as leiras. Foto antes, foto hoxe, mágoa, non deu chegado o S Valentín
10 de febreiro: moitas veces andamos mirando a onde ir para ver cousas bonitas de moito mérito e non coñecemos as que temos por eiquí á mao. Nesta guía recén saída está todo o desta zona: Castro, A Barrela, Os Peares, Chantada, todas as igrexas dos arredores, os carballos vellos... a Maruxa Villanueva, o Buciños... Canto hai que ver!!!
9 de febreiro: Na casa do Cortés de Lobelle está este trasfugueiro (trasfogueiro, morillo); é unha peza de ferro fundido no que se apioa a madeira para facilitarlle o tiro e que así arda mellor. Ademais normalmente ten unha serie de accesorios acoplados que facilitan o mañexo do lume e outras labores. Hai alguén por aí na rede que nos poida explicar este trasfugueiro?
6 de febreiro: Que non dure máis a mala veciña que dura a neve na febreiriña... a ver se é certo
1 de febreiro: onte foi un día moi feliz para os Parentes. Fomos ao Incio aos actos en honor do noso tío: misa, descubrir o busto no Hospital, comida multitudinaria no Incio...

31 de xaneiro: velaquí o lugar de Trasar de Carballo, onde foi nado o noso tío Cura do Incio. Hoxe iremos toda a familia ao Incio aos actos de homenaxe: misa, descubrir o seu busto no Hospital e xantar de confraternidade na Cruz. Moito o botamos de menos...

Xa saben que na súa web hai moitas fotos

27 de xaneiro: velaquí o lugar de Trasar de Carballo, non hai outro lugar no mundo que se chame igual, hai un Trasar de Sabugueiro, pero un sabugueiro non ten a categoría dun carballo
22 de xaneiro: hoxe El Progreso portouse co noso tío en paz estea, o Cura do Incio. Case unha páxina enteira (a 16). Se non ten o diario pode ver o artigo aquí

20 de xaneiro: Pilar Gómez Abad mándanos outro artigo interesante de como salvar a vaca Paca .Hoxe miren que paisaxe máis bonita

19 de xaneiro: Os técnicos de TECNOR empezaron a pór as camas, nós si que pensamos no benestar animal.
18 de xaneiro: Os nosos dez mandamentos.
1.- Os animais non sufrirán fame nin sede prolongada; é dicir, deberán ter unha alimentación e subministro de auga axeitada e suficiente.
2..-Durante o descanso deberán estar cómodos.
3.- A temperatura debe ser adecuada, nin frío nin calor.
4.- Disporán de suficiente espazo para movérense en liberdade.
5.- Non deberán presentar lesión físicas.
6.- Os gandeiros manterán unhas condicións hixiénicas e de coidados óptimas para evitar doenzas. O seu manexo ten que ser correcto en calquera ocasión.
7.- Evitarase a dor por manexo, xestión, sacrificio e intervención cirúrxica inadecuada.
8.- Poderán manifestar comportamentos sociais normais específicos da súa especie, como o aseo persoal.
9.- As persoas a cargo dos animais favorecerán as boas relacións entre o home e o animal.
10.- Deberán evitarse as emocións negativas como o medo, a anguria, fustración ou apatía.
 Segundo un proxecto da Unión Europea que identificou os criterios de avaliación do benestar animal para o gando bovino, porcino e aviar. Nós xa antes de coñecelos procurabamos todo isto e moito máis porque canto mellor tratemos os nosos animais máis leite producirán e mellor nos sentiremos nós.
E como temos a conciencia tranquila e vai frío imos mirar se lle metemos algo quente ao estómago:
16 de xaneiro: Pilar Gómez lémbrase de nós e recoméndanos este artigo de El País (tractores)

12 de xaneiro: Mándanos Anxo desde Pontevedra esta ligazón á páxina que fixo para honrar a memoria do noso tío Anxo, Cura do Incio: anxo.info. Tanto nos devanceiros do Cura do Incio coma nos dos Parentes (que veñen sendo os mesmos) vemos que houbo un arrieiro que se chamaba José González Simón, igual que o seu tataraneto e noso Secreterio José González Simón. Curiosidades.

O outro día falabamos dos males de fumar. Por iso nos manda a Vitoria desde Pontevedra esta foto feita en Portugal (como coidan alí dos homes??)

Mándanos Anxo desde Pontevedra esta ligazón á páxina que fixo para honrar a memoria do noso tío Anxo, Cura do Incio: anxo.info
10 de xaneiro: segue o frío hoxe, por iso o Rogelio fixo un bo lume de amieiro e dixo: o amieiro arde no bulleiro (porque arde aínda que sexa mollado)
9 de xaneiro: está a nevar nos Parentes como en case todo o país
7 de xaneiro: temos a terra preparada para botar os allos na minguante de xaneiro. Con este frío case se agradece un pouco de exercicio aínda que sexa cavando na terra

5 de xaneiro: Esta noite seica veñen os Reis. A ver se nos traen pronto o remate das obras e lles podemos poñer o loureiro.

O día 2 xa lle trouxeron algo a Pilar Guerra que foi elixida por votación dos de Pórtico para empezar o ano no programa resumo de Ben Falado, todo un honor para ela, miren que pasou ben xente e ben importante por ese programa no 2008. Por se non o viron

3 de xaneiro: La Voz de Galicia:

El fallecido párroco Anxo González será recordado con un monumento de O Incio

La asociación Terras do Incio celebrará el próximo día 31 un homenaje al sacerdote Anxo González González, fallecido en abril del 2006, quien durante varias décadas se ocupó de las parroquias de Santa Cruz, Hospital, San Pedro y Trascastro. Los organizadores preparan varios actos, uno de los cuales consistirá en la inauguración de un busto dedicado a recordar al desaparecido párroco, del que señalan que «destacou pola súa bondade e entrega aos demais» mientras residió en el municipio. El monumento será instalado en el entorno de la iglesia románica de San Pedro Fiz de Hospital.

La inauguración se llevará a cabo hacia la una de la tarde, después de una misa que se oficiará en la referida iglesia. Posteriormente se celebrará una comida de homenaje en el pabellón deportivo del colegio público Ricardo Gasset. Las entradas podrán retirarse hasta el día 27 en todos los bares y cafeterías del municipio al precio de veinte euros y serán gratuitas para los niños de hasta 10 años de edad. Al homenaje asistirán el obispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, y el presidente de la Diputación, José Ramón Gómez Besteiro.

Anxo González González residió en el municipio de O Incio durante cerca de cuarenta años. Falleció a los 71 años de edad tras una larga enfermedad en la localidad de Trasar de Carballo, en el municipio de Carballedo, de donde era natural.

  Nin que dicir ten a ilusión que nos fai á familia e o noso agradecemento aos organizadores

2 de xaneiro: a que non saben (os que non son de por aquí) para que serve este aparello que temos no Arransallo? Pois veñan por alí ou escríbannos ao noso @ se teñen dúbidas.
1 de xaneiro 2009 : empeza o ano e como sempre se di que o mellor é ter saúde non se deixen guiar pola fumeta, nin rubio nin negro...

31 de nadal : Seica por fin de ano se pide un desexo, non sería mala idea pedir que ningunha arma sexa máis mortífera que esta escopeta feita de cana de millo.

Bo aninovo para todos de parte dos Parentes!

29 de nadal : onte foi o día das peghotas, para os que non son de por aquí, inocentadas. E hoxe seguimos coas obras que van para diante día a día:

28 de nadal : hoxe di o señor Touriño no diario que a adxudicación dos megavatios non é definitiva, debe ser porque Os Parentes tiñan solicitados uns cantos megavatios e os informes érannos favorables e mesmo nos mandaron un papel onde consta que imos ser premiados con polo menos 33 megavatios. Como parece ser certo isto convidamos aos visitantes da páxina a que se acheguen polos Salgueiriños (e previo permiso do Tío Manuel) leven un mollo destas nabizas que tan boa pinta teñen:

26 de nadal : como é tempo de vacacións as nosas vacas teñen visitas e, como pasa sempre, as máis solicitadas son as becerriñas

25 de nadal : Que si, que vai moito frío por aquí, pero temos bo viño, caldo galego da casa de nabizas, calefacción nas casas… así que non hai problema. As vacas tamén están ben coidadas, non hai por que se preocupar

23 de nadal : Os parentes queremos desexar a todos os vistantes desta páxina que pasen o mellor posible estas festas, que metan os problemas e disgustos un momentiño debaixo da mesa estes días. Nós teremos que seguir atendendo a facenda como calquera outro día, que as vacas non entenden de festas.

18 de decembro: ten moita razón o noso amigo Anxo alcalde de Chantada en que a xente ten dereito a saber o que come (Xornal, 18-12-08). Por iso Os Parentes coidamos tanto a alimentación do noso gando, para que a xente que beba o leite (e derivados) que producen as nosas vacas estea tranquila...

13 de decembro: día de santa Lucía, festa de pote en Trasar. A que non saben que son carrafellos? Di Pilar Guerra que son esas mazás pequeniñas coma castañas que quedan na árbore ao final da colleita. Tamén di Lina Simón que o dente de angrón en infusión é o mellor remedio para comer o sangue nun derrame (haino ao lado dos regatos):

11 de decembro: con choiva e néboa pero con ganas de rematar a obra. Luís. Xan, Rogelio e Pepito non paran de traballar

8 de decembro: hoxe saíu o Peguerto de Quintela na TVG

7 de decembro: Si que está ocorrente o Carrabouxo na Retranca

3 de decembro: vimos o outro día o que chaman xogo da PORCA, nós non o coñeciamos, pero a nosa Nai-Pilar ten falado del. (Máis información)

30 de novembro: as que andan fora disfrutan da neve, as de dentro tamén a ven

30 de novembro: vaia artigo máis interesante trae hoxe El País, titula nada menos que: a tumba de Hitler está en Chantada... Os Parentes estamos encantados de que a xente da nosa zona faga cousas tan bonitas... todos temos que apoiar esta zona sur da provincia... Tamén saíu o outro día no Ben falado a páxina dos nosos parentes de Pontevedra

27 de novembro: xuntanza de traballo, SAT Sabadelle, Os Parentes e Rosana que é quen convoca todos os anos a unha charla onde comparamos datos e cambiamos impresións sobre a marcha e funcionamento das nosas explotacións. Despois de dúas horas de estudar datos, sentámonos a mesa

26 de novembro: Andamos a vacinar  por mor da Lingua Azul

25 de novembro: Estamos a facer revisión de maquinaria, somos os primeiros no turno de tarde

20 de novembro: ese gran programa que dirixe Xesús Ferro xa está operativo na internet. Quen non nos viu no seu momento porque foi emitido a unha hora algo cedo... xa o pode facer na rede:

Os Parentes

Pilar Guerra

17 de novembro: este edificio situado no mesmiño centro de Aveiro-Portugal chamouse até hai ben pouco CASA PEGUERTO. Nesta  " loja " comezou un veciño noso a súa  actividade comercial. Del só sabemos que era galego (de onde ía ser logo chamándose así ),  que se instalou na cidade portuguesa no comezo do século pasado e que hoxe ten descendentes comerciantes - hai varias tendas de moda da marca PEGUERTO GARCIA Lda- e tamén farmacéuticos e avogados... Se temos en conta que, fóra dun radio duns 30 quilómetros arredor de Buciños, case non hai PEGUERTOS, el de onde sería?...... Continuaremos a indagar. (foto e información facilitadas polo Curmán Maior Benigno González)
Nós rematamos a ensila e agora estamos a encalar e abonar para sementar a herba que na primavera ensilaremos.
O tempo axuda, seco e con moita xiada. Antes botábanse moitos nabos deses de carola grande para encher o pote dos porcos. Tamén se lles aproveitaban as nabizas para o caldo e sabían mellor cando xa estaban cocidas polas xiadas (iso conta o Xan)

16 de novembro: andamos de ensila, case un mes máis tarde do habitual, pero mereceu a pana esperar, agora o millo vai en sazón. Tamén atopamos algunha seta nas leiras, pero son das que non se poden comer

13 de novembro 2008: hoxe imos falar das cruces coma esta que hai en Lobelle desde sabe deus cando, os vellos sempre a recordan e hai uns 10 anos restaurouna o Toñito do Gil.

A cruz máis importante é a da parroquia. A cruz non sae dos límites da parroquia, cando ten que pasar un defunto pola parroquia a cruz vai esperalo ao límite e despídeo onde empeza outra parroquia volvendo á súa igrexa.
Cando morría alguén nun camiño poñían unha cruz, hai quen di que tiña que ver con iso de que se morres dunha desgraza ou fóra da casa suponse que non che puxeron a Extrema Unción (extremaución), e por iso ao mellor poñían a cruz para axudar a ir ao ceo.
As cruces tamén se poñían nos cruces de camiños para que o demo non fixera das súas. Seica o "inimigo" acostuma deixarse ver nos cruces de camiños para tentar a xente e por iso poñían cruces xa que o demo non quere saber nada delas. Din que non atura estas tres cousas e por esta orde: as cruces, a auga bendita e que nomeen a Deus.
Se temos unha Cruz xa non aparece o demo inda que o chamemos como din que se chama cando se quere tratar con El: Nun cruce de camiños  cun garrafón de viño e un xamón; primeiro déitase un pouco de viño no chan e logo empézase a comer xamón e beber, de vez en cando dise "se vés comes e se non vés non comes". Case sempre aparece con aparencia de bo mozo, alto e vestido con gabardina; seica só o delatan os pés, que se un se fixa moito (trata de escondelos) son de cabuxa. Come e bebe e fai tratos, que sempre cumpre pero a cambio quere almas, é capaz de dar riquezas e de facer obras coma pontes nunha soa noite; din que os cartos seica os fixo tamén el para que moita xente se condene por eles.
Seguramente cando aparecían desgrazas nos lugares moita xente pensaba que podía ser obra del e como supoñían que andaba polos camiños poñíanlle cruces para que non puidera facer das súas.
Algunhas veces seica sae a tentar na xente, pero se se fai un círculo no chan (mesmo cos pés) e te metes dentro xa te deixa en paz

12 de novembro: o noso veciño Rubén dende Brasil pregunta polas Obras. As obras van lentas, agora andamos a teitar (lousar dixo un dos operarios). O Ruben está polo Brasil ampliando coñecementos de Veterinaria en algo relacionado cos embrións, e dende alí ve a nosa páxina todos os días, ... para el, un saúdo de todos nós.. (Ruben é fillo da Eva de Lobelle, neto do Feliciano, o pai chámase Moncho, e ...)

11 de novembro: con este mal tempo dos días pasados nin avanzou a obra nin puidemos ensilar... seica vai mellorar... a ver...

9 de novembro: hoxe en Cartelos celebrouse o funeral por Emilio Álvarez González da Casa do Grande de Trasar. O Milucho foi o noso vate local. Era verdadeiramente un poeta do pobo, un home que amaba de verdade a poesía. Sempe o lembraremos no prado dos Currás gardando as vacas e escribindo nunha libretiña pequena as súas poesías. Os da nosa xeración xa lle chamabamos o poeta e sabiamos de memoria algún verso seu: "pequeño riachuelo de aguas cristalinas, a donde vas.." nos recitou un día cando iamos para unha festa. No 1974 publicou Caminos al atardecer, o seu primeiro libro. Emilio tivo xa desde neno problemas de saúde, no Seminario xa pensamos que se ía... pero recuperou e chegou aos 54. Como o Emilio non se movía nos círculos dos poetas coñecidos, seguro que non sae moito nos xornais sobre el... mais para Os Parentes foi sempre un grande poeta, un verdadeiro exemplo de poeta popular... e así seguirá na nosa memoria...

Do libro "Albas de primavera". O primeiro dos 47 poemas, en galego, que o compoñen. 

Amar

rir

loitar

chorar

ouh!, qué profundo sentimento

o de poder chorar longamente

sobre un amor

ou unha aución, reprimida

no máis fondo da alma

7 de novembro: malas noticias nos chegan de Ponferrada. A señora Dorinda xa non está cos seus, agora estalle facendo compañía á súa querida Virxe da Encina. O seu sorriso, a súa amabilidade, os seus continuos diminutivos e a súa excelente arte na cociña quedarán sempre na lembranza de todos os que tivemos a sorte de tratala. Baudilio, Mila e Bernardino, ... moitos ánimos e cariños... !!!

6 de novembro: Sen lles sacar o mérito, as vacas do outro día parecen ladrairos... se fosen nosas estarían ben mantidas, que nós nos dedicamos a mantir. Agora iamos ver se faciamos a segunda parte da ensila do millo. Pero non puido ser o de ensilar por que chove. Aproveitamos para probar un apeiro que fabrica INDUSAGRI, fábrica de maquinaria agrícola en Lugo, da cal forma parte o sobriño da Marta Juan Carlos www.indusagri.es

4 de novembro: A nosa avoa Mamacarmen falaba de que un tío dela fora a San Andrés de Lonxe. Igual era a san Andrés de Teixido onde vai de morto quen non foi de vivo. Aquí temos unhas vacas alí en Teixido o venres, chovía e só 3º de temperatura... e as vacas tan tranquilas... a ver se eran en realidade almas que ían cumprir a manda que non fixeran en vida...

2 de novembro: chegou o frío e o mes de samartiño... a todo porco lle chega o seu samartiño... Desde Espasante-Ortigueira chéganos este porquiño de san Antonio... bonita estatua

28 de outubro: agora que vén aí o día dos defuntos, de lembrarse das ánimas... non deixe de facer turismo e pode visitar en Trasar de Carballo o restaurado peto das ánimas, interesante monumento que non vén nas guías turísticas. Probe a meter unha moeda e verá como ninguén lle contesta nin dá as grazas, entón entederá a frase: estar calado coma un peto

25 de outubro: Fancisco Sineiro en El Progreso

Que catro cousas ben ditas, como emociona ler recoñecementos! que lástima non telo connosco aínda! Foi o noso tío e como un pai para todos. Seica na Casa de Baixo unha tía da Mamacarmen era chamada por todos os sobriños mi tía. Pois esta vai por ti, mi tío, nunca te esqueceremos!

22 de outubro: O noso amigo Fernando ten paxina web, e acordouse de pór Os Parentes como ligazón. Temos que ver a súa paxina e mandarlle un agarimoso saúdo, el ademais do seu labor como comercial, persoalmente é unha das habituais visitas da nosa paxina. Inda que estamos próximos (a tiro de pedra), menos de 2 quilometros, tamén utilizamos de vez en cando o correo etectrónico  para pórnos en contacto. Todo un profesional, e tamén un amigo

21 de outubro: onte ás 9 da noite rematamos de cerrar o silo, esta mañá empezou a chover, sorte a nosa. Ensilamos algo mais da metade, en xeral colleita un pouco escasa, pero despois de todo inda non foi tan catastrófico o efecto da rosca, gracias á pericia dos maquinistas da colleitadora conseguimos minimizalos un pouco.Agora esperar uns días para facer a ensila que resta e despois analizar e facer contas e cálculos do recollido e do xeito de repartilo para todo un ano.

19 de outubro: andamos a ensilar no millo, desta volta farémolo en dúas partes, así o recomendan os técnicos. Hoxe dámoslle ás leiras que están máis cumpridas, o millo máis curado, e logo dentro duns días o que resta. O tempo axuda e nós ilusionados coa nova colleita, e sabendo que despois do prezo do leite, a recolleita de millo é un factor que inflúe na rendabilidade da explotación pois de ser precaria a colleita en cantidade ou calidade teriamos que suplementala con penso, que ultimamente está a prezos prohibitivos como o carburante.

Algunha adormidera tamén atopamos, seica se utilizaba para durmir ben, poñiase unha bolsa con adormideras secas debaixo da almofada

Nos arredores das fincas de millo tamén encontramos o estramonio, coñecida como herba do demo

18 de outubro: nos toxos do Arransallo, chama a atención o que traballan as arañas, e logo marcha o orballo e non se ve o seu traballo

17 de outubro: entraron as primeiras castañas, pero o viño novo inda ferve. Sempre casaron ben as castañas e o viño novo

15 de outubro: alá en Pazos, á beira da antiga lagoa de Antela na Limia, Francisco Vences ideou este toro para descanso gatuno. Mándannos esta foto dedicada á Marta: grande amante de todos os animais e tamén recolledora de gatos...

13 de outubro: o viño xa está na xesta (deixou de saber a doce e sabe como a xesta), o de Lobelle algo máis adiantado que o de Trasar

12 de outubro: interesante foto que nos envía o parente Sindo, non necesita comentario (tirouna na provincia de Ourense)

11 de outubro: Cabalos

Cando eramos rapaces o Paco do Penete, o Xan de Baixo, o Manolo do Tío Bernardo, o Antonio do Gil (os nosos pais) tiñan besta, para ir ás ribeiras, para ir ás feiras, para ir ao muíño... Non sabemos se lle virá de aí ao noso irmán/curmán Sindo González o seu amor polos cabalos. O caso é que desde que se fixo veterinario sempre se dedicou aos equinos. Botou ben anos ao cargo da Cuadra Pereira, que tan bos cabalos tiña e tantos éxitos conseguiu nos hipódromos. Hai uns anos que o convenceron para se facer cargo das instalacións que a Deputación de Ourense ten na antiga lagoa de Antela. Nós sabemos que a el lle vai máis o coidado dos cabalos que o papeleo... pero son cousas do cargo. No que si acertamos é en que é unha das persoas de España máis entendidas en cabalos de raza e nas súas doenzas ... a nós case nos gustaría máis que o fose en vacas... pero así tamén temos un parente famoso..

E cambiando de conto... o Zapatero e o Bush veña a inxectar cartos nos bancos e o pobre do Carrabouxo:

8 de outubro: despachar

Di o Xan que na ribeira cando os ribeiraos ían sulfatar facían eles as boquillas de madeira para a máquina e dependendo se botaba a xeito ou non dicían: despacha ou non despacha... por certo, o viño que está a ferver vai andar polos 10º... e tiña un case nada de acidez debido á garnacha...

6 de outubro: para que se saiba a que empresa pertencen as maquinarias

3 de outubro: o bullo segue a ferver nas adegas do Xan de Baixo e do Xosé. Aquí temos o Antonio de Carcacía e o curmán maior o día da vendima xunto á moreira da que falamos a semana pasada

2 de outubro: as obras avanzan lentamente:

30 de setembro: non e fácil facer as fotos no medio do millo, pero ben, nunha vese a espiga no chan, de xeito que non a recolle a colleitadora e pérdese; e na outra apréciase como a planta inda que non seca cae e parte das raíces están cortadas pola famosa rosca

29 de setembro: san miguel das uvas tarde vés e pouco duras... O sábado fomos de vendima a Oleiros, vendimamos toda a mañá, xantamos e saímos todos cara Castro... polo camiño tivemos a visita da Garda Civil que mandou soprar a todos os condutores... e como somos xente responsable ningún chegou aos 0´25. Agora este informático xa levou o mosto a analizar e o viño ferve nos cubas de Trasar e Lobelle.

25 de setembro: andan a montar o testeiro da nova nave

23 de setembro: isto dos idiomas na internet.... Piquen no buscador máis usado en Xapón... escriban no recadro os parentes... déanlle ao azul á dereita... e verán como nos coñecen en Xapón....

22 de setembro: este corzo seica andaba nun eido noso. É cortesía do noso parente Xosé Manuel García. E os cornos do bicho farán un bo caldo????

18 de setembro: á noite

Resulta que hoxe andan os Parentes derreados (ben, este informático menos porque andou no tractor) porque tocou recolleita das patacas, e claro como hai que collelas do chan non hai máis remedio que agacharse... non é como o ubre das vacas que xa o puxemos ao ser do corpo para munguilas ... esta das patacas é unha das colleitas que facemos en común as catro familias... e xa na mesma tarde botamos os nabos no mesmo sitio... que logo ben que saben as nabizas que aquí nestas terras montañesas de Carballedo danse moi ben... Este ano colleita normal, nin moitas nen poucas, e coma sempre non eran todas coma as máis grandes, pero seguro que chegan, e se non chegan para cocer cómense fritas.Sempre se busca arreglo, o importante é que se conserven.

O peor é aquelo do que lles falabamos o 29 de agosto, A ROSCA que ataca o millo, estamos a comprobar que xa afecta a algúns dos nosos eidos... hai quen di que o único remedio é botar millo transxénico... pero nós non estamos por esas..

16 de setembro: foi o Xan á ribeira de Oleiros e prendeu moito do que lle contou o noso amigo Antonio de Carcacía: resulta que as liobas (doelas curvas das cubas, as das cabezas son os tempos) de moreira son excelentes para evitar que o viño se apique. O pai do Antonio era carpinteiro e facía cubas e cando lles metía algunha lioba de moreira tiña que cobralas máis caras. Seica había alí unha moreira moi vella e grande que lle cortaron dous pólos para facer táboas para liobas. Por iso o Antonio recomenda meter a cocer na cuba unha taborela de moreira. Un xeito natural de evitar tanta química como leva o viño!

12 de setembro: Hoxe en La Voz de Galicia de Ourense o noso curmán/irmán Gumersindo fala da crise e dos cabalos

9 de setembro: hoxe é o día de San Pegerto e imos falarlles de Chatada:

O demo andaba de viaxe por Galicia e levaba con el a súa nai. A señora cansou e pediulle ó fillo que a levara ás costas. Pero ela estaba moi gorda e pesáballe moito. Cando chegaron a onde está agora Chantada, o demo tirou a nai ó chan e dixolle:
—Aí quedas chantada!
Por iso lle puxeron ese nome a Chantada, capital do concello do mesmo nome da provincia de Lugo.
[
Información remitida por María José Rodríguez Rogina, de Vigo, segundo versión escoitada na casa dos seus tíos en Chantada (Lugo)]

8 de setembro: hoxe é o día da Nosa Señora do Faro, a romaría máis grande da nosa comarca. Como é festivo en Chantada e aproveitando a fin de semana o Xan foi coa familia dar unha volta e aproveitou para se fotografar coa filla Helena en compañía do loro Ravachol e Valle-Inclán

6 de setembro: velaquí os novos que veñen con forza

1 de setembro: segue o programa do noso amigo D. Xesús Ferro, Ben falado na TVG, levando á pantalla xente da nosa familia, hoxe tocoulle a Pilar Guerra

31 de agosto: xa apareceron os primeiros choupís, o ano pasado case non sairan pero este ano parece que se adiantan

29 de agosto: Pois ademais da subida do combustible, da baixa do leite, da incerteza de garantía de recollida, agora aparece unha nova peste no millo. Trátase dun ataque "tardío" de ROSCA, a rosca é un verme que ten forma de rosquilla e ataca o millo ao pouco de nacer cortándolle a raíz e ten tratamento. Agora esa mesma rosca ataca cando o millo é grande, os vermes son máis grandes e cortan as raíces do millo que están máis na superficie de xeito que cando fai un pouco de aire o millo cae como se pasase un tornado, non temos maneira de loitar polo de agora contra esta peste, menos mal que inda non se estendeu moito, pero en fincas cercanas ás nosas xa foi vista. Nós polo de agora xa nos chega co Xabarín.

25 de agosto: Andamos a facer os alicerces no que será unha ampliación de instalacións, case se podería chamar un anexo, chámese como queira é para as becerras

E como tivemos uns días de vacacións... a Marta e o Xosé foron dar unha volta e en Piornedo esta vaca chiscoulles un ollo, igual era un saúdo para as nosas vacas

20 de agosto: andaba mal unha vaca ... veu vela o veterinario e dixo que tiña depresión... aínda que non o pareza, que vive con máis de 200 e nunca anda soa... e está ben coidada... Así que os que pensan que a depresión non é unha enfermidade... aquí teñen un exemplo que ata as vacas hai que tratalas de depresión...

Quen non debía ter depresión é esta páxina web dos Parentes que o luns foi a protagonista no pograma Ben falado da TVG, e ao informático afeccionado que goberna esta páxina tocoulle falar ben...

17 de agosto: xa temos tractor novo e hoxe tivemos a comida dos curmáns, só nos faltou o Sindo que non puido vir:

14 de agosto: pois un vertido incontralado nunha finca e ... a traballar a cabeza, entón con algo que viña no vertido (que houbo que recoller) saíu un cartel avisando de que non tiren máis lixo, e ao mesmo tempo supoño que o que o fixo recoñecerá o anaco que era parte do vertido

13 de agosto: a xente viaxa... a Tita e o Alfonso van a Noia... a Pilar á Coruña... a Helena de campamento ... e o Manolo a ver se hoxe consegue acabar cunhas dores... hai que prepararse que o domingo é a festa dos curmáns... iremos a Torre Vilariño... que xestionou o Curmán Maior... a nós non nos vale calquera sitio... somos tan importantes coma calquera... así de contento está o Xan de vacacións:

10 de agosto: agora que están de vacacións a Tita e o Xan teñen tempo a sentar e contar un conto na aira... e tamén a ver o Ben falado (TVG 10,05) no que tantas veces saíu a Pilar de Baixo ... de non haber cambios nós sairemos no programa do luns 18 e a señora Pilar no luns 25...

8 de agosto: Rematada a campaña de herba seca toca vacacións, 13 días por persoa, e algún dos que está a traballar tal parece que está de vacacións xa que vai en bicicleta. Por outro lado, o Tractor Barreiros marcha para chatarra por iso do plan Renove, o seu substituto xa está no concerionario, para a semana chegara Ós Parentes

4 de agosto: facendo bolos atopamos un espantallo, noso non é, pero como está na estrema tamén "espantará"  algo para nós. O prado cámase Relleiro e está ao lado do río Asma

2 de agosto: empezamos o agosto, o mes das canículas aínda que este ano non sabemos se virán co do cambio climático... antes si que debían vir... que había quen dicía cando morría un meniño nestes días: hanche ser as canículas do agosto... E mentres seguiremos vendo a diario o Ben falado (TVG, 10,40) , que xa saíu o noso informático un día dicindo unha frase

30 de xullo. nos prados que ensilamos a herba a uns botámoslles millo e o resto teñen agora unha segunda corta ...

28 de xullo. A lagartixa está mirando o tempo a ver se hai ou non cambio climático. Menos mal que aproveitamos o tempo cando veu a calor a mediados... e metemos toda a herba seca... que a segunda parte do mes veu ben fresca e algo húmeda para eses labores ...

22 de xullo. seguimos coa herba... moita hai este ano!!!

Hoxe empezou na TVG o Ben Falado ás 10,40, alí estaba falando o noso amigo don Xesús Ferro. Igual para o mes saímos os Parentes...

19 de xullo. Estes días andamos a voltas coa herba seca, este ano moita e boa colleita, sorte para as becerriñas que son as que máis comen da seca.

Por fin temos páxina web do Concello, benvida!!

13 de xullo. Obras: a verdade é que polo de agora só se fixo o desmonte, estamos esperando polos albaneis.

O que si temos é unha cadela a que inda non bautizamos pero que entende por  "chuchiña" e non sabemos que facer con ela, regalámola encantados (cun lote de leite para alimentala), hoxe fixémoslle esta foto para tratar de promocionala e ver de atoparlle amo. É bonita e parece que está pedindo que alguén se faga cargo da súa situación. Nós non podemos, ademais se non a separamos de seu irmán, non conseguiremos ter un verdadeiro gardián (seu irmán) no Arransallo.

12 de xullo: O 10 foi día do Patrón ( o Arransallo pertence á parroquia de Lobelle) aparte da ración acostumada houbo que facerlles unha tarta ás nosas vacas. Nós non puidemos esquecernos de bendicir os coches como facemos todos os anos

3 de xullo: " chateando coa marela"

Hoxe saudamos a Biocoop, unha cooperativa ourensá que une gandeiría e novas tecnoloxías, ata vai instalar cámaras web para que os clientes poidan ver como vai indo o becerro que algún día acabará no seu prato (hai un xeitoso artigo sobre isto na Nosa Terra, o xornal do que é Conselleiro Delegado o noso veciño chantadino Pucheiro)

E entramos na xeira do verán, polo que esta páxina se actualizará a relentín... entre descansos, herbas, algunha praia... etc... as novas serán máis escasas...

Saúdos a todos e que o verán sexa tempo de lecer e non de crise nin de separacións e liortas (como esta a dicir agora a TVG que pasa moi a miúdo)

2 de xullo: por que a vaca non é o símbolo da paz? en vez da pomba? Así pois, hai que cambiar o símbolo da paz e, como dicía Castelao, poñer a vaca. Dános o seu leite. O seu coiro. O leite e o coiro dos seus fillos. É o amparo dos pobres. ¿Quen dá máis? E aínda por riba, a parvixola, sempre mira con ollos calmos e agradecidos, de boa xente. E os habitantes da India, potencia emerxente, saben co corazón que é un animal sagrado. E en Occidente, maltratadores case, as facemos tolear dándolle de comer cousas raras. Nada, nada. En desagravio a tanta afrenta e á longa historia de colaboración desinteresada coa humanidade a ONU tiña que declarala símbolo universal da Paz e deixarse de paxaradas. A argumentación non pode ser máis fácil. Vaia vostede ao medio dunha guerra, alí onde estea a xente ben amolada. Lugares hai sobros. Darfur, por exemplo. Faga dúas ringleiras cos esfameados. Regale na A pombas brancas e na B vacas rubias, suízas, caldelás, cachenas ou Hereford, de carne ou leite, que valen todas. ¿Que lles sería máis útil para a paz de estómago, ‘sine qua non’ para a paz de espírito? ¿Que preferirían? Pois xa está. (Alfonso Vázquez Monxardín, La Región)

E de regalo un dobre arco da vella sobre a peneda cabezuda:

30 de xuño: daló ao outro día do día de San Pedro: o Xosé cando viaxa sempre leva a cámara e así pode retratar bugambíleas coma esta en Bueu

29 de xuño: San Pedro. A Marta e o Xosé puideron facer unha escapada ata Bueu para cheirar os aires da mar... e ata o Xosé se atreveu a prognosticar o resultado do Alemania-España co péndulo... acertará...?

25 de xuño: obras empezamos a mover terra para construír unha nave para as becerras

23 de xuño: hoxe é a noite de San Xoán, a noite máis máxica na nosa terra.

-Mañá hai que erguerse para ver nacer o sol... porque baila

- Hai que deixar auga con flores de sabugueiro (e outras herbas) fóra toda a noite e lavarse antes de saír o sol para curar todas as doenzas da pel. E se a cousa é moi gorda... arrevorcallarse no orballo dun lameiro sen roupa ningunha... garantida a curación.

-Tamén se poden deixar toda a noite as claras de ovo a serenar e pola mañá aparecerán certas figuras...

- e moitas cousas máis... (o péndulo esta noite.. anda... anda...??)
Din que de non ser polo orballo a nosa terra estaría case deserta, son moitos litros de auga todos os días (menos en xullo), moitos litros e repartidos por igual. O orballo de S. Xoán ten moitas propiedades curativas sobre todo en enfermidades relacionadas coa pel, tamén ten a propiedade de harmonizar a enerxía corporal, se dás un paseo descalzo pola mañá descargas a enerxía negativa e compensas a carga eléctrica corporal, que xunto coa mellora que produce respirar aire limpo e o aporte de osíxeno que se libera ao entrar a auga na terra, ... con todo isto sentiraste coma novo, tanto física coma mentalmente. Calquera pode probar a dar un paseo descalzo polo orballo aínda que non sexa S. Xoán, merece a pena

21 de xuño: Pois o aparello que puxemos onte era para introducir medicamentos ou alimentos especiais na boca das vacas. Iso foi o que lle explicou o noso presidente á Vitoria en Pontevedra cando a foron visitar el e súa mamá

20 de xuño: Pois este aparello ten unha finalidade concreta na explotación, pero a simple vista non é fácil de adiviñar

17 de xuño: Case rematada a bota do millo, falta pouco, debido á choiva non demos rematado o luns, o primeiro que sementamos hai 4 días xa agrila, pero inda non saíu da terra. Por outro lado, andamos dando a herbicida que para eso si que está un tempo baril, e xa de paso un saúdo para o Albertiño que é un dos colaboradores no asunto da herbicida do millo.
Un bota millo e outro dá herbicida. Esta mañá quedou rematada a faena.

14 de xuño: Andamos apurados coa bota do millo, seica chove o domingo e queriamos rematar antes de que chova, este ano decidimos sementar o Euroestar, por ser un ciclo curto e unha marca xa coñecida e experimentada

13 de xuño: Están a cumprirse os servicios mínimos acordados polos transportistas para os gandeiros,  esta mañá non tivemos que tirar o leite.

12 de xuño: Pois non pode ser doutro xeito, no ordeño da tarde temos que tirar o leite, supoñemos que antes das 6.30 non quede arranxado o problema do transporte e nós temos saturada a nosa capacidade de almacenaxe, resumindo, temos que tirar o leite. Calquera veciño da zona pode pasar a recoller para o seu consumo, non teremos inconveniente en agasallalos con todo o leite que poidan consumir.  Xa informaremos de como evoluciona o tema da recollida, mentres a seguir loitando para saír adiante....

Non se pudo arranxar o problema da recollida , os consecuencias están á vista, leite á fosa de xurro

11 de xuño: Pois eiquí temos o Sr. Presidente supervisando os traballos de cerrado de silo. Ao fin, moita colleita, un pouco a destempo pero recollida no seu punto, agora a ultima palabra terá que dala o laboratorio cando se analice despois de fermentar.

9 de xuño:O tempo axuda, entra herba a barullo, con un pouco de sorte a ultima hora da tarde rematamos de ensilar, logo despois inda queda traballo pa perfilar e tapar os silos

8 de xuño: pois hoxe toca recoller

7 de xuño: Rematamos de segar, agora xa pode ver a foto a Victoria dende a súa casa. Alegrámonos moito da súa recuperación, ANIMO. Tamén un saúdo para quen a coida con tanto coidado como se fosen ovos. Aos Parentes quédanos toda a fin de semana de ensila e supoño que luns e martes tamén

5 de xuño : POR FIN XA ANDAMOS COA ENSILA.....

28 maio: moitas veces poñemos fotos de plantas que vemos polos campos e dinos a Marta que tamén ela as ten ben bonitas na casa. E non mente, velaí está esta amarilis da súa terraza cunha paisaxe de fondo que pronto se verá alterada por unha autovía.

27 maio: o cantar do arrieiro é un cantar moi baixiño, cántase en Ribadavia e resoa no Carballiño. Por iso nós debiamos cantar moito que temos antepasados arrieiros, de feito Os Parentes íase chamar Os Arrieiros, pero xa estaba o nome collido. E din os maiores que agora xa non se canta coma antes que a xente traballaba e cantaba ou asubiaba... canto cantaron o Xan de Baixo e a súa irmá Vicenta!!!

Agora dámoslle máis a poñer a radio no tractor ou no coche e escoitar A GALEGA. Antes ían coa anxada ou a gadaña ao lombo e cantaban, ... xuntábanse e cantaban... Será por iso que hoxe di no diario o cantante Amancio Prada: Nunca se consumiu tanta música nin se cantou tan pouco... a cadea rompeuse cando os homes deixaron a eixada polos tractores... O tal Amancio dálle moito xeito a cantar iso do cantar do arrieiro..., como diría empacestea o noso tío Anxo: que ben canta ise carajo

26 maio: xa tarda o bo tempo, pero mentres tempo non vén sazón non pasa... polo que imos falar das apóutegas

Os excursionistas buscan apóutegas. Pacere que segundo eles a auténtica apóutega é a pequeniña, pegada ao chan. Ás altas, aínda que da mesma familia, chámanlles apóutegas do zorro. Cando eramos rapaces atopabámolas no monte e chupabamos unha especie de dentes que teñen na raíz que saben doce, pacecido a leite condensado. A verdade é que teñen un colorido que chama a atención. As fotos do Xosé poden ilustrar o asunto:

Estas curiosas plantas florecen agora e son parásitas. Viven debaixo da terra sobre as raíces doutra planta (xaras...). Pódense ver cuando florecen e sacan as flores ao exterior para poder ser polinizadas. A das fotos é a Cytinus hipocistis.

24 maio: a xeración dos fillos dos Parentes vai con forza. Esta fin de semana o Manuel está en Torre Pacheco (nas Murcias) competindo na final nacional. A Helena patina que é unha marabilla, levaron o 3º premio en Riazor. O Paulo fai fotos en Cervo, o galspanglish debe ser o idioma desta foto da Mariña.

23 maio: ao lado das patacas tamén botamos algún millo, neste caso Euroestar.

21 maio: onte tocou botar as patacas

20 maio: antes hoxe era san Bernardino

Un devanceiro noso era Bernardino (+1938).Tamén foi crego. Foi o cura de Visuña (Courel), e tamén debía levar o fermoso lugar de Ferramoulín (a peor parroquia da diocese de Lugo entón). Enfermou e foino buscar seu irmán José (o noso avó) , a quen lle cobraron dous pesos desde a Estación de San Clodio polo axudar. Nestas montañas cando lle facían ovos, untábanllos con graxa por enriba. Conta o seu bisobriño José Glez. Simón que estando no Seminario deixou os estudos e veuse para a casa. Metéronlle o fouciño na man e tivo que traballar coas mans encalecidas ata que se convenceu de voltar para cura.

O noso irmán/curmán de Boiro tamén se chama Bernardino, o outro día estivo comendo a carne ao caldeiro en Castro e fixo estes retratos da cunca do viño (é un artista!!). Felicidades polo santo!

19 maio: vaca pendente de parir e que promete dar moito leite

17 maio: Letras Galegas

Nós podemos celebrar ben o asunto con esta dedicatoria que acabamos de recibir do científico que falaba o outro día da herba seca (moitas grazas polo agasallo) e seguiremos falando o galego e escribindo en galego... e logo??

15 maio: hoxe que andamos a pensar na ensila da herba verde queremos contarlles algo sobre a herba seca.

Seica lle preguntaron a un importante cientifico (un tal Freeman Dyson, físico) cal fora o invento máis importante dos últimos 2000 anos. Dixo que a herba seca porque en Grecia e Roma (e antes) non se coñecía a herba seca (feo) e a civiliazción só podía existir en climas temperados onde os cabalos podían sobrevivir durante o inverno pacendo. Sen herba seca no inverno non podía haber cabalos e sen cabalos non podían existir as cidades, o mundo urbano. Ata que alguén inventou a herba seca e a civilización puido moverse cara o norte e cruzar os Alpes... e grazas á herba seca puido formarse Viena, e París, e Barcelona, e Chantada... Quen nolo ía dicir cando andamos no verán a recollela? (isto non o inventamos nós, lémolo nun libro Po de estrelas dun tal Xurxo Mariño)
Pensando nisto dános a risa,,,, mentres poñiamos en marcha a sala para munguir pensabamos que vén o Día das Letras e agora pouco se fala "das deces". Ben, as deces era ese taco que se comía a media mañá e daba forza para chegar á hora de xantar sen problemas.Seguro que o que escribiu sobre a importancia da herba seca taqueou algo ás deces e así tivo a lucidez suficiente para chegar a tan firmes e importantes conclusións.

11 maio: o bion. Para traballiños os de antes. Conta Francisco Vences (Pazos, A Limia) o traballo que pasaban co bion na lagoa de Antela. Seica era un xunco moi alto e abondoso na lagoa. Primeiro os homes tiñan que mollarse para cortalo coa gadaña e logo sacalo en carros polos únicos accesos nos que non se enterraban. Unha vez seco servía de esterco para os eidos. Naquela lagoa na que cando cantaban as ras non se escoitaba outra cousa ata Portugal... cando se erguían os paxaros case tapaban o sol... o pior eran os mosquitos que non había que os sacase de enriba.

Este Francisco é un artista, adaptou este aparello para termar dos toros que mete na cociña:

10 maio: galaguech. Así é como din no Incio, seica, para animar o gando a que beba (nós dicimos agüíche). E así tamén é como titulan o último disco os de Xarín, os gaiteiros do Incio. Teremos que mercar este disco para llo poñer logo ás vacas a ver se beben con xeito. E con xeito fala coma sempre o Carrabouxo

9 maio: Andamos a mirar para o tempo, queremos empezar a ensilar pero o tempo non se afirma e as temperaturas son baixas; tempo firme abarata a ensila e simplifica o proceso de ensilado, ademais as temperaturas altas fan que a herba de ensilar medre dun día para outro. De todas as maneiras non perdemos o tempo, andamos a abonar a conciencia para sementar millo, inda non temos claro cal sementar este ano, depende da SAZÖN, ou sexa condicionados estamos por data/laboreo/abonado/estado do terreo...etc. Despois de analizarmos os datos veremos cal das sementes comerciais se adapta mellor ás nosas pretensións, e como é sabido por todos os que traballamos no campo dependemos da climatoloxía para criar e recolleitar o que sementamos , só nos queda rezar para que a campaña sexa boa

6 maio: hai un de nós que sabe preparar uns ricos cafés con leite (e vaso de auga)

4 maio: hoxe chegou de volta unha embaixada da nosa familia dirixida pola ma/tía Pilar. Saíron o xoves e pararon en Ponferrada para degustar unha selección de produtos do Bierzo cos que os agasallaron os nosos amigos Baudilio(s) e Dorinda.
Seguiron cara Torrejón de Ardoz para visitaren o noso socio honorario
José González que está un pouco delicadiño.
Os Parentes desexámoslle ao noso tío que mellore pronto e mandamos un saúdo para Carmen e Paco

29 abril: na 1ª o control de reprodución que está a facer a Luísa veterinaria, visítanos como mínimo unha vez ao mes e sempre ten traballo. Na 2ª os Podólogos que neste caso están a facer podoloxía preventiva

27 abril: Velaquí un xesta en flor (que non un pidorno) ou polo menos é o que din estas paseantas

O primeiro reto noso xa vai alá algún tempo foi facermos unha páxina web... o segundo (grazas a dona Charo) facer a tradución ao inglés... o terceiro termos un dominio, un nome propio na rede das redes... que é o que acabamos de conseguir... e para que ninguén se perda xa no Google aparecemos tamén co dominio...
Haberá que pensar agora en cal vai ser o cuarto... que hai que seguir para adiante... aínda que a nós o que verdadeiramente nos importa
é que nos paguen ben o leite... que é do que vivimos...

Vén hoxe na prensa que unha familia deste concello de Carballedo prepara unha homenaxe a un centenario e que xa van tres no ano... Será que aquí hai calidade de vida e unha dieta con cousas da casa... na nosa familia xa o tío Benigno chegou aos 105 anos alá polos 1975

25 abril: así andan as cousas...

24 abril: temos novo dominio e sitio web, por fin: osparentes.eu

22 abril: www.osparentes.eu
Velaquí o noso dominio que acabamos de contratar, algo así como Os Parentes de Europa. Cando estea operativo na nova ubicación da páxina xa os avisaremos...

Baixa o prezo do leite e hai protestas en Lugo.
No Progreso vén que un de Santamariña do Castro vende un castro por internet...
E falando de castros, hoxe desbrozamos un monte preto do castro de Morgade, monte no que se dicía que podería haber un tesouro (ver o Ciprianillo), nós non vimos nada, nin ouro, nin mouro, nin tesouro

21 abril:

Porque Os Parentes xa somos unha páxina de certa identidade:

471 arquivos (fotos, texto, datos...)

22 carpetas diferentes

25 mb de espazo

miles de ligazóns internas

e o que virá...

19 abril:Cando fixemos a foto só faltaba coser, a verdade é que impresiona máis o afeitado que o corte en si. Trátase de unha operación de cuajar, o veterinario chámase Armando e  a vaca evoluciona ben, é unha operación relativamente sinxela e que poden surxir un par delas o ano na nosa explotación.

17 abril: tal vez un dos mellores lugares do múndo para comer a carne ao caldeiro sexa Castro de Carballedo no día da feira. E as feiras en Castro son o 17 e o 29. Antes a xente aproveitaba o día da feira para asentar os fillos no libro de Rexistro. Será casualidade que durante anos os nenos do concello tendían a nacer nos días anteriores ao 17 e o 29???
Can con toxo

13 abril: xa poden ven en A sociedade a lista de vacas actualizada
A nosa parenta tamén sae moito nas revistas:

11 abril: esta choiva vén que nin pintada, estes días mentres chove andamos a ultimar detalles para empezar as obras de ampliación de instalacións, tamén nos ocupamos do mantemento e posta a punto da maquinaria para a ensila da herba, que se supón que falta un mes para pórse a ela.

9 abril: parabéns para os da Fonsagrada que foron os primeiros de todos niso da televisión dixital. Nós por aquí algo imos vendo... parece que nuns momentos mellor ca noutros... que todo depende do moito vento... a ver se melloramos de vez... que iso do aire e do vento... xa se sabe... Tamén antes se nos marchaba a electricidade continuamente, se viña un aire forte, se nevaba, se... e agora a cousa mellorou... e falando de ... velaquí o que aparece no último número da revista Retranca.

6 abril: pois pasa coma na foto, tampouco nós temos nada que contar que pasase hoxe

4 abril: un dos curmáns envíanos desde Bueu esta mostra de que alí xa chegou a primavera.

2 abril: andamos a abonar con nitramón 27% a herba que contamos ensilar a mediados de maio, a herba está en sazón e o tempo axuda. Este labor non dá moito traballo, faise rápido, pero si supón un gasto importante. Os abonos subiron moito.

1 de abril 2008. Comezamos unha nova tempa leiteira , 2008-2009. Que a sorte nos acompañe e as vacas dean moito leite e bo... e nolo paguen a xeito...

 

 

Contador
contador de visitas