Devanceiros

En Semblanzas de por aquí queremos render homenaxe á xente dos nosos lugares que significou algo no seu tempo.

Calquera pode mandar comentarios ao que lea ou novos personaxes

O SEÑOR XOSÉ DO ERMIDA DE VILAGUILLULFE

Eu acórdoo xa de moi vello. Mandábano coas vacas igual que a nós ( Os nenos e os vellos, gardar as vacas...) Coincidiamos moitas veces nuns prados que tiñamos xuntos: el no SÍO e e a miña irmá Tita e mais eu, no prado do CABO. Tendo eu oito u nove anos regalárame o meu tío Xavier un reloxo de pulseira de marca Certina, co que seica fachendeaba bastante. Como o señor Xosé non gastaba reloxo preguntábame a min a hora e, cando eu lla dicía, sempre me preguntaba de novo: oficiais ou solares?. Foi devoto de Greenwich ata que morreu. Fumaba unha picadura barata de tabaco á que lle chamaban "cuarterón", pero o señor Xosé, afeito aos duros tempos do racionamento da posguerra, mesturáballe á picadura folla de pataca, no tempo dela. Desfacíaa ben e leaba tabaco e pataca. No canto de mistos ou chisqueiro usaba un pedernal que fregaba cun ferro ao que el chamaba eslavón. As chispas que facía ían parar a unha mecha –cando a tiña- e, se non a había, a un atíño de estopa de liño, que acababa prendendo. Con el acendía o cigarro. Leváballe un cuarto de hora este labor en cada pito, pero así aforraba tabaco e pulmóns...Nunca aceptaba os cigarros "feitos", das marcas Celtas ou Jean, que daquela empezaban coñecerse, porque lle duraban moi pouco, xa que se consumían igualmente, aspirase ou non el o fume. Dicía o señor Xosé: Fuma máis ca min, coño. Tivera varios fillos, pero en Vilaguillulfe só vivían daquela dous: O Eladio e o Manolo.O Manolo estivera na batalla de Teruel con outro veciño de Vilaguillulfe: o Xosé do Zorro. Cando comezou o gran ataque republicano, eles, no canto de repregárense cos demais, agacháronse nunha casopa dos arrabaldes. Alí pasaron aquel terrible mes, contando coa complicidade dos da casa, que non os denunciaron. Nin aos dous valentes soldados nin aos moradores da casa lles importaba demais o desenvolvemento das operacións militares nin o seu resultado: chegáballes ben con seguiren vivos e defendérense do terrible frío que ía." Nunca frío tan negro pasei na miña vida"- contaba o Xosé do Zorro. Alí agachados tiveron a ocasión de veren de cerca aos "roxos" e de desmentir o que os seus xefes lles contaban sobre a catadura do "rojerío": Non viron que tivesen nin cornas nin rabo nin nada especial: éranche coma nós, cona! - dicía o Xosé. Durante aqueles días falaron varias veces da conveniencia de pasárense ao bando contrario, que tiña a cidade tomada, pero tanto un como o outro foron toda a vida cartesianos - quer dicir que practicaban a "dúbida metódica"- e non chegaron a conclusión ningunha. Esta indecisión salvounos porque ao final volveron os seus. A pouco máis quedan coma heroes. Cando o Manolo, xa licenciado, veu por fin á casa ao final da Guerra, en 1939, o seu pai, o señor Xosé do Ermida, cando o albiscou baixando pola Campaza, fíxolle un recibimento que foi moi comentado no lugar... Berroulle: xa vés aí, cabrón!

(información facilitada polo Curmán Maior)

O Tío Pancho

Francisco (“Tío Pancho”) González do Pacio. Tivo un tabernucho na casa do Arrieiro. Conta o padriño Manuel que, cando se proclamou a 2ª República, saíu ao pendello co brazo erguido e o dedo índice estirado dicindo : si me muero mañana, ya me muero tranquilo, se ha roto el eslabón de la Esclavitud. Como bo cubano sempre utilizaba o castelán.
Tamén conta que viña un día o Tío Pancho de cavar no monte do Muro (casa do Arrieiro, no límite entre a Zanca e a Purreira, que logo pasou ao Tío Bernardo). Ao lle preguntaren canto cavara, respondeu “como unos ochenta cabañones”, unha tremenda barbaridadade.
Casou con Andrea Blanco e morta esta, con Florinda Domínguez. Cando alguén lle dixo que fixera testamento, respondeu : déjalo, ya lo repartirán como perros. Non foi así, non houbo problemas nas partillas.
Segundo consta na documentación da Casa de Baixo, en 1932 Camilo, Pedro e Benito venden aos irmáns González do Pacio (os devanceiros arrieiros)en 1.250 pts. os dereitos que lles correspondían pola súa tía política Andrea Blanco. Noutro documento Ángel Glez. Pacio pagará aos tres 312 pts. polo dote de Andrea Blanco.
Nun 3º do mesmo ano, os irmáns Glez. Pacio dan a Florinda Domínguez 1.534 ptas. polos gastos dos funerais e o que corresponda de usufruto (figura unha nota cos gastos de enterro) ; o resto dos dereitos da herencia queda para os irmáns. Dicía a MamaCarmen que se portou moi ben xa que lle tasaron a vida en dez anos e déronlle un tanto cada ano a cambio de que non levase nada da casa.
Tamén figuran as partillas desta herencia do tío Pancho. Valórase en 1.713 pts. e correspóndenlle a cada irmán 428 pts.: Ángel, José, Hermitas, Pilar.
Esta Pilar casou con Andrés Fernández da casa do Neiro e morreu deixando fillos pequenos. Andrés marchou a Cuba e repartiu os fillos cos cuñados arrieiros. Os que quedaron con Beningno Ángel tamén viñeron para a casa de Baixo cando este foi para América. O tío Andrés do Neiro foi un dos emigrantes exemplares no lugar de Trasar: foi a Cuba e cos aforros fixo unha casa cando volveu.

José (“tío Cubiche”) González do Pacio. O nome de Cubiche debe de vir de que casou na casa do Cubiche de San Pedro. Debeu estar en Cuba porque temos un papel de 1906 polo que lle deixa os bens mentres estea fóra por marchar a Cuba ao irmán B. Ángel (noso bisavó)..
Era un home moi pándego e,  como todos os arrieiros, pouco amigo do traballo “nugallaos comás cobras”. Tamén as contaba moi grandes: que unha vez a filla “segó y ató 15 carros de pan en 3 días, y carros de los que carga Cubiche y yo sólo le carreaba la hoz” porque unha volta segaba e a outra ataba e el lle levaba o fouciño. Esta I. era a súa filla e dicía moito este refrán: “cando cantan os capós á mediodía, niebla pró outro día”.
A I. casou en Vilardamos co L.e foi el para San Pedro. O L. tiña unha ovella cun año e un día que foi rozar deulle unha cotenada co fouciño e logo meteu o año debaixo da gavela. Na casa dixo que llo levara o lobo e botou todo un día a buscalo. O conto foi que comeron o año nunha cantina de Viana. Cando deu a luz a I. tiña un bo prato de torradas como era costume. As torradas desapareceron e a I. botáballe as culpas ao gato. Pero o Tío Cubiche debía saber que quen as comera fora o marido pois díxolle á filla “no obligues al gato, I.m las torradas las comió el L.
Cando veu de Cuba púxose a facer obras na casa e aos canteiros estrañáballes que lles dera carne fresca decote (entón a carne de becerro escaseaba e era moi cara). Tiña unha besta cun cabaloxo que lle morreu. Aos poucos días contaba un de Vilardamos que viron o cabaloxo colgado, de alí viña a carne. Aquí non había costume de comer carne de cabalo e menos dun morto de morte natural.
Foi pedáneo de S. Pedro de Viana na posguerra do racionamento, chegaba de fóra e falando castelán. Unha vez chegou o fin do ano e aínda non se entregara nada da colleita da parroquia do centeo. Chamárono a el a Chantada e seica lles dixo que “como vamos a entregar la cosecha si aun no hicimos la siega”, seica o levara a xiada. Antes de chegar de volta a Viana xa tiña nomeado o substituto no cargo. O recaudador de Chantada debía ser aquel que un diá lle dixo a un veciño noso que os impostos debían aínda subir máis porque "cando se viu a un labarador con gabardina por Chantada adiante" (como se non tiveran dereito). Dicía o veciño: ese home non debía morrer nunca, había que matalo a paus.

Velaquí este noso antepasado da casa do Arrieiro de Trasar de Carballo que debía ser un bo pándego segundo nos conta o noso pai/tío Manuel González

O SEÑOR JESÚS DO GUERRA DE VILAGUILLULFE (en Vilaguellulfe tamén din Jesús de Guerra)

Aínda que xa morrera había tempo, falábase moito del cando nós eramos nenos.
 Debera nacer nos anos cincuenta do Século XIX. Non casou nin tivo descendencia directa. Era home enteiro e destemido, segundo recoñecían todos os que o coñeceron, compartisen ou non a súa ideoloxía; porque a ideoloxía deste home non era daquela a maioritaria en Vilaguillulfe.
O señor Jesús, como tanta xente, embarcara para Cuba. Cando volveu, para escándalo e abraio de todo o lugar, fixérase republicano, ateo e moi anticlerical. Dicía, coma Curros, co que quizais coincidise na Habana, que a Igrexa era a maior responsable do atraso e da  miseria dos labregos. Nunca soportou os abusos de ninguén, nin contra si nin contra veciño ningún. Falaba sempre en castelán: era  cubano.
Contábanse del moitas anécdotas. A seguir van unhas.


O cura da parroquia aproveitaba os sermóns dominicais- lembremos outra vez a Curros en “Disque por boca do Espírito Santo....”-  para falar mal dos escasísimos descridos da parroquia, que non ían á Misa. Ao señor Jesús alcumábao de Demonio. Un día o Señor Jesús foi á Misa e, na sancristía, ofreceulle ao cura CINCO PESOS daqueles tempos para que tivese uns “autos”  polos defuntos da casa. O cura aceptoullos. Á saída da Misa, o señor Jesús esperou no adro, onde os veciños participaban na habitual conversa dominical, a que saíse o cura. Tan pronto saíu dirixiuse o señor Jesús a toda a veciñanza alí reunida e dixo: Ahí lo tenéis, ignorantes, ya sabéis que soy el Demonio; pues ahora acaba de aceptar cinco duros del Demonio!

Contaban os vellos que o señor Jesús fora un dos escasísimos homes – tamén o señor José do Ermida- que se lle arrepuxera ao José María Randolfe, un dos últimos fidalgos da bisbarra , o mesmo do que escribe o cura Alvilares no seu libro  Memorial de agravios.
 Parece que era este José María home fanfurriñeiro e provocador, sobre todo cando estaba tomado, que era case sempre.  Unha noite, estando bébedo na cociña da  taberna do Constante de Esmoriz, púxose, como decote facía, a aldraxar a cantos homes estaban presentes, entre eles ao señor Jesús. Este, que xa lle coñecía as mañas, ía aquel día preparado: saíu da taberna, colleu  un revólver que deixara agachado  e disparou dous tiros ao aire. Todo o mundo foi mirar ás ventás da cociña ao se oíren os disparos. Escoitaron como o señor Jesús dicía: coño, se me ha disparado, pero aún me quedan dos balas para José María. Cando empezou a subir as escaleiras, o José María aproveitou para chimparse   por unha fiestra e fuxiu. Non volveu en moito tempo e nunca máis se lle ocorreu meterse con ninguén se estaba presente o Guerra.

O señor Jesús organizou e dirixiu a traída de auga corrente para Vilaguillulfe en 1909, moitos anos antes que a tivese a vila de Chantada. Ao principio só a puxeron tres veciños: os Guerras, os Carballos e noso avó, o papá Ánxel do Pelcho ou da Curbeiresa, como lle chamaban os vellos. Algúns veciños non a quixeron daquela porque non confiaban en que a auga puidese subir ata a cociña....., estando, como estaba máis alta que o curral!  Onde se viu que a auga suba!? Na Casa do Penete, a da nosa avoa Segunda,  non a quixeron porque o organizador da traída era ATEO !! Cando viron que funcionaba foron indo todos, rabo entre pernas, a lla pedir.

Segundo me contou o seu sobriño Delmiro, o señor Jesús ía mercar a Ourense ferramentas que coñecía de Cuba, das que ninguén oíra  falar en toda aquela zona, mesmo os ferreteiros da Barrela e de Chantada: chaves inglesas, tarraxas para os tubos da auga, cortadores de vidro para poñer os cristais das ventás, desaparafusadores..., que sempre prestaba aos veciños e, cando non os sabían utilizar, el mesmo facía o traballo....

Como supoño que ninguén o recordou nunca por escrito, que vaia esta pequena homenaxe a unha das persoas que máis se significou na defensa da dignidade e do progreso das xentes do lugar de Vilaguellulfe en todo o século XX. E que mellor lugar para dála a coñecer que a primeira web feita por xentes de onda nós...

(semblanza de Benigno González González, Curmán Maior dos Parentes), outubro, 2007

ADDENDA 1 (Benigno González)
 
O actual Jesús do Guerra, noso amigo e veciño, cando leu esta semblanza,  recordoulle á Tita a última – case a derradeira- do seu bistío, o Señor Jesús:
Uns días antes de morrer puxérase moi maliño e, como a fin era obvia para todos, decidiron irlle buscar o cura. Non se quixo confesar. O cura ameazou con que, se non se confesaba , non o deixaba enterrar en sagrado. Aínda que ao señor Jesús lle era o mesmo, non pensaba así a familia, sobre todo a súa cuñada, a señora Narcisa, que era muller moi relixiosa. Esta faloullo á nosa avoa Segunda e, entre as dúas fóronlle pedir axuda a Don Benigno. Como tamén estivera en Cuba, ao tío Benigno non se lle facía tan raro o comportamento do señor Jesús. Foi á casa e quedou só con el no cuarto. Seica botou alí moi pouco tempo. Cando saíu dixo que o Guerra se confesara. Ninguén preguntou máis nada.... e o Guerra  foi enterrado en sagrado, como tiña que ser.

ADDENDA 2 (Mamá/tía Pilar)

Conta Pilar Guerra que lle contaba a Mamacarmen: Houbo un tempo que nas Veigas á noitiña toda a xente se recollía nas casas porque se escoitaba un bruar moi forte como de boi ou bicho. Ninguén sabía o que era e todos collían medo. Pero como o señor Jesús tiña xa unha arma traída de Cuba foi seguindo o bruar e chegou a un dos carballos do Señor. Viu a un pándego subido a el, apuntou e díxolle: ou baixas ou te baixo. E acabouse o problema. Seica o individuo tiña unha ola e dentro un anaco de tripa ben tensado e pegado con cera. Con este artiluxio facía o ruído que tanto medo metía. Mesmo unha vez empadescanse o Carteiro reconstruíu o artiluxio da ola para demostrarlles aos contertulios como funcionaba.