Semblanzas

carballedo

OS NOMES DOS LUGARES DO NOSO CONCELLO: CARBALLEDO -LUGO-

  En cada nome de lugar -topónimo- analízanse a orixe e significado, o seu uso como topónimo e como apelido en Galicia, a parroquia á que pertence e nalgúns casos outras curiosidades.
Toda a información da situación xeográfica, curvas de nivel, etc ... está nesta páxina da Xunta de Galicia poñendo o nome no buscador

A Barreira. Lugar con moito barro ou lama. Barro é palabra anterior aos romanos. Este é un nome que se repite bastante por Galicia.  É un lugar da parroquia de Buciños.

A Barrela. Provén de barra -palabra anterior ao latín- + ela (pequena). Que pode ser esa barra? Pode ser casa baixa e de pouca altura, depósito de leña ou palla no pallar, cama de táboas … Nicandro Ares non se decide por ningunha. Só hai 4 Barrelas e 48 persoas levan o apelido Barrela en Galicia. Actualmente é a capital do concello de Carballedo. A Barrela foi o berce de Maruxa Villanueva (ilustre de Carballedo). É un lugar da parroquia de Lousada.

A Canteira. Relativo a onde se traballan ou arrincan os cantos ou pedras para construír. Só atopamos 6 lugares con este nome en Galicia. É un lugar da parroquia de Castro.

A Carballeira. Terra onde hai carballos. Nome de lugar abundantísimo en Galicia, terra de moitos carballos. Lugar da parroquia da Cova.

A Casa do Barrio: lat. tardío Barrium, do árabe barri (exterior). O pazo do que era o Señor de Cartelos, unha das casas fidalgas máis importantes da zona. Cerca está o famoso carballo de Cartelos, moi grande e antigo. Ben podía ser o símbolo de Carballedo. Está na parroquia de Cartelos.

A Casa Grande (de Loureiro). Unha boa casa, como o seu nome indica. O carballo da Casa Grande de Loureiro é unha das árbores senlleiras de Galicia. Lugar da parroquia de Buciños.

A Cela. Do latín cella, vén sendo unha sala pequena nunha igrexa, cemiterio, etc. Aínda hai unhas cantas Celas por Galicia adiante e 943 persoas teñen este apelido Cela. Lugar da parroquia de Chouzán.

A Corna. Ten que ver con unha cerdeira brava ou sanguiño, lat. cornus. Mais tamén pode ser derivada da precéltica *corn -pedra-. Máis de 10 lugares galegos levan este nome.  Lugar da parroquia de Buciños.

A Corveira. É un sitio frecuentado por corvos (lat. corvus, corvaria). Mais dunha ducia de sitios galegos teñen este nome. Lugar da parroquia da Aguada. A Corveira de Abaixo:  Lugar da parroquia de Buciños.

A Costa. Do lat. costa, pendente, ladeira. Loxicamente son moitísimos os lugares que se chaman así na nosa terra. Lugar da parroquia de Oleiros.

A Cova. Lat. vulgar cova: oca, cóncava. A esta parroquia tamén se lle chama Seoane. Son abondosos os lugares que teñen este nome. A igrexa é moi interesante. Lugar que dá nome á parroquia da Cova.

A Cuqueira. Lugar onde hai cucos, lat. cuculus. Nome pouco común, só o teñen 7 lugares galegos e ninguén se apelida así en Galicia. Lugar da parroquia de Temes.

A Enfonxa. Pode ter que ver co nome de persoa Anfonsus ou Alfonsus. Nome que non leva ningún outro lugar en Galicia e tampouco é apelido usado por ninguén. Lugar da parroquia de Temes.

A Eirexe. O lugar onde está a igrexa, lat. ecclesiae. Como en Galicia hai moreas de parroquias e todas teñen igrexas, este nome repítese por toda a xeografía.  Lugar das parroquias de Castro e da Aguada.

A Eirexiña. Igrexiña, é un diminutivo. Lugar da parroquia de Buciños.

A Ermida. Do latín eremita, sitio ermo, sen traballar. Nome de lugar que se reparte por toda a Galicia. Lugares das parroquias de Milleirós e Veascós

A Estibada. Bouza sementada (lat. stipata). A estibada é a operación de cavar un monte xuntando os restrollos e facendo borralleiras para queimar. Hai 9 sitios con este nome en Galicia, é famosa As Estibadas na estrada que vai cara Madrid antes de Verín. Ninguén se apelida Estibada. Hai quen escribe Estivada, mais o oficial é con b.  Lugar da parroquia de Pradeda.

A Forxa. Lugar onde había unha forxa ou fragua, francés forge. 11 lugares galegos levan este nome. Lugar da parroquia de Vilaquinte.

A Granxa. Lat. granica e francés grange. Era unha propiedade do mosteiro de Oseira. Todos os mosteiros galegos tiñan as súas granxas ou grañas para subministrarse de produtos agro-gandeiros. Pola xeografía galega abundan as Granxas.  Lugar da parroquia de Oleiros.

A Grixoá. Significa igrexa pequeniña, lat. ecclesiola, e mesmo se podería escribir Agrixoá. Só hai en Galicia 1 Grixoá e 3 Grixoa, é pois un nome ben raro. Lugar da parroquia de Chouzán.

A Lama de Fente. A Lama de Faventius, nome de persoa (Fente explicado despois). Só existe este en toda Galicia. Lugar da parroquia de Santa Mariña.

A Lama. Palabra moi antiga, co significado de barro, lodo. Topónimo común en toda Galicia.  Lugar da parroquia de Oleiros.

A Lamela. Pequena Lama. Nome de lugar moi común en toda Galicia. Lugar da parroquia de Veascós.

A Laxa. Latín hispano lagena (tomada dos celtas): pedra plana e delgada. Topónimo común en Galicia.  Lugares das parroquias de Cartelos e Temes.

A Laxiña. Diminutivo de Laxa. Só hai 3 lugares con este nome en Galicia e dous están neste concello de Carballedo. Lugares das parroquias de Vilaquinte e Oleiros.

A Lobagueira. Gorida ou cova de lobos. Nome moi escaso, só existe esta Lobagueira e hai unha Lobagueiras, unhas 53 persoas galegas levan este apelido. Polo Irixo hai un río Lobagueira e en Lisboa un distrito é Lobagueira de Baixo. Lugar da parroquia de Santa Baia.

A Matanza. Pode aludir a algún feito de mortes (matar) ou a altura ou outeiro redondeados. Tres lugares galegos levan este nome, ningún máis. Lugar da parroquia de  Furco.

A Pena. Palabra latina, pinna/penna: peneda, pedra. Topónimo moi común en toda Galicia. Lugar das parroquias de Oleiros e Chouzán.

A Placería. Pode relacionarse con praza ou con parcería. Outro topónimo que non se repite en Galicia nin é usado como apelido. Lugar da parroquia de Veascós.

A Pontepedriña. Ponte de pedra, ponte petrina en latín. Só temos outra Ponte Pedriña en Santiago. Lugar da parroquia de Carballedo.

A Poxa. Segundo Nicandro Ares vén do lat. podia, co significado de outeiro. Hai outra Poxa en Ribadumia, nada máis. Lugar da parroquia de Chouzán.

A Raña. Sitio raído ou arrasado pola auga. Hai máis Raña e Rañas en Galicia. Lugar da parroquia de Veascós.

A Ribeiriña. Diminutivo de ribeira, lat. riparia. Das 6 Ribeiriña galegas, 2 están en Carballedo. Lugar das parroquias de Oleiros e da Cova

A Tapada. Dun antigo tappa, chousa ou terreo cercado. En Castro Caldelas e en Pantón tamén existe A Tapada. Lugar da parroquia de Castro.

A Tolda. De orixe descoñecida, igual pode aludir a unha especie de emparrado. Hai máis de 10 Tolda en toda Galicia. Lugar da parroquia da Aguada.

A Torre. Do lat. turris, co significado común da palabra. É moi común en Galicia. Lugar das parroquias de Buciños e Vilaquinte.

A Touza. Significa: terra sen cultivar e chea toxos, silvas, etc. Pode ser de orixe mozárabe. Hai máis de 20 lugares con este nome e unhas 484 persoas levan este apelido. A Touza tamén é unha gandeiría Limusin. Lugares das parroquias de Oleiros e Vilaquinte.

A Uz. Nome de planta abundante nos nosos montes. Vén do latín ulex, -icis. Só hai outro sitio galego co nome: A Fonte da Uz; 150 persoas teñen Uz de apelido. Lugar da parroquia de Oleiros

A Veiga. Vaika, palabra anterior aos romanos: terra baixa, húmida e fértil. Nome de lugar moi común en toda Galicia. Lugar da parroquia de  San Mamede.

A Vila. Lat. villa:  casa de campo. Topónimo moi común en toda Galicia. Tamén é apelido para 14657 persoas; e Villa para 810. Está nas parroquias da Cova e Carballedo.

A Voutureira. Lugar onde hai voitres (lat. vultures). Hai outra Voutureira no concello do Pino e 281 apelidos Boutureira en Galicia. En San Cibrao das Viñas a Voutureira é unha área natural. Lugar da parroquia de Chouzán.

Abelairas. Lugar no que hai estas froiteiras que producen abelás. Lat. abellanarias. 7 sitios levan este nome e hai máis de 600 persoas apelidadas Abelaira/s. Lugar da parroquia de  Furco.

Acilleiros. Equivalente a espiñeiros (lat. acicula). Outro dos nomes que só hai no concello noso e ninguén o ten como apelido. Lugar da parroquia de Veascós.

Adegas. Lat. medieval abdega: despensa, almacén, adega. Uns dez lugares levan este nome e máis de 150 persoas teñen apelidos Adega/s. Lugar da parroquia de  Furco.

Agrexán. Agro de Xián ou de Xoán. Ningún outro lugar galego ten este nome nin é usado como apelido. Lugar da parroquia da Aguada.

Aguada. Auga levada, traída ou abundante (aqualata). Tampouco existe outra Aguada en Galicia nin se usa como apelido. Lugar que dá nome á parroquia da Aguada.

Airoá. Será unha aerolana, unha aira (eira) pequena. Hai 6 Airoá en Galicia; non se usa como apelido. Lugar da parroquia de Erbedeiro.

Alén do Río. Máis alá do río. Aínda que non o pareza, é nome único en Galicia. Lugar da parroquia de Buciños.

Alence. É difícil saber a orixe. Pode vir do nome de persoa Alentius ou Legentius, non está moi claro. 4 sitios galegos levan este nome que non ten uso como apelido. Lugar da parroquia de Carballedo.

Alvarín. Terras ou casa de Alvarus, nome de persoa. 7 lugares se chaman así en Galicia, non se usa como apelido. Lugar da parroquia de Veascós.

Alvite. Terras ou casa de Alvitus, nome de persoa visigótico. Máis de 20 lugares teñen este chamadeiro e 1626 galegos lévano como apelido. Lugar da parroquia de Temes.

Ambasmestas. Vén de  aquas mixtas, augas que se mesturan (Sil, Miño, Búbal). Fernando Cabeza: ambas é nome celta e singifica correntes de auga. Nome que só leva este lugar en toda Galicia, non se usa como apelido. Na A6 en Veiga de Valcarce está o túnel de Ambasmestas. Lugar da parroquia de Oleiros.

Anllo. Confluencia de dous ríos, do lat. angulus. Aquí xúntase un afluénte ao río Asma. Hai 6 en toda Galicia e 488 persoas apelídanse Anllo. Lugar da parroquia de Santa Cristina.

Arxemil. Terras de Argemirus. Hai 6 en toda Galicia e non ten uso como apelido. Lugar da parroquia da Cova.

As Antes. Variante do que noutros sitios é As Antas -pedras grandes chantadas na terra, dólmens-. Palabra que só se aplica a 2 sitios galegos. Lugar da parroquia de Temes.

As Gándaras. Palabra anterior aos romanos, aplicada a unha terra areosa e sen cultivar. 9 sitios galegos se chaman así. Lugar da parroquia de Oleiros.

As Lamas. En plural, palabra moi antiga, co mesmo significado ca hoxe. Palabra moi común en toda Galicia. Lugar da parroquia de Carballedo.

Bacelares. Terreo de bacelos de vides, de vides novas ou para replantar. En Chantada e Monforte hai 2 lugares con este nome e 178 persoas teñen Bacelar de apelido. Lugar da parroquia de Oleiros.

Besteiriños. Diminutivo de besteiros (lat. balistarius), homes armados con bestas (ballesteros en castelán). Hai un Besteiriños e 4 Besteiros en Galicia; hai 1069 Besteiros de apelido no país. Lugar da parroquia de San Salvador

Bidueiros. Árbores do mesmo nome ( lat. betula). Hai uns cantos Bidueiros en Galicia, mais ninguén se apelida así. Lugar da parroquia da Aguada.

Búbal. Nome do río afluente do Miño. Do lat. Bubalus. Ninguén se apelida Búbal. Non é un lugar, forma parte do nome de vairas parroquias de Carballedo.

Buciños. Dun nome de persoa Buccinius. Berce do grande escultor Manuel García "Buciños" (ilustre de Carballedo). Ningún outro lugar ten este nome nin hai xente que se apelide así. Aquí venérase o San Pegerto. Lugar que dá nome á parroquia de Buciños

Busteliño. Diminutivo de Bustelo. Só hai 2 Busteliño en Galicia. Lugar da parroquia de Veascós.

Bustelo: Alto de Bustelo, Bustelo de Abaixo, Bustelo de Arriba. Diminutivo de bustum (latín tardío, vén dos celtas): terreo de pastos para o gando (bois). Hai uns cantos Bustelo en toda Galicia e 1011 persoas con este apelido. Lugares da parroquia de Carballedo.

Buxelle. Diminutivo dun antigo nome de persoa Buxus ou Busius. Ningún outro lugar galego se chama así nin existe como apelido. Lugar da parroquia de  Marzás.

Cambillán. Relacionado co nome de persoa Cambilla. Tampouco hai outro sitio que se chame así nin existe o apelido. Lugar da parroquia de Veascós.

Campos. Lat. campus, terras. topónimo moi común en toda Galicia. Lugar da parroquia de San Romao de Campos.

Carballedo. Terra de moitos carballos, nome anterior ao latín. Máis de 20 lugares teñen este nome. Lugar que dá nome á parroquia de Carballedo. Tamén é o nome do concello e hai uns bos carballos.

Carballidiño. Diminutivo de Carballido, o mesmo ca Carballedo, onde abundan os carballos. Só este sitio se chama así en Galicia. Lugar da parroquia de Veascós.

Carcacía.  Non está moi claro de onde vén a palabra. Pode ser unha Casa de Casía ou unha carqueixa (planta). Hai tamén un San Pedro de Carcacía en Padrón e 81 persoas levan o apelido Carcacía. Lugar da parroquia de Oleiros.

Cartelos. Do nome de persoa Quartellus -latín vulgar-, diminutivo de Quartus. Di o Padre Sarmiento: no priorado de Moraime, bieito, onde estiven, hai un lugariño chamado Cartél, e preto de Chantada outro chamado (84 r.) Cartélos. Crible é sexan síncope de Caritelos ou Caracteres, aludindo a letras ou carácteres. Hai outro Cartelos en Cudeiro e non se coñece xente apelidada así. Dálle o nome á parroquia de Cartelos (no lugar só hai igrexa e reitoral, con cruceiro)
Cas de Moure. Casa de Maurus, nome latino. Nome único en Galicia. Lugar da parroquia de Oleiros.

Cas de Pedro. Casa de Pedro. Terra dun coñecido atador ou compoñedor de ósos. Nome único en Galicia. Lugar da parroquia de Santa Cristina.

Casares. Do latín casales: grupo de casas. Uns 30 lugares levan o nome en Galicia. Lugar da parroquia de Carballedo.

Casqueixeiro. Casa do queixeiro (o que fai queixos, lat. caseus). Só existe este en toda Galicia e tampouco se apelida ninguén Casqueixeiro. Lugar da parroquia de Vilaquinte.

Castrelo. Pequeno castro (latín castrum: fortaleza). Hai uns cantos Castrelos en Galicia. Lugar da parroquia de Castro.

Castro. Castro, do latín castrum: fortaleza. Un dos nomes que máis se repite en Galicia, terra dos "verdes castros". Apelido da grande Rosalía e de moita xente galega. En Castro hai feira os 17 e 29 e tamén se celebra a Festa da carne ao caldeiro. Foi capital do concello de Carballedo. É o berce de Pablo Carpintero Arias (ilustre de Carballedo). Lugar que dá nome á parroquia de Castro.

Ceides. Pode estar emparentado do nome musulmán Ceide ou Zaide. Só existe este en toda Galicia; hai algún Ceide, que levan 23 persoas de apelido. Lugar da parroquia de Carballedo

Chouzán. Desde moi antigo se fala dun mosteiro de frades Flauzani (dun nome Flaudianus). Só existe este en toda Galicia e ninguén o usa como apelido. Ten unha igrexa de moito mérito. Lugar que dá nome á parroquia de Chouzán.

Cima de Vila. Parte alta da villa (casa de campo). Hai bastantes con este nome en Galicia. Lugar das parroquias da Cova e San Salvador.

Cotarelo. Pequeno coto (cotto), outeiriño. Hai 7 lugares co nome en Galicia e 140 individuos apelidados así. Lugar da parroquia de Santa Mariña.

Enxerto. Plantación de árbores, árbores enxertadas, lat. insertus. 4 lugares teñen este nome en toda Galicia; non existe como apelido. Lugar da parroquia da Aguada.

Erbedeiro. Lugar onde abundan os érbedos ou albedros que dan amorodos. Só hai outro Erbedeiro en Salvaterra de Miño e non existe como apelido. Erbedeiro é o berce de Xosé Lois Ripalda (ilustre de Carballedo). Lugar que dá nome á parroquia de  Erbedeiro.

Esmolfe. Terras ou casa de Ermulfus, nome de persoa visigótico. Só existe este en toda Galicia e non se usa como apelido. Hai unha parroquia portuguesa chamada Esmolfe. Lugar da parroquia de Santa Cristina.

Faíl. Relacionado co nome de persoa gótico Fagildus. Só existe este en toda Galicia, pero hai algún Faílde; non existe como apelido. Lugar da parroquia de  San Mamede.

Fente. Terras ou casa de Faventius, nome de persoa. Hai un Fente en Arteixo e outro en Monterroso e 421 apelidados así. Lugar da parroquia de Santa Cristina.

Fondo de Vila. Parte baixa, fonda da villa (casa de campo). Hai uns cantos topónimos con este nome en Galicia. Lugar da parroquia da Cova.

Frameán. Emparentado co nome visigótico Framila. Hai 4 Frameán en toda Galicia e ninguén se apelida Frameán. Lugar da parroquia de Carballedo.

Freán. Relacionado co nome de persoa Froia(ne). Hai máis de 15 lugares con este nome e 92 persoas levan o apelido. Lugar da parroquia de Santa Mariña.

Fufín. Do nome de persoa Fufinus ou Fofinius. Hai un en Vedra e outro en Monterroso; non existe como apelido. Lugar da parroquia da Aguada.

Furco. Nicandro Ares apunta a que o nome pode aludir a unha bifuración de camiños ou a un buraco na terra. Fernando Cabeza apunta a algo en forma de Y. Semella que debaixo de Furco se xuntan dous regatos no río Asma. Foi granxa do mosteiro de Oseira . Hai varios Furcos e Confurcos; non existe como apelido. Lugar que dá nome á parroquia de  Furco.

Galegos. Sobrenome étnico, aínda que pareza sobrar un galegos en Galicia. Máis de 15 lugares levan este nome en Galicia, terra de galegos; moitos apelidos están castelanizados: gallego. Lugar da parroquia de San Mamede.

Gustei. Terras ou casa de Gudesteus, nome de persoa. Só hai outro Gustei en Coles; non existe como apelido. Lugar da parroquia de Santa Baia.

Lixibán. Difícil saber a orixe do nome, tal vez dun antigo (villa) Ligi-Iohannis. Só existe este en toda Galicia e ninguén o usa como apelido. Lugar da parroquia de Santa Baia.

Lobelle de Abaixo e Lobelle de Arriba.  Terras dun tal Lupellus (diminutivo latino igual a Lupuluslobo-). Unha variante bastante usada na fala común é Nobelle. Só existe este Lobelle en Galicia; 140 persoas teñen este apelido, entre eles José Antonio Lobelle, orixinario deste concello e industrial en Santiago, ademais de presidente un tempo do equipo de fútbol sala Autos Lobelle. A Casa do Gil de Lobelle de Arriba (Marta e Xosé) é un dos socios da SCG Os Parentes. Lugares que dan o nome á parroquia de Lobelle. A igrexa está en Lobelle de Abaixo.

Loureiro de Baixo e Loureiro de Riba. Ten que ver co nome da árbore. Loureiro foi parroquia suprimida e agregada a Buciños no 1890. Topónimo moi común en toda Galicia. Lugares da parroquia de Buciños.

Lousada de Abaixo e Lousada de Arriba. Vén de Lausata, que quere dicir casas con teitos de lousa. Xa no ano 842 se fala dunha igrexa en Lausata. Hai unhas cantas Lousadas pola Terra.  A capital do concello de Carballedo, A Barrela, pertence a Lousada, onde está a igrexa románica. Lugares que dan nome á parroquia de Lousada

Lulaíños. É un diminutivo en plural de Lulás (outro lugar de San Mamede). Só existe este en toda Galicia e non se usa como apelido. Lugar da parroquia de Lousada

Lulás. Terras abundantes en lolium (xoio, cizaña) ou relacionado co nome antigo Lullus. Só existe este en toda Galicia e non se usa como apelido. Lugar da parroquia de  San Mamede.

Marrubio: nome de planta e dunha cidade en latín (marroio), marrubius. Con este nome só hai unha parroquia en Montederramo; ninguén se apelida así. Lugar da parroquia da Aguada.

Marzás. Relacionado co nome de persoa Martialis. Só hai outro Marzás en Baños de Molgas; non é apelido. Lugar que lle dá nome á parroquia de  Marzás.

Mazaira. Árbore que dá as mazás, maceira (matianaria). Hai unhas poucas Mazairas e unhas cantas Maceiras na nosa terra.  Lugar da parroquia de Santa Baia.

Meixonfrío. Mesón (lat. mansio) frío. Hai 8 lugares co nome Meixonfrío en Galicia; non ten uso como apelido.  Lugar da parroquia de Vilaquinte.

Milleirós. Aparece nos papeis antigos como Miliarios, Miliariolos … É un diminutivo de miliarium, lugar onde hai millo miúdo (non o millo de hoxe que veu despois de América). 6 sitios teñen este nome; non é apelido de ningún galego. Nesta parroquia está a Peneda Cabezuda, da que moito falamos no noso blog. A igrexa ten algo de románico. Lugar que dá nome á parroquia de Milleirós.

Montouto. Lat. mons altus, monte alto. Hai uns 20 lugares en Galicia. Lugar da parroquia de  San Romao.

Morgade. Relativo ao nome de persoa Maurecatus. Hai máis dunha ducia de Morgades. Lugar da parroquia de Carballedo.

Mundín. Terras ou casa de Mundinus, nome de persoa. Preto de 20 sitios levan este nome e 35 persoas apelídanse así. Lugar da parroquia de Santa Baia.

Nande. Terra de Nandus (nome visigótico de persoa). Hai uns poucos sitios galegos con este nome e 158 individuos apelidados así. Lugar da parroquia de Castro.

Nespereira. A froiteira que dá os nésperos, lat. vul. Mespirum. 7 en toda Galicia e 342 apelidados así. Lugar da parroquia de Vilaquinte.

Nodar. Do nome de persoa Notarius. Hai 4 en toda Galicia e 590 individuos apelidados así. Lugar da parroquia da Aguada.

O Alto das Lamas.  Sitio alto e con lamas. Só existe este en toda Galicia. Lugar da parroquia da Aguada.

O Bañal. Latín balneare, relacionado con baños ou charcos. Está ao lado do regato de Fondós, pode ser ese o significado. Hai 5 en toda Galicia. Lugar da parroquia de Castro.

O Barrio. Lat. tardío Barrium, do árabe barri (exterior). Palabra moi común en toda Galicia. Lugar da parroquia de Buciños.

O Barrio de Puga. Barrio: lat. tardío Barrium, do árabe barri (exterior). Puga é apelido por Ourense e pode significar vástago de enxerto. Nome que só existe neste lugar. O carballo do Mestre, outros dos senlleiros de Carballedo está ao pé da estrada Lugo-Ourense. Lugar da parroquia de Pradeda.

O Bosque. Pequena fraga, terreo con árbores. Orixe escura do nome. Hai unha ducia en toda Galicia. Lugar da parroquia de Castro.

O Castro de Morgade. Era un castrum (fortaleza) dun tal Maurecatus. Só existe este en toda Galicia. Lugar da parroquia de Carballedo.

O Catasol. Lat. capta solem, terra onde se cata o sol ou orientada cara ao sol. Só hai 4 en toda Galicia e non ten uso como apelido. Lugar da parroquia da Cova.

O Coedo. Onde hai moitas coles ou coias (posible cauletum). Fernando Cabeza apunta a un Coído ou sitio con moitos croios. Hai unha ducia en toda Galicia. Lugar da parroquia de Buciños.

O Conchouso. Un chouso ou cerrada compartido, pechado. Vén do latín. Hai 4 en toda Galicia. Lugar da parroquia de  San Romao.

O Curuxeiro. Lugar onde abundan as curuxas (nome de orixe incerto). Só hai outro Coruxeiro en Vilaboa. Lugar da parroquia de Carballedo.

O Folgar. Variante de felgar, sitio onde abundan os fentos. Hai 7 en toda Galicia. Lugar da parroquia de Veascós.

O Fontao. Lat. fontanus, que ten que ver con fonte. Hai bastantes en Galicia. Lugar da parroquia de Oleiros.

O Ladredo. Sitio onde abundan as ladras (follas de verza máis pegadas á terra) ou ladernos. Só hai 2 en toda Galicia. Lugar da parroquia de Vilaquinte

O Mallo. Lat. malleus, mazo ou batán para esmagar o ferro, teas, etc. Só hai uns poucos en toda Galicia. Lugar da parroquia da Cova.

O Mato. Ten que ver co nome de persoa Mattus. Topónimo común en toda Galicia. Lugar da parroquia de  Marzás.

O Outeiro. Stio alto (altarium). Palabra moi común en toda Galicia. Lugares das parroquias de Buciños, da Cova, Carballedo, Veascós e Vilaquinte. O topónimo máis repetido no concello.

O Pereiro. Froiteira que dá as peras, lat. pirum. Topónimo moi común en toda Galicia. Lugar da parroquia de Santa Mariña.

O Piñeiro. A árbore que dá piñas (pineas en lat.). Nome de lugar moi común en toda Galicia. Lugares das parroquias de Santa Baia, Vilaquinte e Lobelle. Ademais de carballos neste concello tamén deberon abundar os piñeiros.

O Porteiro. Derivado de Porto, paso dun río ou dun monte (portus). Hai 4 en Galicia e uns cantas persoas apelidadas así. Lugar da parroquia de Santa Baia.

O Porto. Paso dun río ou dun monte (portus). Topónimo moi común en toda Galicia. Lugares  das parroquias  de Buciños e Furco.

O Prado. Lat. pratum, co significado actual. Topónimo moi común en toda Galicia. Lugar da parroquia de Vilaquinte.

O Rañadoiro. Relacionado con Raña: sitio raído ou arrasado pola auga. Son 7 lugares en toda Galicia, pero ninguén se apelida así. Lugar da parroquia de  Furco.

O Souto. Lat. saltus, co significado coñecido de terreo con árbores. Palabra moi común en toda Galicia. O Souto é o berce de Xosé Luís Grande Grande (ilustre de Carballedo). Lugar da parroquia de Vilaquinte.

O Vao. Onde se pasa o río, do lat. vadum. Hai uns cantos en toda Galicia. Lugar da parroquia de Temes.

O Veredo. Do latín viretum, relacionado con verde, verdor. Son 4 en toda Galicia. Lugar da parroquia de Carballedo.

Oleiros. Aquí debeu haber xente que facía olas (recipientes para viño, etc). O Padre Sarmiento apuntaba a enterramentos antigos. Hai máis de 10 en toda Galicia e 99 apelidados Olleros. Lugar do que colle o nome a parroquia de Oleiros.

Os Chaos. Sitios planos, chans. Hai bastantes en toda Galicia. Lugar da parroquia de Vilaquinte.

Pacios. O mesmo ca Palacios ou Pazos (lat. palatium), boas casas. Topónimo moi común en toda Galicia. Lugar da parroquia de Chouzán.

Papelle. Relativo a un nome de persoa latino Pappius. Só existe este Papelle en toda Galicia e ninguén se apelida así. Lugar da parroquia da Cova.

Paradela. Diminutivo de parada (lat. parata): pousada, parada, fonda. Topónimo abundante en Galicia. Lugar da parroquia de Chouzán.

Pasarín. Terras ou casa de Passerinus, nome de persoa. Hai un en Aranga e outro en Guitiriz e 183 apelidados así. Lugar da parroquia de Temes.

Peago. No ano 998 xa se fala dun Pelagos, polo que debe aludir a un pequeno encoro, unha presa de auga. Hai 5 en Galicia e non se usa como apelido. Lugar da parroquia de Milleirós.

Penaboa. Lat. pinna/penna bona, pedra ou pena boa. Son 4 en toda Galicia e ninguén se apelida así. Lugar da parroquia de  Furco.

Pepes. Do apelido Pepiz, relacionado co nome de persoa Pepius. Só existe este en toda Galicia e tampouco é apelido. Lugar da parroquia de Castro.

Pico. Alto dun monte, lat. picus. Nome de lugar moi común en toda Galicia. Lugar da parroquia da Aguada.

Porrás de Abaixo e Porrás de Arriba. Terra na que abundan os allos porros, lat. porrum. Son 6 en toda Galicia e 100 as persoas apelidadas Porrás. Lugares da parroquia de Oleiros.

Portugalete. Pequeno Portugal. Hai un en Muros e outro famoso preto de Bilbao. Non hai apelidos Portugalete. Lugar da parroquia de Castro.

Pradeda de Abaixo e Pradeda de Arriba. Terreo con plátanos silvestres (nada que ver con prados), do lat. plataneta. No ano 947 xa se fala de Plataneta et Sancta Eogenia. Hai outros Pradeda en Baleira e Friol; e 20 persoas apelidadas así. Lugares que dan nome á parroquia de Pradeda. A igrexa románica está en Pradeda de Arriba

Puvieiros. Nicandro Ares pensa que pode ter que ver co latín pulvinarium, mura ou bancal no eido. Só existe este en toda Galicia e non se emprega como apelido. Lugar da parroquia de Castro.

Quintá do Monte. Quintá: (villa) Quintana, propiedade dun Quintanus;  a quinta parte dun terreo; mercado. Está Quintá está nun monte. Só existe este en toda Galicia, pero bastantes Quintá. Quintá é o berce de Xosé Randolfe Vilariño (ilustre de Carballedo). Lugar da parroquia de Pradeda.

Quintela. Antes foi Quintanella, que viña de Quintana –mercado-, derivado de Quinta (quinta parte dun terreo ou renda). Topónimo moi común en toda Galicia e hai 4547 individuos apelidados así. Lugares das parroquias de Lobelle e da Aguada.

Revelle. Terras ou casa dun tal Ravelius. Só hai outro en Vilagarcía de Arousa e non é apelido. Lugar da parroquia de Santa Cristina.

Riazón (priorato). Diminutivo de río. Hai 6 Riazón en Galicia, non é apelido. Está na parroquia de Veascós.

Rubiás. Ten que ver con rubio, lat. rubeus, relacionado coa cor da terra. Hai máis de 10 en toda Galicia e moitos apelidos castelanizados en Rubianes. Lugar da parroquia de Santa Mariña.

San Breixo. Corresponde a Sanctus Verissimus, mártir de Lisboa. Son 8 en toda Galicia. Lugar da parroquia de Veascós.

San Cibrao. Nome de santo, Sanctus Cyprianus. Son uns cantos en toda Galicia. Lugar da parroquia de Veascós.

San Cristovo. Nome de santo, lat. Sanctus Christophorus (portador de Cristo). Bastantes en toda Galicia. Lugar da parroquia da Cova.

San Lourenzo. Nome de santo, Sanctus Laurentius. Uns cantos en toda Galicia. Lugar da parroquia de Temes.

San Mamede. Nome do santo Mammetis. Uns poucos en toda Galicia. Lugar que lle dá o nome á parroquia de  San Mamede.

San Miguel. Nome de santo, Sanctus Michael. Nome hebreo latinizado, significa Quen coma El (Deus).Topónimo común en toda Galicia. Lugar da parroquia de Oleiros.

San Paio. De Sanctus Pelagius, un neno de Tui martirizado en Córdoba no ano 925, con moitos devotos en Galicia. Topónimo abundante Galicia. Lugar da parroquia de Lousada.

San Pedro. Nome de santo: Sanctus Petrus. Nome de lugar común en toda Galicia. Lugares da parroquias de Carballedo e Vilaquinte.

San Romao. Nome de santo, Sanctus Romanus. Son 6 en Galicia. Lugar do que colle o nome a parroquia de San Romao.

San Salvador. Nome de santo, en latín Sanctus Salvator. Abunda en toda Galicia. Lugar e nome da parroquia de  San Salvador.

San Trocado: Sanctus Torquatus, un dos sete varóns apostólicos. Hai outro en Allariz, nada máis. Lugar da parroquia de Buciños.

Santa Baia. Nome de santa, o mesmo que Santa Eulalia (do grego, a ben falada). Son uns poucos en toda Galicia. Lugares das parroquias Santa Baia (que colle o nome) e de Castro.

Santa Cristina. Nome de santa, Sancta Christina. Uns 10 en toda Galicia. Lugar que lle dá o nome á parroquia de Santa Cristina.

Santa Mariña. Nome de santa, Sancta Marina. Topónimo común en toda Galicia. Lugar que lle dá o nome á parroquia de Santa Mariña.

Saramagal. Terras onde abundan os saramagos (palabra árabe). Só hai outro no Porriño. Hai 3 Saramagoso (que debese ser o mesmo significado) en Redondela, Meis e Lousame (deste en Fruíme, a xente di Zaramagal). Ninguén se apelida Saramagal. Lugar da parroquia de Veascós. De aquí é orixinario o xogador de baloncesto Fran Vázquez.

Senín. Diminutivo do nome de persoa Sennius. Uns 8 en toda Galicia; 818 persoas apelidadas así. Lugar da parroquia de  San Romao.

Sergude. Do nome de persoa gótico Sisegutus. Son 3 en toda Galicia. Non é apelido. Lugar da parroquia de Vilaquinte.

Sergudiño. Diminutivo de Sergude (na parroquia veciña de Vilaquinte). Só existe este en toda Galicia e ninguén o usa como apelido. Lugar da parroquia de Oleiros.

Sever. (vila de) Severio, nome de persoa. Son 4 en Galicia e persoas o apelido Sever. Lugar da parroquia da Aguada

Soutelo. Diminutivo de souto, do latín saltus, terreo con árbores. Topónimo común en toda Galicia. Lugar da parroquia de Oleiros.

Surrego. Ao pé dun rego ou regato. Só existe este en Galicia. Hai un Sorrego en Moraña e máis de 100 persoas apelidadas así. Lugar da parroquia de Buciños.

Temes. Antigamente Temanes, relacionado con nome de persoa. Só existe este en Galicia e 173 persoas o teñen como apelido. O complexo de Temes é o máis importante tesouro arqueolóxico da contorna. Lugar que dá nome á parroquia de Temes

Tourón. Pode ter que ver cun touro grande ou tamén cun nome de persoa Tauron. Fernando Cabeza apunta a un sitio alto. Topónimo moi pouco común en toda Galicia e con 456 apelidados así. Lugar da parroquia de Vilaquinte.

Trasar de Carballo. Do nome de persoa Trassarius, + nome da árbore. O topónimo Trasar procede dun antigo (villa) Thrasarii que quere dicir “(explotación agropecuaria) de Trasario” Só existen estes dous Trasar e mais Trasariz; son 10 os individuos apelidados Trasar. A Casa do Tío Bernardo (Pepe) e a Casa de Baixo (Xan) son socios da SCG Os Parentes. Na cima do lugar hai un interesante peto das ánimas.Lugar da parroquia de Cartelos.

Trasar de Sabugueiro. Do nome de persoa Trassarius, explicado no anterior. A árbore ten que ver co latín sambucus, sabugo. Lugar da parroquia de Buciños.

Trasmontes. Detrás do montes. Só existe este en toda Galicia, pero hai uns 10 Trasmonte e 23 individuos apelidados así. Lugar da parroquia de Buciños.

Turza. Terra ou casa de Turtius, nome de persoa latino. Hai outros dous na Peroxa e Allariz, pero non se usa como apelido. Lugar da parroquia de  San Romao.

Val do Arado. Pode ser un val de arado (o que fai os regos) ou tamén un val de alguén chamado Aratus. Só existe este en toda Galicia e non é apelido. Lugar da parroquia de  Furco.

Vales. Plural de val (sitio fondo entre montes). Topónimo común en toda Galicia. Lugar da parroquia de  Marzás.

Valiño. Diminutivo de val (terreo fondo). Topónimo común en toda Galicia; hai 2548 apelidados Valiño. Lugar da parroquia de Lousada.

Veascós. Derivado de Velasconis, serían as posesións de Velasco. Só existe este en toda Galicia e non é apelido. Ten moi bo granito para as pedras de afiar. Lugar que dá nome á parroquia de Veascós.

Vilagarcía. Vila (Lat. villa: casa de campo) de García, nome anterior aos romanos. Son 4 en toda Galicia e 23 os apelidados Villagarcia. Lugar da parroquia de  San Mamede.

Vilaguillulfe. Lat. villa –casa de campo- e o nome visigótico Wiuliulfus. Algo así como terras de Guillulfo. Só existe este en toda Galicia e non se usa de apelido. A Casa do Pelcho-Penete (Tita) é un dos socios da SCG Os Parentes. Lugar da parroquia de Cartelos.

Vilanfesta. Do lat. villa infesta, casa empinada, elevada. Hai 2 máis, en Piñor e en Cea. Non é apelido. Lugar da parroquia da Cova.

Vilaquinte. Vila de Quinti, nome de persoa latino. Hai outro en Cervantes, non é apelido. Lugar que dá nome á parroquia de Vilaquinte.

Vilar de Mulleres.  Xa no ano 947 aparece in villares de mulieres. Significa o que di o nome, un lugar de mulleres. Só existe este en toda Galicia. Non é apelido. Lugar da parroquia de Lobelle.

Vilar do Monte.  Xa se entende o nome, un Vilar que está no monte. Son 6 os Vilar do Monte en toda Galicia. É un lugar da parroquia da Aguada.

Vilar. Lat. villaris, derivado de villa. Case sempre os lugares chamados Vilar son peores terras que os chamados Vila. Nome de lugar abundantísimo en Galicia. Lugar da parroquia da Cova.

Vilaverde. Dun antigo Villa Virdii, é dicir, Vila dun tal Virdius. Máis de 40 lugares levan este nome en Galicia. Lugar da parroquia de  San Salvador.

Viñás. Do lat. vinealis, relacionado coas viñas. En toda Galicia só hai outro nome igual en Chantada, pero son 2349 os apelidados así. Lugar da parroquia de Vilaquinte.

Xibiriz. Procede dun nome de persoa, tal vez Gibericus (Gibirici) ou Luberici. Non hai outro sitio en Galicia con este nome nin se usa como apelido. Lugar da parroquia de Oleiros.

Ximonde. Terras ou casa de Gemundus, nome de persoa visigótico. Con este nome hai 4 lugares en Galicia e un Ximondes. Non é apelido, pero hai un Condado de Ximonde. Lugar da parroquia de Veascós.

 


Carballedo é un concello de nomes singulares. Todos estes son topónimos exclusivos de Carballedo, que ademais non se usan como apelido en Galicia: Xibiriz, Vilar de Mulleres, Vilaguillulfe, Veascós, Val do Arado, Surrego, Sergudiño, Quintá do Monte, Puvieiros, Pepes, Papelle, O Curuxeiro, O Castro de Morgade, O Barrio de Puga, O Alto das Lamas, Lulás, Lulaíños, Lobagueira, Lixibán, Faíl, Esmolfe, Chouzán, Ceides, Casqueixeiro, Cas de Pedro, Cas de Moure, Carballidiño, Cambillán, Buxelle, Buciños, Ambasmestas, A Enfonxa, A Grixoá, A Lama de Fente, A Placería, Acilleiros, Alén do Río, Agrexán, Aguada. E estes catro que tamén son exclusivos de Carballedo, aínda que si se usan como apelidos: Trasmontes, Trasar, Temes, Lobelle. Uns 43 nomes exclusivos de Carballedo, dun total de 196 topónimos diferentes analizados.

Tamén é Carballedo terra de árbores monumentais e vimos moitos topónimos que fan referencia a árbores.


Parroquias do concello de Carballedo cos seus lugares:

A Cova (Seoane): A Cova, Arxemil, A Carballeira, O Catasol, Cima de Vila, Fondo de Vila, O Mallo, Outeiro, Papelle, A Ribeiriña, San Cristovo, A Vila, Vilanfesta, Vilar -Patrón da parroquia: San Xoán-

Aguada: Agrexán, O Alto das Lamas, Bidueiros, A Corveira, A Eirexe, Enxerto, Fufín, Marrubio, Nodar, Pico, Quintela, Sever, A Tolda, Vilar do Monte -Patroa da parroquia: Santa Baia-

Buciños: Buciños, Alén do Río, A Barreira, O Barrio, A Casa Grande, O Coedo, A Corna, A Corveira de Abaixo, A Eirexiña, Loureiro de Baixo, Loureiro de Riba, O Outeiro, O Porto, San Trocado, Surrego, A Torre, Trasar de Sabugueiro, Trasmontes -Patrón da parroquia: San Miguel-

Carballedo: Alence, Alto de Bustelo, Bustelo de Abaixo, Bustelo de Arriba, Carballedo, Casares, Castro de Morgade, Ceides, O Curuxeiro, Frameán, Lamas, Morgade, Outeiro, A Pontepedriña, San Pedro, O Veredo, Vila -Patroa da parroquia: Santa María-

Cartelos: Cartelos, Casa do Barrio, A Laxa, Trasar de Carballo, Vilaguillulfe -Patrón da parroquia: Santo Estevo-

Castro: O Bañal, O Bosque, A Canteira, Castro, Castrelo, A Eirexe, Nande, Pepes, Portugalete, Puvieiros, Santa Baia, A Tapada -Patrón da parroquia: San Cristovo-

Chouzán: A Cela, Chouzán, A Grixoá, Pacios, Paradela, A Pena, A Poxa, A Voutureira -Patrón da parroquia: Santo Estevo-

Erbedeiro: Adegas, Airoá, Erbedeiro -Patrón da parroquia: San Pedro-

Furco: Abelairas, Furco, A Matanza, Penaboa, O Porto, O Rañadoiro, Val do Arado -Patrón da parroquia: San Gregorio-

Lobelle: Lobelle de Abaixo, Lobelle de Arriba, O Piñeiro, Quintela, Vilar de Mulleres -Patrón da parroquia: San Cristovo-

Lousada: Lusada de Abaixo, Lousada de Arriba, A Barrela, Lulaíños, San Paio, Valiño -Patrón da parroquia: Santiago-

Marzás: Buxelle, Marzás, O Mato, Vales -Patroa da parroquia: Santa María-

Milleirós: Milleirós, A Ermida, Peago -Patrón da parroquia: San Xoán-

Oleiros: Ambasmestas, Bacelares, Carcacía, Cas de Moure, A Costa, O Fontao, As Gándaras, A Granxa, Lama, Laxiña, Oleiros, A Pena, Porrás de Abaixo, Porrás de Arriba, A Ribeiriña, San Miguel, Sergudiño, Soutelo, A Touza, A Uz, Xibiriz -Patrón da parroquia: San Miguel-

Pradeda: Pradeda de Abaixo, Pradeda de Arriba, Barrio de Puga, A Estibada, Quintá do Monte -Patrón da parroquia: Santiago-

San Mamede de Lousada: Faíl, Galegos, Lulás, San Mamede, Veiga, Vilagarcía -Patrón da parroquia: San Mamede-

San Romao de Campos: Campos, O Conchouso, Montouto, San Romao, Senín, Turza -Patrón da parroquia: San Romao-

San Salvador de Búbal: Búbal, Besteiriños, Cima de Vila, San Salvador, Vilaverde -Patrón da parroquia: San Salvador-

Santa Baia de Búbal: Gustei, Lixibán, A Lobagueira, Mazaira, Mundín, O Piñeiro, O Porteiro, Santa Baia -Patroa da parroquia: Santa Baia-

Santa Cristina de Asma: Anllo, Cas de Pedro, Esmolfe, Fente, Revelle, Santa Cristina -Patroa da parroquia: Santa Cristina-

Santa Mariña de Castro: Cotarelo, Freán, A Lama de Fente, O Pereiro, Rubiás, Santa Mariña -Patroa da parroquia: Santa Mariña-

Temes: Alvite, As Antes, A Cuqueira, A Enfonxa, A Laxa, Pasarín, San Lourenzo, Temes, O Vao -Patroa da parroquia: Santa María-

Veascós: Acilleiros, Alvarín, Busteliño, Cambillán, Carballidiño, O Folgar, A Ermida, Lamela, Outeiro, A Placería, A Raña, Riazón (priorato), San Breixo, San Cibrao, Saramagal, Veascós, Ximonde -Patrón da parroquia: Santa Mariña-

Vilaquinte: Casqueixeiro, Os Chaos, A Forxa, O Ladredo, A Laxiña, Meixonfrío, Nespereira, Outeiro, O Piñeiro, O Prado, San Pedro, Sergude, O Souto, A Torre, Tourón, A Touza, Vilaquinte, Viñás -Patroa da parroquia: Santa María-


FONTES DAS EXPLICACIÓNS

-En primeiro lugar o máis profundo agradecemento a:

·         Nicandro Ares Vázquez, Estudios de toponimia galega I, Real Academia Galega, 2012

·         Nicandro Ares Vázquez, Estudios de toponimia galega II, Real Academia Galega, 2013. Neste tomo explica todos os nomes dos lugares do Concello de Carballedo. De aí se tomaron  a maioría dos datos.
Don Nicandro Ares foi cura na Cervela (O Incio) antes do noso tío José González

-Tamén se tiveron en conta as opinións de: Fernando Cabeza Quiles. Os nomes de lugar. Topónimos de Galicia: a súa orixe e o seu significado. Edicións Xerais, 1992. A toponimia celta de Galicia, Toxosoutos, 2014

-Revisouse o Nomenclátor de Galicia e a Cartografía dos apelidos de Galicia


Xesús Ferro Ruibal, amigo dos Parentes Nicandro Ares

Como xurdiu este estudo da toponimia de Carballedo?

Foi Xesús Ferro Ruibal quen lles explicou aos Parentes o significado do nome do lugar no que teñen o domicilio, Trasar de Carballo. Logo faloulles dos libros de Nicandro Ares que explican a toponimia galega. Así xurdiu esta páxina colaborando SCG Os Parentes con Ogalego.eu coordinados por Anxo González Guerra. É unha contribución máis desta familia ao coñecemento e divulgación da nosa cultura, da lingua que nos legaron os devanceiros (véxase Fraseoloxía de Pilar Guerra).

Agradecemos as achegas que os lectores nos fagan sobre os nomes do noso concello, poden facelas nestes mails: parentes@osparentes.eu e ogalego@galicia.com


Semblanzas