Os Parentes Sociedade Cooperativa Galega


Xerra

Vimos esa xerra para o viño e entrounos a curiosidade, como se chama este tipo? Como se fai?
E fómoslle preguntar ao cesteiro de Lobelle, o Jesús.
E contounos que son xerras de vergaza. Fanse con vimbias, por fóra,  salgueiro, por dentro, e despois imprégnase co pez. Parece que o nome lles vén do arbusto vergaza, que tamén se pode usar coma unha vimbia.
As vimbias córtanse no comezo do ano para non danar a  vimbieira, faise unha coviña e entérranse cunha pouca terra por enriba, mesmo se o abril vén moi seco hai que lle botar algo de auga. Aí polos últimos de maio ou comezos de xuño, cando empezan a agromar, dan moi ben a casca coma todas as árbores. Nun día de sol, para que non collan humidade e se poñan negras, vanse pelando e poñendo ao sol para que sequen. Logo dunha vimbia normalmente fanse catro, córtanse na cima cunha coitela e  vanse traballando cos dedos.
Do salgueiro cóllese un toriño e logo sécase, antes facíase aproveitando a calor dos fornos de pan. Cando empezan a “chorar”, a soltar o zume, xa se dan moi ben. Dun toro fanse trinta ou corenta estelas ou cavacas para a xerra. Unha vez feitas poden botar anos que non se derraman, pero para traballalas hai que amolecelas de novo.
Vimbias por fóra, estelas de salgueiro por dentro e cubrir co pez para impermeabilizar.
Xerra feita, segundo o Jesús.
Grazas pola información que deixamos nesta nosa web por se é de interese para alguén.

Outro exemplo, coa mesma técnica é esta para poñer os paraugas.

Paraugas